mércores, 22 de xuño de 2022

Xogos para celebrar o final de curso

Este ano estábamos decididos a retomar a nosa saída máis esperada, na que compartiríamos coas familias un día de praia no que xantar xuntos, pero tras tantos días de tan intensas choivas, non quixemos arriscar e decidimos organizar unha nova xornada de xogos, asegurándonos estar a cuberto. Que pouco precisamos para pasalo ben!



E despois, puidemos compartir coas nosas familias un xantar "de campo" un tanto particular, e aínda que sabemos que o sitio non era o mellor do mundo, recoñecemos que o que o fai especial son as persoas coas que compartimos o noso tempo. Por iso, non podemos dicir nada máis que...
Grazas, familias!


E grazas tamén a Aurora e Carmen, que ademáis de compartir con nós o xantar, convidáronnos a xeados! Pero que sorte temos!!!


E ata aquí chegou este curso, no que vencimos o medo ao coronavirus, liberámonos das máscaras, puidemos reencontrarnos abrindo as portas da escola de novo e no que recuperamos a nosa ansiada normalidade. 

O curso que vén, máis e mellor. Iso, seguro!
FELICES VACACIÓNS 
E FELICES LECTURAS NO VERÁN!!!

Entrega de premios da VIII edición de MatesPazos e Recre-Retos

Como xa é tradición, o último día de cole aproveitamos para facer entrega dos premios de MatesPazos, aos que este ano temos que sumarlle os premios dos recre-retos de Chispa. Así que nesta fin de curso houbo premios por partida dobre. 

Para os participantes da nosa olimpíada matemática particular en forma de retos ODS, a esperada mochila - este ano de cor AZUL - e para os gañadores... Un xogo de mesa co que compartir as tardes de verán, na praia, no camping, na piscina ou onde a eles se lles ocorra.


Darío

Enzo e Silvia

Siney

Jimena, Celine, Diego, Elías e Alisson

Bravo por eles e bravo por elas!!!

E despois dos premios de MatesPazos, tocou facer entrega do premio dos recre-retos de Chispa. A verdade é que a idea era premiar con algo especial aos que se esforzaran por participar nos retos do recreo, pero foi tal o éxito desta proposta que non puidemos facer máis que premiarvos a todos e todas cunha botella reutilizable - xa sabedes, imos cos ODS a tope #ODS13 - e así levala a todas partes este verán e presumir de cole. Molona, verdade???

E así, estes agasallos servirán para lembrarnos durante o verán de todo o vivido neste intenso curso no que os ODS tiveron o total protagonismo.
#espazODSparaaconcienciACCIÓN

martes, 21 de xuño de 2022

Xogos tradicionais e merendola grazas á nosa ANPA molona

Que ben o pasamos hoxe!!! Gozamos dunha mañá de xogos tradicionais organizada pola ANPA do noso cole á que puideron sumarse as familias que se achegaron ata a escola. Unha fantástica xornada na que enredar cunha chea de brinquedos tradicionais que puxeron a proba as nosas habilidades.




Damos as grazas especialmente a Olaia, Pipi, Andrea, Rebeca, Laura, Lorena, Noelia, Eva e Tita que viñeron para poñernos unha merendola para todos. Que rico estaba todo, ñam, ñam...


E grazas tamén a todas as familias que pasastes pola escola para compartir un ratiño con nós! 

E por aquí vos deixamos un vídeo resumo do día de hoxe, editado pola ANPA.


Mañá toca despedirse ata o curso que vén!

luns, 20 de xuño de 2022

Concertazo!!!

Estes días toca celebrar o aprendido xuntos e hoxe tivemos a grandísima sorte de compartir unha incrible xornada con Xavier Lozano, un músico excepcional das cousas cotiás e que converte en instrumento calquera cousa: tubos, mangueiras, billas, pistolas de auga, chisqueiros, rodas, cadeiras, escaleiras... sáelle a música de calquera parte.


Desde primeira hora puidemos gozar construíndo os nosos propios instrumentos con obxectos de refugallo: unha guitarra mococorde de tensión regulable feita cunha garrafa de plástico e un asubío hipersonoro empregando un tubo de rego e unha palliña! Foi xenial!!! 





E que se lle buscamos unha segunda vida aos obxectos que ían parar ao lixo estaremos contribuíndo ao coidado do noso planteta. Así que este concerto-obradoiro vale por dous, xa que estaremos contribuíndo con el a conseguir os obxectivos da Axenda 2030.

Deixámosvos por aquí tamén algunhas fotos do concerto para que vexades o ben que o pasamos, e un pequeno vídeo de Xavi Lozano en acción. No volo perdades porque deixounos a todos e a todas coa boca aberta!!!






Aquí vos deixamos uns fragmentiños do que puidemos escoitar neste super conciertazo que nos dou Xavier Lozano. Xa estamos pensando en que volvas!!!



Pero o mellor, sen dúbida, as caras dos pequenos e pequenas, unha fermosa mistura entre a intrig, a sorpresa, a emoción e a risa. Vaia gozada de concerto!!!




#espazODSparaaconcienciACCIÓN