Amosando publicacións coa etiqueta Nutrición. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nutrición. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de febreiro de 2023

Volve o Lectura e Familias á Biblio Xoán Farias

Volve o Lectura e Familias á Biblio Xoán Farias!!!  

Queres vir pasar unha tarde xenial en torno á lectura xunto aos teus fillos e fillas? Desta volta será cun obradoiro sobre nutrición da man de Silvia Méndez Alonso, de V de Vegetal e con ela descubriremos cómo sacarlle todo o zume aos libros de receitas, cociñar xuntos e crear vínculos en torno á comida e os hábitos saudables de alimentación.

Neste obradoiro haberá dúas sesións: 
  • Unha, ás 16:00h, máis orientada ás familias de infantil ata 2º de Primaria 
  • E outra, ás 17:30h, máis enfocada nas familias de 3º a 6º.
Sabemos que nas familias, os seus membros teñen diferentes idades e que cada familia ten os seus propios ritmos, mais precisamos organizarnos. Valorade vós mesmos que vos encaixa mellor: se vir cos peques, cos maiores... ou facer doblete.

Animádesvos?

Preme na imaxe e anótate a través do formulario, indicando a sesión a que ides vir e o número de asistentes.


Sodes benvidas, familias!

luns, 30 de maio de 2022

Á rica ensalada!!!

Pero vistes ben o fermosas que temos as leitugas nos nosos bancais? É que con tantos coidados como lles dan os peques do cole que van todos os días a controlar que non haxa ningún caracol tomando o aperitivo e a colección de miñocas que andan recolectando para que traballen a terra, non podía ser doutra forma.

Ademáis, son 100% ecolóxicas. Non levan nada de química e o substrato saiu da nosa composteira. Así que mellor imposible. O venres tocou recollelas, que xa ían moi medradas. Vaia pinta máis boa! E alá que nos fomos para casa cun par de leitugas, ñam, ñam...


E con tan boa pinta, esta fin de semana tocounos de menú a máis de un...


EN - SA - LA - DA!!!
Ata se come nos bocatas, ñaaaaam!!!
#espazODSparaaconcienciACCIÓN


xoves, 19 de maio de 2022

Un obradoiro de nutrición no Mercado de Chispa

Hoxe tivemos a sorte de contar con Silvia Méndez Alonso, de V de vegetal, unha experta en nutrición que veu ata o cole para facer un obradoiro con cada un dos grupos, grazas aos Contratos Programa Innova, edu-saúde no que participamos.


E porqué insistimos tanto en isto de "comer ben"? Pois porque alimentación é un acto que repetimos entre 3 e 5 veces, todos os días das nosas vidas. Pero o certo é que non sempre que enchemos o estómago o noso corpo agradéceo, porque non sempre o facemos ben.
Parello a un incremento de productos procesados, ao tratamento artificial e indiscriminado de plantas e animais, á perda dos sabores que lles son característicos, e ao emprego de materiais e técnicas culinarias inadecuadas, estase producindo un incremento de 
enfermidades dexenerativas.

Sabías que a Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que Europa afrontará unha crise de obesidade de “enormes proporcións” cara a 2030, e sitúa a España entre os países nos que se agarda un incremento significativo dos problemas de sobrepeso? 

Por sorte, a alimentación é a mellor ferramenta que temos para combatilo e está nas nosas mans facelo dun xeito consciente e saudable.

E para iso realizamos estes obradoiros. En Educación Primaria aprenderon a observar e "destripar" as etiquetaxes de produtos alimentarios para entender cómo se presenta a lista de ingredientes e que reclamos empregan as empresas para vendelos. 



Así, calcularon a cantidade de azucres simples presentes nun alimento salgado, nun doce e en refrescos azucarados. Falaron dos efectos do consumo do azucre e cales son os seus substitutos saudables. 

Tamén traballaron sobre a cesta da compra saudable para a creación do "My Plate (Harvard)" Ademais, ao final do día cada quen levouse un plato de Harvard para casa, grazas á campaña do Gadis "alimentes", na que participamos ano tras ano.


E se os obradoiros dos maiores estiveron fenomenal, agardade a saber todo o que aprenderon os peques do cole. Elaboraron dúas receitas, unha salgada -"Guacamole de sardiñas"- e outra doce -"Nocilla guai"- con alimentos saudables e ecolóxicos.




Uns cociñeiros e cociñeiras de primeira!!!

E claro, algo tan saboroso e saudable e a esas horas... había que probalo! Un aperitivo que nos amosa que cociñar cos peques non só e divertido senon tamén fundamental se lles queremos transmitir a importancia de alimentarnos ben.


Porque comer ben, fainos medrar máis fortes!

xoves, 28 de novembro de 2019

Obradoiro de Nutrición e Alimentación Saudable no Mercado de Chispa

Hoxe foi un día especial, xa que grazas á colaboración da ANPA do cole puidemos contar coa presenza dunha nutricionista para realizar unha xornada de obradoiros sobre alimentación saudable e nutrición. E que mellor lugar para levala a cabo que o noso "Mercado de Chispa"?

Non podemos facer máis que darlle as grazas a María Eugenia Pastor Beceiro, experta en nutrición, que tiña preparado uns obradoiros moi activos para cada un dos diferentes cursos. Púxonos a traballar a todos... desde os máis pequenos aos máis grandes, a través de xogos e elementos lúdicos cos que pretendeu concienciar aos nenos e as nenas sobre o mundo dos ultraprocesados. Realmente, dounos moitas claves para comprender que a verdadeira revolución está na cesta da compra.

Tamén temos que darlle as grazas a Rebeca del Río, nai de Érica e tesoureira da ANPA, fotógrafa en Mirada de Madrina, por esas preciosas fotos que saca sempre e que fan que "O Mercado de Chispa" luza aínda máis bonito. 
Estade atentos porque os Rebuldeir@s de Pazos están ultimando a súa producción para amosarvos todo o que aprenderon... 
E ata aí podo contar! 

xoves, 27 de xuño de 2019

CHISPAS NUTRICIONAIS NO MERCADO DA MAGDALENA

https://photos.app.goo.gl/n8nJchevdw7cuvbBA
Reverso da Chispa nutricional
Estas son as imaxes tiradas hoxe pola mañá no MERCADO DA MAGDALENA. As CHISPAS NUTRICIONAIS son o produto final do Proxecto de Nutrición e Hábitos de vida saudables que levamos a cabo este curso no centro. Como vedes son marcapáxinas con información das propiedades nutricionais e/ou curiosidades de 25 froitas e 25 hortalizas. Fixemos moitas fotocopias e repartimos entre os postos e persoas que estaban no mercado. Grazas ás familias que hoxe puidestes colaborar para facer posible esta actividade!
Estamos traballando por contaxiar e animar á xente da nosa contorna a que coide a súa alimentación. 
Cremos que o imos conseguir! 
Ti súmaste?

luns, 3 de xuño de 2019

CHISPAZOS NUTRICIONAIS

https://photos.app.goo.gl/wsxAxr7BaSryJDK16

Hoxe comezaron os novos retos. Este curso cambiamos MATESPAZOS por CHISPAZOS NUTRICIONAIS e é que estamos moi convencidos da importancia de traballar a alimentación, a nutrición e os hábitos de vida saudables. 
As normas son, basicamente, as mesmas cás dos retos
matemáticos, aínda que garda algunha pequena diferenza
no deseño da actividade. A continuación amosamos a
a introdución por se hai algunha dúbida.
Estades animados e animadas? 
Lede, recordade e investigade!
O xogo comeza...
XA!










 

sábado, 1 de xuño de 2019

FÓRA DAS SÚAS PAREDES, PERO DENTRO DA BIBLIOTECA: O MERCADO DE CHISPA


Despois de case tres anos, por fin podemos dicir que O MERCADO DE CHISPA xa forma parte dos nosos espazos máis queridos. Todo comezou nunha reunión de Claustro onde a profe Kelly compartiu unha idea marabillosa: Xa que no centro contabamos con moito espazo, porque non crear un mercado nuha das aulas baleiras? Poderiamos traballar en todos os niveis e en todas as áreas dun xeito lúdico, manipulando e aprendendo ao mesmo tempo. Ese foi o xermolo!
Dende aquela ata hoxe moitos esforzos fixeron que o soño se fixese realidade. Temos que agradecer dun xeito moi especial a axuda prestada por dúas persoas. *De Tere Grille, a madriña de Mario, son as máxicas mans que crearon con mimo as froitas, hortalizas, carnes, embutidos, peixes, polbos, panes, doces e ata unha empanada. Un traballo meticuloso e de, non imaxinamos cantas, horas. Grazas polo teu tempo e por ese gran tesouro co que nos agasallaches. *E por outro lado, o bo facer de Francisco Rodríguez Cendán, profesor do IES Ferrolterra, que xunto co seu alumnado do Módulo de "Operacións básicas de carpintaría", do Grado Medio en Carpintaría e Moble, elaborou durante o curso 2016-2017, todo o mobiliario que vedes nas imaxes: carriños da compra, varios caixóns para as seccións de froitas e hortalizas, carnes e peixes, módulos con andeis e unha mesa con balda para a caixa. Un verdadeiro luxo! Moitas, moitas grazas!

martes, 9 de abril de 2019

OS DEUSES DO OLIMPO para as FAMILIAS

https://photos.app.goo.gl/wkjpwkaphskevMwe8
Onte, luns, invitamos ás familias a que nos acompañasen pola tarde para reproducir a gamificación que fixemos o pasado 30 de marzo co alumnado. A resposta foi magnífica! Contamos cun montón de participantes para esta "segunda entrega". Foi unha maneira de amosar o traballo que se leva a cabo no centro e os proxectos nos que estamos a desenvolver; así como dar a coñecer o resultado do Erasmus+ no que o pasado febreiro participou parte do profesorado nunha viaxe a Grecia.
Agradecemos a axuda prestada por Xaime e Aurora, así como a dalgúns maiores de 5º e 6º, que tamén axudaron na explicación e desenvolvemento das actividades. 
Non hai vídeo do "Sirtaki" final. 
Toda unha pena!! 
Era para grabalo, non si? 
Grazas a todos e todas pola vosa asistencia
e boa disposición!
Ata a próxima!

sábado, 30 de marzo de 2019

GAMIFICACIÓN CON SABOR A GRECIA


https://photos.app.goo.gl/XEWo7QvfXVciPgUU7
Dende a Biblioteca Xoán Farias,  o noso cole promoveu  unha xornada este venres na que, a través dunha gamificación, deu a coñecer á Comunidade educativa un proxecto de robótica vinculado ao Erasmus+ celebrado en Grecia no que, o pasado febreiro, participou parte do profesorado xunto a outros mestres da comarca.
Esta foi unha primeira sesión levada a cabo para a rapazada, celebrando así o Día da Poesía e o Teatro. 
Aínda que o eixo vertebrador é a cultura grega, o desenvolvemento xirou en torno aos dous grandes proxectos deste colexio: Robótica e Educación nutricional. Para iso puxemos en valor dous novos escenarios: un espazo creativo dentro da propia  Biblioteca (zona maker), e o recén estreado Mercado de Chispa, no que se potencian os hábitos saudables de alimentación e consumo, empregado tamén para traballar as matemáticas dende unha perspectiva máis vivencial e contextualizada.

Agradecemos a Xaime, o noso conserxe e a Aurora, a encargada do comedor, a súa axuda, sen a cal -coma sempre- as cousas seríannos moito máis complicadas.
https://photos.app.goo.gl/XEWo7QvfXVciPgUU7

PROBAS: 
Xogos Olímpicos (Circuíto de puntería e velocidade), no ximnasio e patio: Artemisa
Sirtaki (baile), na aula de música: Apolo
Menú grego (Ensalada, Moussaka, iogur grego), no Mercado de Chispa: Hermes
A Curuxa de Atenea move a cabeza (Arduino), na BibliotecaI: Atenea
Templo grego (Robot Mind), na Biblioteca II: Afrodita
Alfa e omega (DOC), no salón de actos: Poseidón
Deuses gregos (Dramatización. Chroma), na sala de audiovisuais: Zeus 
E Chronos cronometra o tempo.
E A XINCANA EMPEZOU!

Haberá unha segunda xornada que terá lugar o luns 8 do vindeiro mes, e estará aberto ás familias e resto da comunidade educativa.
Seguiremos contándovos, isto é un avance...




mércores, 20 de febreiro de 2019

MOITAS MÁIS FOTOS!

https://photos.app.goo.gl/W4WJBXgxX411npqN6


MOITAS MÁIS FOTOS PARA ENGADIR Á ANTERIOR ENTRADA
Grazas a Rebeca del Río, que unha vez máis foi xenerosa co seu tempo e arte. Acompañounos ao longo de toda a xornada e agora podemos gozar do seu traballo.

NUTRICIÓN, ESCAPE ROOM E POESÍA: Celebramos os 100 días de cole!

https://photos.app.goo.gl/EJLz6mD2tceqsnDJ7

https://photos.app.goo.gl/EJLz6mD2tceqsnDJ7

https://photos.app.goo.gl/EJLz6mD2tceqsnDJ7
Hoxe celebramos, no CEIP de Pazos, os 100 días de curso embarcándonos nun obradoiro de “Chuches saudables”, dentro do proxecto de NUTRICIÓN que estamos a desenvolver no colexio, e traballando a CONVIVENCIA e a INCLUSIÓN a través do xogo colaborativo cun ESCAPE ROOM en poesía.

O noso é un centro pequeno, con moitas posibilidades para facer este tipo de actividades motivadoras, xa que facilmente podemos organizar os equipos de forma que haxa alumnado de todas as idades, con diferentes roles e responsabilidades.
Seguro que estes días poderedes ver máis fotos, pero, de momento, se premedes na imaxe de arriba, farédevos unha idea de como transcurriu a mañá. Hoxe, os reporteros foron os maiores!!!

martes, 17 de abril de 2018

CHARLA SOBRE NUTRICIÓN: Iria Sánchez Anca

https://photos.app.goo.gl/Z1eararxSKx6Hhbt2
Despois do recreo, esta mañá, reunímonos na sala de audiovisuais para escoitar a Iria Sánchez Anca, unha dietista nutricionista que nos falou sobre a importancia dunha boa alimentación. Falounos do azucre e das graxas; dos alimentos máis saudables e dos hábitos alimentarios que debemos ir incorporando á nosa vida, se queremos estar sans. Logo desta charla, quedaros os maiores un tempo máis para preguntar dúbidas e falar máis polo miúdo.
Cremos de vital importancia traballar a nutrición dende todos os ámbitos que afectan aos nosos nenos, as familias e a escola, por suposto.
Agradecemos á ANPA, unha vez máis, a súa disposición para ofrecernos estas interesantes charlas que vén promovendo estes cursos. E tamén, a Iria, pola súa xenerosidade. Pola nosa parte, esperamos poder contar con ela cara ao vindeiro curso, xa que este tema vai dar moito que "roer"!!