Amosando publicacións coa etiqueta LÓVA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LÓVA. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de xuño de 2024

Pechando o curso con xogos populares e máis.

Dende a ANPA envíannos este vídeo. Hoxe foi un deses días intensos nos que de novo a comunidade escolar se xuntou para pasar unha mañá chea de emocións, primeiro unha impresionante exposición do proceso creativo da obra da Compañía LoVeznos, despois, a estrea da obra de teatro na A.VV. de Pazos, logo os Xogos Populares agasallados pola ANPA e ademais, tooodo o que alí había de larpeiradas para comer.


Dende o centro dámosvos as grazas ás nais e aos pais que estades aí sempre, apoiando e traballando para facer do noso colexio un mellor lugar. Grazas polo recoñecemento, polos ánimos e polas palabras de agarimo que recibimos onte as/os profes. Sabede que é recíproco e que valoramos e apreciamos as vosas mostras de cariño.  

Compañía LoVeznos a escena!

As tres alumnas e trece alumnos de "Quinto e Sexto Unidos", QSU, para os amigos, puxeron en marcha o proxecto LÓVA ( A ópera como vehículo de aprendizaxe), promovido polo Teatro Real e o CFR de Ferrol. 

Convertéronse na Compañía LoVeznos e hoxe, despois dun longo periplo durante todo o curso, estrearon a súa obra, "Sede de vinganza", na que contan a historia de dous irmáns que teñen contacto coa morte e entenden a importancia de aproveitar o tempo cos seres queridos e gozar dos bos momentos xuntos.

Valorámola como unha experiencia moi positiva, e, despois de ver hoxe os resultados, máis.

LÓVA é un proxecto moi completo e, noso caso, serviunos para reforzar a lingua galega, e para traballar a plástica e parte das matemáticas doutra forma, tamén a música e as ciencias sociais, axudou a coñecernos mellor, a crear vínculos, a enfrontarnos aos problemas, a resolvelos, a encaixar os fracasos, a escoitar aos demais e aceptar outras ideas... Dende LÓVA traballamos intensamente as relacións e as emocións...LÓVA axuda a asumir responsabilidades e a traballar a autonomía. 👌🏼

Felicidades a toda a Compañía LoVeznos, hoxe déstesnos moito.

venres, 31 de maio de 2024

Encontro das Compañia LOVA de Galicia

Preme nesta imaxe para acceder a todas as fotos.

Esta mañá participamos no Encontro de Compañías LÓVA de Galicia. Compartimos esta experiencia con vinte compañías máis! Arredor de  400 alumnos, con 21 postos para presentar os seus proxectos e obradoiros relacionados coas profesións de LÓVA: dramatización, vestiario, perruquería, escenografía, iluminación, son, Polos Creativos, imaxe... ademais de retos e dinámicas LÓVA.

A Compañía LoVeznos esta ultimando os seus preparativos para a estrea da obra, pero xa vos informaremos máis adiante. De momento trouxemos para a casa a idea reforzada de que o Proxecto LÓVA e unha grande oportunidade de aprendizaxe socio-emocional, multidisciplinar, unha experiencia motivadora que favorece a reflexión, a comunicación, a escoita activa, a participación, o respecto, a creatividade, a resolución de problemas, a autoxestión...


Gran día! Compañía LoVeznos, auuuuuuuuuu!!