Amosando publicacións coa etiqueta Educación de Calidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Educación de Calidade. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de marzo de 2023

Ioga na escola (4)

Xa botábamos de menos ter a Lali con nós! E que as súas sesións fannos moito ben, serven para conectar con nós mesmos e co mundo que nos rodea. A ver se para a próxima a primavera nos da algo de tregua e podemos estar no exterior para que xa sexa todo perfecto. 

Aínda así, desta volta aprendimos novas asanas e traballamos a concentración a través da respiración. 

Grazas por vir unha vez máis, Lali.

Preme na imaxe da cunca tibetana para acceder ao ábum completo.















mércores, 18 de xaneiro de 2023

Bienveneu! Erasmus+project

Hoxe tivemos unha visita moi especial, xa que é a primeira vez que abrimos as nosas portas para acoller a profesorado doutros países. Neste caso, foi un grupo de cinco franceses os que viñeron a compartir con nós a xornada para observar as nosas prácticas en canto ao uso da tecnoloxía, a inclusión e a ecoloxía. 

Esta actividade está enmarcada dentro do Job -Shadowing Activities (Special Needs, Ecology & ICT) promovido polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol, de forma complementaria ao Evento Multiplicador que terá lugar no CIS da Cabana esta semana, e no que tamen participaremos compartindo as nosas experiencias dentro do Proxecto de Internacionalización Erasmus+.

Preme nesta imaxe para acceder a todas as fotografías.

Puideron observar ao grupo de 5º e 6º de Primaria no recén estreado laboratorio "Deborah García Bello" realizar un obradoiro de ciencia, baseado na metodoloxía IBSE (Inquiry Based Science Education) e que incorporamos ás nosas prácticas de forma sistematizada grazas á formación recibida polo noso profesorado en Varsovia, dentro do proxecto Erasmus+.

Tamén viron ao grupo de 3º de Primaria, grabando algunha escena para a tarefa do libro colaborativo da Paz sobre o ODS7 empregando o croma na aula de audiovisuais "Margarita Ledo Andión".

No "Mercado de Chispa" puideron observar ao grupo de 6º de Infantil realizando unha tarefa de educación nutricional na que empregaban as tabletas para escanear os códigos de barras dos produtos do mercado, obter información nutricional sobre eles e recollela nunhas follas de traballo.


Pasaron tamén polas aulas de Educación Infantil e atopáronse con peques de 4º e 5º de infantil que estaban realizando unha actividade sensorial, fabricando "neve" e exporando as propiedades do xeo.


Na aula de 4º de Primaria puideron observar o apoio que se lle brinda ao alumnado con necesidades de apoio específicas, analizando o material empregado e a personalización do mesmo por parte do profesorado.

Na aula de 1º e 2º de Primaria estaban realizando unha actividade por estacións de aprendizaxe relacionada coas sementes na que empregaron múltiples recursos. 
Taboleiro para DOC e microscopio dixital

Compartiron tamén con nós o tempo de recreo no que, por ser mércores, tiñamos "Recre-Reto de Chispa" e no que realizamos xogos cooperativos con aros, zancos e cordas. 

E remataron a mañá coa observación dunha sesión de ALFIN/AMI co grupo de 4º de Primaria na zona de traballo STEAM da Biblioteca "Xoán Farias", na que empregaron tanto o material de Digicraft no teu cole como o de Polos Creativos.

E na aula de traballo cooperativo "Ángeles Alvariño" compartiron co grupo de 1º e 2º de Primaria os seus avances dentro da nova misión en torno ao ODS 7: Enerxía asequible e non contaminante, do noso PDI "espazODS_para_a_concienciACCIÓN".

Como vedes foi unha intensa mañá na que puidemos amosar aos nosos colegas franceses as nosas prácticas educativas. E, por suposto, non puideron marchar sen deixar a súa pegada no noso libro de visitas. Agardamos que o seu paso pola nosa escola deixe tamén unha forte pegada neles e ao chegar ás súas escolas compartan cos seus compañeiros as nosas boas prácticas educativas.

venres, 16 de decembro de 2022

"MAKE IT OPEN": Un escenario de aprendizaxe sobre alimentación saudable.

MAKE IT OPEN (MIO) é un proxecto de colaboración entre diversos axentes sociais co que construir a aprendizaxe de xeito globalizado dentro da filosofía "Open Schooling". Baseado na colaboración entre diferentes escolas que estean a traballar sobre o mesmo tema, familias, expertos, etc. coa finalidade de abordar diversos escenarios de aprendizaxe que resultan relevantes para o alumnado e a comunidade na que se desenvolven. Promóvese así unha actitude de cidadanía global activa.

Open Schooling é unha oportunidade de aprender xuntos no mundo real, ampliando os horizontes da escola para aprender doutras persoas de forma colaborativa. E nós c
omezamos a nosa andaina dentro deste formato de escola aberta da man dos Museos Científicos de A Coruña. 


Así que comezamos a nosa andaina dentro do Make it Open coa adaptación á nosa realidade dun escenario de aprendizaxe sobre alimentación saudable, aproveitando os recursos que tiñamos máis próximos, e para iniciar ao noso alumnado na busca de respostas por si mesmos e a elaboración de produtos finais concretos, dentro desta cultura "maker" que define o proxecto "MIO". 

Ao longo da semana fomos aprendendo sobre o tema cunha serie de propostas do máis variadas:
  • Comezamos cun "pecha-kucha" dunha selección de imaxes de Gregg Segal que serviríanos para reflexionar sobre os nosos propios hábitos alimentarios. Ademais, cada quen tomouse unha fotografía sobre o croma para sobrepoñela sobre as imaxes dos alimentos cos que nos identificamos.
  • Ao día seguinte falamos sobre o nivel de procesamento dos alimentos baseándonos nun vídeo que grabaran fai uns cursos os rebuldeir@s sobre "Realfooders vs Fakefooders

  • Traballamos coa aplicación YUKA e analizamos diferentes alimentos "con etiqueta" presentes no Mercado de Chispa e descubrimos que hai envases de produtos que parecen saudables e non o son. Polo que a nosa escolla ten que ser consciente xa desde o momento da compra. Analizamos, por tanto, o etiquetado e creamos os nosos envases de forma honesta.
  • O mércores, os maiores estiveron analizando a pegada ecolóxica dos produtos que consumimos, empregando un montón de recursos en liña que podedes consultar premendo na seguinte imaxe, se sodes tan curiosas coma nós.
  • O xoves planificamos a nosa receita: calculamos cantidades dos ingredientes, estimamos os tempos de preparación, "fixemos a compra" no Mercado de Chispa e traballamos cos tickets, comprobamos as incompatibilidades coas intolerancias alimentarias, investigamos sobre as propiedades dos alimentos que leva cada prato... e tamén recollimos por escrito todo isto  para deixar constancia do proceso de elaboración da receita paso a paso.
  • E o venres... tivo lugar unha feira de degustación dos petiscos saudables que cociñaron cada unha das aulas:
    • Os peques de 3 e 4 anos fixeron "Brochetas de cores"
    • Os peques de 5 anos elaboraron "Guacamole con sardiñas"
    • @s rebuldeir@s cociñaron "Trufas de cacao e laranxa"
    • Os tritóns de 3º de E.P. sorprendéronnos con "Mel-mazá"
    • Os tritóns de 4º elaboraron unha laboriosa receita de "Trufas de Nadal"
    • E os maiores, Q.S.U, deleitáronnos cunha "crema de avelás saudable"


Foi unha semana xenial na que aprendimos un montón! E non só de alimentación saudable, senón tamén de lingua, mates, e moitas cousas máis xa que tivemos que por en funcionamento as nosas habilidades e un sen fin de estratexias para resolver todas estas tarefas. Pensamos que isto dos "escenarios de aprendizaxe" veu para quedar... Xa estamos argallando o próximo...

venres, 2 de decembro de 2022

Ioga na escola (3)

Hoxe voltou Lali a facer ioga con nós, e así despedir o trimestre, e o ano. Pouco a pouco imos mellorando, e a verdade é que o ambiente que se respira nestas sesións fai posible reconectarnos co noso eu interior. 

Cánto aprendemos e cómo gozamos con estas sesións!







Ata o ano que vén, ioguis!



luns, 21 de novembro de 2022

Charla sobre o sector secundario: Raquel Quintía, compañeira de traballo dos pais de Emma e Mario.

 

(preme nesta imaxe para acceder ao álbum completo)

Hoxe achegouse ata o cole Raquel Quintía, compañeira de traballo dos pais de Mario e Emma en Quirón, unha das empresas que traballan dentro do estaleiro. Explicounos as fases da construcción de barcos, desde o deseño dos planos na oficina técnica - onde traballa Laura, a nai de Emma e Iago Regueiro - ata que o barco está completamente rematado. Ensinounos os talleres de elaborado, prefabricado, prearmamento, a montaxe en grada, a botadura, a construción no molle e ata as probas de mar.

Tamén falounos dos gremios que traballan en Navantia e cómo se coordinan todos os traballos a bordo do barco. A verdade é que quedamos moi sorprendidos da cantidade de xente que traballa alí e os tempos tan medidos que empregan.

Outra cousa que nos interesou moito foron as folgas de ASTANO alá polos anos 80 e cómo se reconvertiu o estaleiro, primeiro na fabricación de plataformas petrolíferas e agora cara a industria eólica mariña. E descubrimos por qué a grúa pórtico, tan recoñecible no noso "sky-line", agora é verde. E ti, sabes porqué escolleron esa cor? 

Pois convidámoste a que vexas este pequeno vídeo onde o explican.

E logo, rolda de preguntas. Xa sabedes que estamos en plena fase de investigación no noso PDI, polo que temos que preguntar moito para aproveitar ao máximo ás persoas expertas que nos acompañan.

E saíron temas moi interesantes: preguntáronlle se existía  diferenza salarial entre homes e mulleres, se lle custaba facerse valer no seu traballo, se había máis homes que mulleres... Xa vedes, que na semana do 25N, os micromachismos do día a día preocúpannos e moito. Afortunadamente en Navantia todos os traballadores cobran según convenio, polo que as diferenzas salariais non existen por cuestión de xénero, e desde hai anos está a aplicar unha política de discriminación positiva cara as mulleres nos procesos de contratación, polo que cada vez son máis e ocupan postos de responsabilidade.

Moitísimas grazas, Raquel. Aprendimos moitísimo con esta charla. Grazas por achegarnos un pouco a esta realidade tan próxima, pero á vez tan pouco visible, pois está oculta tras o muro do estaleiro. 



#espazODS_para_a_concienciACCIÓN