luns, 21 de novembro de 2022

Charla sobre o sector secundario: Raquel Quintía, compañeira de traballo dos pais de Emma e Mario.

 

(preme nesta imaxe para acceder ao álbum completo)

Hoxe achegouse ata o cole Raquel Quintía, compañeira de traballo dos pais de Mario e Emma en Quirón, unha das empresas que traballan dentro do estaleiro. Explicounos as fases da construcción de barcos, desde o deseño dos planos na oficina técnica - onde traballa Laura, a nai de Emma e Iago Regueiro - ata que o barco está completamente rematado. Ensinounos os talleres de elaborado, prefabricado, prearmamento, a montaxe en grada, a botadura, a construción no molle e ata as probas de mar.

Tamén falounos dos gremios que traballan en Navantia e cómo se coordinan todos os traballos a bordo do barco. A verdade é que quedamos moi sorprendidos da cantidade de xente que traballa alí e os tempos tan medidos que empregan.

Outra cousa que nos interesou moito foron as folgas de ASTANO alá polos anos 80 e cómo se reconvertiu o estaleiro, primeiro na fabricación de plataformas petrolíferas e agora cara a industria eólica mariña. E descubrimos por qué a grúa pórtico, tan recoñecible no noso "sky-line", agora é verde. E ti, sabes porqué escolleron esa cor? 

Pois convidámoste a que vexas este pequeno vídeo onde o explican.

E logo, rolda de preguntas. Xa sabedes que estamos en plena fase de investigación no noso PDI, polo que temos que preguntar moito para aproveitar ao máximo ás persoas expertas que nos acompañan.

E saíron temas moi interesantes: preguntáronlle se existía  diferenza salarial entre homes e mulleres, se lle custaba facerse valer no seu traballo, se había máis homes que mulleres... Xa vedes, que na semana do 25N, os micromachismos do día a día preocúpannos e moito. Afortunadamente en Navantia todos os traballadores cobran según convenio, polo que as diferenzas salariais non existen por cuestión de xénero, e desde hai anos está a aplicar unha política de discriminación positiva cara as mulleres nos procesos de contratación, polo que cada vez son máis e ocupan postos de responsabilidade.

Moitísimas grazas, Raquel. Aprendimos moitísimo con esta charla. Grazas por achegarnos un pouco a esta realidade tan próxima, pero á vez tan pouco visible, pois está oculta tras o muro do estaleiro. 



#espazODS_para_a_concienciACCIÓN

Ningún comentario: