Amosando publicacións coa etiqueta Inclusión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Inclusión. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de xuño de 2022

Día da Lingua de Signos

Hoxe, 14 de xuño, celébrase o Día Nacional da Lingua de Signos Española, e os peques do cole poñen en valor a importancia de coñecer a LSE, xa que grazas a ela reducimos as desigualdades e facemos o noso mundo máis inclusivo. Por iso dicimos:

LINGUA DE SIGNOS PARA INCLUIR

#espazODSparaaconcienciACCIÓN

sábado, 2 de abril de 2022

Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo #2deabril💙


Baixo o lema «Unha feliz viaxe pola vida» preténdese que a cidadanía tome conciencia do dereito das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e as súas familias a vivir unha vida feliz.

E falando sobre isto, démonos conta que as cousas que nos fan felices son practicamente as mesmas para todas as persoas, teñan TEA ou non. Para comprobalo, aquí vos deixamos cos vídeos que gravamos durante esta semana para tomar conciencia sobre o autismo, xa que todos temos en común moitas máis cousas das que pensamos: os amigos, a familia, as mascotas, a praia, a escola... 

venres, 3 de setembro de 2021

Novos espazos para este curso

E mentras que o noso alumnado estivo a gozar das merecidas vacacións de verán despois do curso tan intenso que nos tocou vivir, que estivo a acontecer no cole? 

Acondicionamos a Aula da Calma para crear un verdadeiro espazo de convivencia no que aprender a xestionar as nosas emocións, aberto ao diálogo e no que levar a cabo dinámicas de grupo diferentes. A que xa estades desexando estreala?




E tamén comezamos a dar os primeiros pasos para a transformación da Aula de Proxectos  nun espazo de traballo colaborativo para todos. Aínda temos moito por facer, pero isto acaba de comezar! 


Benvidos ao novo curso 2021/2022!

mércores, 12 de maio de 2021

Un patio para emocion-arte. Pintando con Blanca Vila.

Este ano máis que nunca, no que o distanciamento social é norma, precisábamos crear algo na nosa escola que nos emocionara. Así que mans á obra. 

Tras un proceso de reflexión decidimos encher o noso patio con cores que falen das emocións, do que nos gusta e o que nos disgusta, o que nos fai felices e o que nos da medo... Visibilizando os nosos sentimentos somos capaces de xestionalos. Así, entre todos e todas, facemos que o noso patio sexa un espazo único para a convivencia e a inclusión.

Pensando e pensando, animámosnos a realizar unha intervención artística sobre o muro gris que tiñamos na zona das gradas, para o que pedímoslle colaboración a Blanca Vila. Coñecédela, verdade? Blanca é unha ilustradora ferrolá vinculada ao Movemento das Meninas de Canido e que xa deixou a súa pegada noutros lugares do cole. Podedes ver esas "pegadas" premendo aquí.

Cada grupo, tras falar sobre as emocións en sesións de titoría, do que nos fai sentir ben e o que nos desagrada, realizou un deseño que simbolizase as súas inquedanzas sobre o tema. Xuntámonos así con 64 deseños, un por cada neno ou nena da escola, para formar un mural colectivo para emocion-arte. Creamos entre todos e todas algo que nos fai sentir o patio como propio, un lugar de encontro e un espazo para a convivencia.

Blanca Vila foi a encargada de trasladar os nosos deseños á parede e acompañounos en todo o proceso creativo. Moitas grazas pola axuda.

Ai... si, si! Que faltan as fotos do proceso. É verdade!












Pero isto é só unha mostra. Preme en calquera das fotos se queres velas todas, todas, todas.

Aínda non está rematado, non vos vaiades pensar. Fáltanlle os pequenos detalles e... ata aquí podedes saber. 

Non vos perdades o resultado final, eh?

venres, 16 de abril de 2021

A nosa horta: un espazo para a inclusión e a convivencia 🌱

Chegou a primavera e con ela, o tempo de sementar. Este ano non só amorodos e leitugas, senón sementar o xerme da rehabilitación do espazo exterior da escola de xeito que permita novos lugares de encontro e aprendizaxe. 

Moitas ideas están agromando nas nosas cabeciñas, Comezamos unha fermosa andaina na que pouco a pouco e entre todos e todas imos construir a escola que queremos: aberta ao noso entorno, constructiva, cooperativa e facilitadora de aprendizaxes para a vida, pero sobre todo, inclusiva .

E isto non é posible se non participan do proceso todos os axentes implicados: profes, familias pero sobre todo os nenos e nenas do cole. Pois nesas estamos.

Grazas á familia de Bruno dos rebuldeir@s puidemos reconstruir a zona dos bancais que quedara abandoada polo confinamento do curso anterior. Fixeron un traballo espectacular, pero claro, con colaboradores de tal talla, seguro que foi doado.

(Podedes ver máis fotos do proceso premendo na imaxe)

Grazas tamén ás outras familias que nos fixeron chegar plantas aromáticas, leitugas, coliflor, rábanos, chícharos, feixóns, tomates e pementos para plantar nos novos bancais. Esta semana tivemos moito traballo!


Xa estamos pensando en cales van ser os seguintes pasos: unha zona de asamblea, algún lugar de agocho, algún recanto tipo laboratorio... Hummmm, xa vedes que as cabezas non paran! 
Isto é o comezo dunha nova folla de ruta: queremos unha escola aberta á natureza, que sexa un verdadeiro lugar para a convivencia e a inclusión, que permita un aprendizaxe para a vida e que cree lugares de encontro e cooperación. 

En definitiva, unha escola para todas e todos.

martes, 1 de setembro de 2020

Estreamos sinalética

Uiiiiiii, que emoción!!! Chegar ao cole e descubrir que a nosa preciosa Biblioteca este curso vai estrear unha nova sinalética que a fará máis inclusiva!!! Temos novo cartel para a CDU, con diferentes subseccións que inclúe pictogramas de ARASAAC para facela máis comprensible para todos e todas.

Así si!!! E que aínda que parecese que estabamos "paradas", durante o mes de xullo reetiquetamos máis de 6500 volumes! Un currazo, pero pagou a pena para lograr que a nosa biblioteca sexa inclusiva.







venres, 6 de decembro de 2019

Ponte no meu lugar.

Xa van uns cantos cursos que gozamos dunha importante cita con estes compañeiros. Cada ano aprendemos deles e con eles. A súa visita sempre é unha experiencia gratificadora, moi motivadora e exemplar. Fannos reflexionar, algo que nestes tempos é tan necesario. O mundo vese moi distinto dende onde esteas, a través do cristal que o mires. Ás veces necesitamos doutros ollos que nos ensinen a mirar, que nos ensinen a ver. Non si? Pois iso é ao que os amigos de ASPANEPS nos axudan.


Sabedes que sempre envían material previo para que traballemos na aula cos maiores de 5º e 6º: a exposición e uns vídeos para ver, comentar, reflexionar… Así aconteceu tamén desta vez. Logo, na visita, convértennos nos protagonistas dun espazo pouco accesible como é o noso centro. Custa recoñecelo, pero é algo que se está a converter en teima. 
Cada decembro as cadeiras de rodas tópanse con distintos niveis que salvar para acceder ás aulas, ao patio, á Biblioteca, ao comedor…, e sempre un montón de chanzos. Se queres saír do centro e cruzar a rúa, un paso de peóns que remata nunha beirarrúa cunha altura considerable, pero cando dicimos considerable é, considerable. Imaxinades salvar unha altura duns 20cm cunha cadeira de rodas? Xa son problemáticos un ou dous centímetros; 20, imposible, claro!

Rematamos coa reflexión na aula, onde todos falamos, compartimos e analizamos os problemas que atopamos nas cidades e pensamos en como lles dar solución. É, en definitiva, unha boa forma de concienciarnos de que o mundo que nos arrodea é de todos e para todos e é a nosa obriga facelo accesible. Nós temos ese compromiso adquirido dende hai moito tempo e estamos desexando podelo cumprir no noso centro. Quedamos agardando unha vez máis. 

PONTE NO MEU LUGAR! 
Que escribiremos o vindeiro curso?