venres, 16 de abril de 2021

A nosa horta: un espazo para a inclusión e a convivencia 🌱

Chegou a primavera e con ela, o tempo de sementar. Este ano non só amorodos e leitugas, senón sementar o xerme da rehabilitación do espazo exterior da escola de xeito que permita novos lugares de encontro e aprendizaxe. 

Moitas ideas están agromando nas nosas cabeciñas, Comezamos unha fermosa andaina na que pouco a pouco e entre todos e todas imos construir a escola que queremos: aberta ao noso entorno, constructiva, cooperativa e facilitadora de aprendizaxes para a vida, pero sobre todo, inclusiva .

E isto non é posible se non participan do proceso todos os axentes implicados: profes, familias pero sobre todo os nenos e nenas do cole. Pois nesas estamos.

Grazas á familia de Bruno dos rebuldeir@s puidemos reconstruir a zona dos bancais que quedara abandoada polo confinamento do curso anterior. Fixeron un traballo espectacular, pero claro, con colaboradores de tal talla, seguro que foi doado.

(Podedes ver máis fotos do proceso premendo na imaxe)

Grazas tamén ás outras familias que nos fixeron chegar plantas aromáticas, leitugas, coliflor, rábanos, chícharos, feixóns, tomates e pementos para plantar nos novos bancais. Esta semana tivemos moito traballo!


Xa estamos pensando en cales van ser os seguintes pasos: unha zona de asamblea, algún lugar de agocho, algún recanto tipo laboratorio... Hummmm, xa vedes que as cabezas non paran! 
Isto é o comezo dunha nova folla de ruta: queremos unha escola aberta á natureza, que sexa un verdadeiro lugar para a convivencia e a inclusión, que permita un aprendizaxe para a vida e que cree lugares de encontro e cooperación. 

En definitiva, unha escola para todas e todos.

Ningún comentario: