E un ano máis, Trémola Teatro achegouse ata a nosa biblioteca para enchela de maxia e trasportarnos ao mundo das letras e da música da man de Luísa Villalta, sexta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas e outra galega máis das letras, entre moitas.
Luisa e Susana Villalta, fotografía do arquivo familiar que pode verse na exposición "Luísa Villalta, a memoria dos sons", na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.
Con "Luisa Villalta, a nena do violino", puidemos facer un percorrido desde a súa infancia - na que estaba inseparablemente unida ao seu "violino" - ata que descubriu o seu primeiro libro de poesía. A medida que crecía, Luisa Villalta enfrontouse a novas realidades que non lle gustaron moito e por iso decidiu que tentaría cambiar o mundo. Un percorrido pola vida e a obra da nosa homenaxeada, pola música, a literatura, a poesía, as aulas e o activismo social.
Preme nesta imaxe para ver máis fotos.
Que vivan as Letras Galegas e que viva Luísa Villalta!
E para celebrar as nosas Letras Galegas, hoxe tivemos a sorte de contar con Paula de Trémola Teatro, que achegouse ata a nosa Biblioteca para contarnos un montón de cousas sobre a vida e a obra de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado neste 17 de maio, a través dunha participativa obra de teatro que leva por título "Unha nova galaxia".
É que Paco quería cambiar o mundo aínda que non sabía como. Por iso, todas as noites falaba coas estrelas para pedirlles axuda. Non importaba se estaba só ou lonxe da casa, porque elas sempre o acompañaban.
Cando na ditadura as cousas comezaron a complicarse, Paco miraba as estrelas e soubo que era o momento de comezar unha loita silenciosa a través das letras.
A verdade é que foi unha sesión moi participativa, o que fixo que non perdéramos detalle da biografía de Francisco Fernández del Riego.
Pasámolo en grande. Que vivan as Letras Galegas!
E que veñan mil primaveras máis para a nosa lingua!!!
O pasado mes de abril, o noso centro participou no V Concurso de Podcast-Radio radio na biblio coa rapazada da clase de Tritóns de 3º.
Este concurso tiña como temática a figura de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023.
@s Tritóns investigaraon sobre a vida e obra deste escritor e realizaron no noso estudio "Son de Pazos" unha entrevista ficticia a Francisco Fernández del Riego onde repasaba os acontecementos máis importantes da súa vida e obra.
Estes días saíron os centros gañadores neste concurso. Desta vez non resultamos premiados, pero sen dúbida foi unha experiencia fantástica para os nosos Tritóns que de seguro seguirán facendo cousas marabillosas na nosa radio.
Deixamos aquí o enlace da entrevista e a nosa participación no V Concurso Podcast-Radio na Biblio.
Como cada ano e coa chegada da celebración do Día das Letras Galegas, mergullámonos a investigar a figura da persoa homenaxeada neste ano: Francisco Fernández del Riego.
Para investigar sobre a súa vida, empregamos o libro "Un día para as letras" elaborado polo colectivo Polo Correo do Vento.
Cada nivel gravou unha parte da vida e obra deste escritor tan importante para a nosa cultura galega e da nosa lingua. De entre as aportacións máis relevantes que fixo Don Paco, como lle chamaban os seus amigos, destacamos que foi o impulsor da celebración do Día das Letras Galegas no inicio da década dos anos 60, sendo Rosalía de Castro a primeira homenaxeada no ano 1963.
Ademais, Don Paco foi durante anos o presidente da Real Academia Galega.
Esperamos que con estes podcasts realizados polas nenas e nenos do noso centro descubrades moitas cousas interesantes deste prolífico escritor. Aquí tedes os enlaces do programa especial e dos fragamentos realizados por cada un dos niveis:
Programa íntegro.
3 e 4 anos.
Rebuldeir@s.
5 anos.
Tritóns de 3º.
Tritóns de 4º.
Q.S.U.
Para rematar, cada aula ilustrou cada un dos momentos máis destacados da biografía de tan ilustre persoeiro para elaborar o noso tradicional libro adicado á persoa elexida no Día das Letras Galegas 2023 e que quedará na nosa Biblioteca Xoán Farias para poder botarlle unha ollada, e que por primeira vez incluirá códigos QR para poder escoitar as gravacións feitas polo alumnado para celebrar esta data.
Grazas á Fundación ABANCA e a súa obra social, podemos coñecer un pouco mellor a vida e a obra do homenaxeado neste Día das Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego.
Non deixedes de probar estes estupendos recursos.
O misterioso salouco de Don Paco, ED. INFANTIL
Francisco Fernández del Riego: Do A ao Z, ED. PRIMARIA
Grazas á Real Academia Galega, que elaborou unha serie de audiovisuais sobre a vida e a obra de Francisco Fernández del Riego, podemos coñecer mellor a esta personalidade senlleira da nosa lingua.
Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) é o persoeiro escollido este ano pola Real Academia Galega para seres homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Galeguista e revolucionario, viviu na emigración do exilio unha vida chea de atrancos pero tamén de alegría e amor pola nosa língua.
Recoñecedor, xunto a Carvalho Calero e Paz Andrade da universalidade da língua galega, apostaba pola reconquista da fala grazas ao pobo, coa lusofonía como punto de encontro.
A continuación tedes un montón de recursos sobre Florencio Delgado Gurriarán aos que podedes acceder para traballar sobre a figura do homenaxeado premendo nas imaxes a continuación.
Primavera das Letras, da Real Academia Galega
As letras de Florencio
Seminario Galán
E finalmente aquí vos deixamos o poema musicado "Aí ven o maio" de Florencio Delgado Gurriarán sobre o mes de maio; un canto á natureza e á primavera grazas aos nenos e nenas de infantil do CEIP Juio Gurriarán, do Barco de Valdeorras. Bravo por eles!
Hoxe venres foi un día de festa para nós de principio a fin, xa que celebramos o Día das Letras Galegas por todo o alto. A semana pasada traballamos arreo sobre a vida e a obra de Xela Arias, ilustrando a súa biografía entre todos e todas e elaborando un mural para incluílo na colección de "Mulleres nas Letras".
E claro, quixemos pechar todo este traballo cun contacontos especial, polo que hoxe contamos coa presenza de Pedro Brandariz e o seu espectáculo "Senlleiras: As mulleres nas Letras" que nos viña ao pelo. Nel, un tal Castelao, detective "privao", encargounos unha dobre misión coa axuda destas mulleres senlleiras:
Rosalía de Castro,
Francisca Herrera,
María Mariño,
María Victoria Moreno e
Xela Arias.
(Se premes nesta foto accedes ao album completo)
Por unha banda, encargounos "salvar ao galego" de tanto criminal que hai polo mundo solto que que di "Sanjenjo", ou o que é máis grave aínda, que non lle fala en galego ás crianzas. Para iso con falalo abonda, polo que esta tarefa parece que será doada.
E por outra, "loitar por un mundo máis igualitario" no que nenas e nenos, mulleres e homes teñamos os mesmos dereitos, de xeito que cada quen poida chegar a ser quen queira ser.
Estivo xenial. Gozamos moitísimo con este contacontos. Se mirades as fotos poderedes comprobalo.
E despois... continuamos coa nosa celebración facendo o que fan os galegos... que non é outra cousa que pasalo ben a ritmo de gaita! (entre outras moitas cousas, claro!)
Primeiro bailamos a "global muiñeira", ese baile a ritmo de muiñeira e que puxo tan de moda aquel anuncio dun supermercado. Lembras? Para iso estivemos practicando moito coa profe Kelly quen nos ensinou os puntos deste baile. A verdade é que para grabar o anuncio aínda non nos sae, pero non o fixemos nada mal e pasámolo xenial.
Neste vídeo podedes vernos en acción!
E como broche dourado, viñeron desde Ares algúns membros de Trouleada para agasallarnos cunha pequena repichoca á que se uniron as profes Rosa, co bombo, e Araceli, coa pandeireta.
Grazas por acompañarnos nesta celebración un ano máis.
Se queres ver máis fotos, preme en calquera das imaxes a continuación.
E para despedir esta intensa xornada cantamos o Himno Galego ao son das gaitas. Foi un día completo e moi divertido no que gozamos das nosas tradicións e da nosa lingua.
E para celebrar o mes das Letras Galegas, o Concello de Ferrol lanzou un ano máis a súa programación teatral para os centros escolares, "Teatro con G", pero con limitacións de aforo, como todo. Por iso este ano non acudimos ao Teatro Jofre para ver algunha das obras ofertadas, como é costume e tivémonos que conformar con vela desde o cole, iso si, na pantalla grande, case, case coma no cine.
A obra escollida foi "As pitas baixo a choiva", unha versión teatral e musicada de Teatro Ghazafellos, da obra co mesmo nome de Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle adicou as Letras Galegas o ano pasado.
Como fai un ano estábamos aínda confinados, quedamos co arelo da estrea desta divertida obra de teatro na que Ludivina e Tereixa, dúas galiñas que viven no galiñeiro de Barreira pasan moitos traballos chocando un ovo á espera de que o neno Ricardiño vaia visitalas. Así que non podíamos deixar escapar a ocasión de vela!
Xela Arias Castaño, foi escritora, editora, tradutora e profesora de Lingua e Literatura. De nena estudou na granxa Barreiros, un proxecto pedagóxico innovador e no Colexio Fingoi. Máis tarde mudouse a Vigo por mor do traballo do seu pai, que era mestre. Alí desenvolvería a súa vida persoal e profesional.
Aos 18 anos comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, pasando de oficinista a editora e correctora. Compaxina este traballo con diversas colaboracións en publicacións como A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia ou Faro de Vigo.
Xela foi unha muller comprometida, ecoloxista e feminista. Participou en movementos culturais como a Festa da Palabra Silenciada, revista cultural producida por Feministas Independentes Galegas, ou en Burla Negra, contra o desastre do Prestige.
Entre as súas obras destacan Tigres coma cabalos e Darío a diario. Publica Intempériome no ano 2003, ano do seu inesperado falecemento. Este ano, vense de publicar como obra póstuma Non te amola!, única obra narrativa escrita a principios dos 90 na que se retrotrae á súa nenez.
Durante toda a semana pasada estivemos traballando sobre a biografía da homenaxeada. Como cada ano, escollemos oito momentos destacados da súa vida e ilustrámonos. Entre todos e todas compoñemos o mural que está na entrada do colexio.
Ademáis este ano fixemos colaborativamente a representación da súa imaxe, pois formará parte da colección de "Mulleres nas Letras", pois son xa 5 mulleres as homenaxeadas no Día das Letras Galegas:
Rosalía de Castro
Francisca Herrera
María Mariño
María Victoria Moreno
e agora, Xela Arias.
Pero queredes saber máis cousas sobre ela, verdade? Pois por aquí quedan unha chea de recursos cos que traballar ao longo desta semana nas aulas xa que, como moitos saberedes, ímolo celebrar o vindeiro venres 21 por todo o alto.
- Biografías -
- Recursos na rede -
Genially para todos os niveis da man de Burbullas de PT
Genially de Noemí García e Belén Martín Franco
Genially de Alba Carril e Ana Sánchez Sanmartín
- E máis e máis materiais para traballar a vida e a obra de Xela Arias -
Como a nosa é unha biblioteca moi creativa, esta semana aproveitamos os recreos na biblio para facer un obradoiro de chapas co gallo das Letras Galegas. Algúns grupos tiveron que continuar a tarefa nas aulas porque con tanto protocolo de desinfección, este tipo de actividades alónganse un chisco máis.
Lembrades aquelas instrucións elaboradas o ano pasado para o uso da máquina das chapas? Pois cada quen, seguindo esas instruccións tan visuais, puido elaborar a súa chapa de Xela Arias. Despois colocámola nunha cartolina que tiña por un lado unha pequena biografía da homenaxeada e polo outro, o Himno Galego.
Esta chapa ímola entregar o día que celebremos as Letras Galegas, o vindeiro vernes 21, a cada quen a que fixo, xa que así poderemos empregalo no solemne acto final no que todos xuntos cantaremos o noso himno.
E por aquí deixámosvos aos peques en acción, para que vexades o doado que é seguir as instruccións do manexo da máquina de chapas.
Levábamos moito, moito tempo agardando o ano no que se lle adicaran as Letras Galegas aRicardo Carvalho Calero, ilustre ferrolán. Historiador da literatura, crítico literário e filólogo; mestre, linguista e escritor; primeiro catedrático de lingua e literatura galega na USC; membro da Real Academia Galega; galeguista e reintegracionista, defensor da norma internacional para a nosa língua, para Carvalho Calero
"o galego, ou é galego-português ou é galego-castelhano". Premendo nesta imaxe podes acceder aos recursos elaborados por AGAL.
A Real Academia Galega decidiu adiar ata o vindeiro 31 de outubro a celebración oficial do acto das Letras, ante a situación sanitaria que estamos a viver. Mais son moitas asociacións culturais en Galicia que as que reclaman que o ano Carvalho Calero exténdase máis aló do 2020 e que o 2021 sexa tamén adicado á memoria do intelectual e mestre ferrolán.
Queres saber máis sobre Ricardo Carvalho Calero? Pois preme sobre esta imaxe de Carvalho Calero portando o "LH" deseñada pola tamén ferrolá Elga Fernández Lamas para a Editorial Embora, e poderás visualizar a exposición que estaría pendurada no corredor do cole.
De momento tócanos celebralo na rede, e a nosa contribución neste período de confinamento por mor da COVID-19 vén en forma de audiovisual. As imaxes coas que se realizou esta montaxe foron tomadas na gamificación dos "100 días de cole" na proba do "Teatro Jofre" no que cada grupo fixo unha improvisación sobre o relato de "As pitas baixo a choiva". Lembrádevos? Foi divertidísimo! As voces foron grabadas desde nas casas nestes tempos de confinamento grazas á colaboración das familias. Sen elas, ísto non sería posible.
Pero se queredes ver máis cousas bonitas sobre "As pitas baixo a choiva", premede na carátula do libro. Atoparedes un feixe de recursos e material elaborado pola Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística de Ferrolterra en colaboración coa Editorial Embora.
Se escoitades as músicas creadas para a representación teatral da man do "Teatro dos Ghazafelhos" e afinades ben a orella ata poderedes recoñecer unha voz un tanto "familiar" para moitas no noso cole...
Dadas as circunstancias que nos impiden celebrar o Día das Letras Galegas en torno a Ricardo Carvalho Calero do xeito que quixéramos, a explosión de recursos na rede foi xigantesca!
Preparádevos porque tedes unha chea de material co que ir coñecendo de a pouco ao homenaxeado. Para comezar, podedes ver este vídeo con formato de informativo sobre o homenaxeado, elaborado polo alumnado do CPI dos Dices, de Rois. É un pouco denso para os máis peques do cole, pero de seguro que aos maiores lles gustará velo para comprender un pouco mellor a importancia de Carvalho Calero para as nosas letras.
E tamén podedes ver esta "biografía cantada" do autor. Se prestades atención, poderedes aprender moitas cousas.
E agora comeza o bon! Sabemos o moito que vos gustan os escape-rooms, ese tipo de xogo no que tes que poñer en funcionamento o teu enxeño para resolver unha serie de probas que te van achegando a unha chave final que desvela unha sorpresa. Pois aí tedes, non un, nin dous, nin tres escape rooms, senón CATRO!!!
de Alba Carril Casanova (CPI de Vedra)
de Alba Carril Casanova (CPI de Vedra) e Ana Sánchez Sanmartín (CEIP Arquitecto Casas Novoa)
de Antón Rial (Colexio San Pío X)
de Patricia Sánchez Lamas
Se fixeches todos estes escape rooms estarás feito un experto sobre Ricardo Carvalho Calero, así que anímate a ver e a respostar a este preguntoiro musical. Ten moito ritmo e de seguro que pasarás un bo rato.
No portal da Real Academia Galega "Primavera das Letras" tedes tamén un montón de recursos. Navega por ela. Tes ao teu alcance actividades interactivas que podes facer "en liña" e tamén outras actividades descargables.
Para facer un percorrido pola súa obra, no Seminario Galán tes moitos materiais "en liña" aos que podes acceder, moi ben categorizados por cursos, desde Infantil ata 6º de Primaria. Neles faise fincapé na súa obra de poesía, novela e teatro, así como no campo da crítica literaria e no da lingüística galega.
E xa para rematar, outro lotiño de activides nesta última imaxe na plataforma Educaplay. Para todos os niveis. Así que veña, a por todas!!!
Buffff! Unha chea de actividades que facer. Realmente imos precisar un ano enteiro se queremos afondar como se merece neste persoeiro. Así que, membros da Real Academia Galega, precisamos que o ano 2021 sexa tamén para Ricardo Carvalho Calero!!!
Ricardo Carvalho Calero está considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico galego, que defende que o noso idioma é unha variante da lingua portuguesa. E ti, que pensas sobre a norma AGAL para o galego?
Déixovos un último vídeo para reflexionar sobre este asunto.
EXPOSICIÓN ORAL (Apoio en IMPRESS) "MULLERES"
-
[image: https://photos.app.goo.gl/Y2evvftTfB4yVw4D3]
Estas semanas pasadas estivemos preparando uns traballos sobre mulleres que
destacaron ou destacan na ...