Amosando publicacións coa etiqueta Recomendacións lectoras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Recomendacións lectoras. Amosar todas as publicacións

venres, 2 de xuño de 2023

domingo, 30 de abril de 2023

Recomendacións lectoras feitas co corazón

 E remata o mes de abril e por aquí quedan as vosas recomendacións lectoras feitas co corazón neste 2023!


luns, 19 de decembro de 2022

E veu Chispa e encheu de maxia a Biblioteca polo Nadal

Chis, chis, plof, plof! Chis, chis, plof, plof! 

Resoou polos corredores e alá que subimos ata a Biblioteca e... coma sempre, non alcanzamos a vela peeeeerooooo... deixounos unha chea de libros e moito máis como agasallo adiantado aos de Nadal. 


E por supostísimo, había carta:

E xa sabedes, non vos esquezades de incluir algún libro nas vosas cartas ao Apalpador, Papa Noel ou os Reis Magos. Aquí podes consultar as Recomendacións Lectoras da nosa meiga amiga.

E xa sabes, que se non les, non pasa nada, pero se les, pasan mooooitas cousas.

Chis, chis, plof, plof! Chis, chis, plof, plof! 

domingo, 11 de decembro de 2022

Recomendacións lectoras para este Nadal

Un ano máis, Chispa déixanos por aquí as súas recomendacións lectoras para que non vos esquezades de engadir algún libro na vosa carta ao Apalpador, PapáNoel ou Reis Magos, ou se queredes pasar pola vosa libraría de confianza para agasallarvos con tardes e tardes de lectura. 

E xa sabes, se non les, non pasa nada... 

Pero se les, poden pasar moooooitas cousas.

venres, 3 de xuño de 2022

Recomendacións lectoras para este verán

Velaiquí tedes as recomendacións lectoras de Chispa para este verán!!!

 


sábado, 23 de abril de 2022

Feliz Día do Libro 2022

E aquí están todas as vídeo-recomendacións lectoras que elaborou a noso alumnado ao longo deste mes. Tomade nota porque hai algunha ben interesante.

Feliz Día do libro e felices lecturas!

sábado, 2 de abril de 2022

Día do Libro Infantil e Xuvenil

Hoxe tamén é o Día do Libro Infantil e Xuvenil, e sabedes porque se celebra o 2 de abril? Porque un día como hoxe estaría de aniversario nin máis nin menos que o escritor danés Hans Christian Andersen, autor de "O parruliño feo", "A sereíña" ou "O traxe novo do emperador", entre outros... contos que forman parte do noso imaxinario colectivo, verdade? É quen non escoitou ou leu algunha vez algún destes contos!

Para celebralo, o vindeiro luns, día 4 teremos un pequeno agasallo para todas as familias que estades a participar no "Lectura e Familias", da man da ilustradora ferrolá Blanca Vila. Un saco para encher de contos e máis contos e levalos de aquí para alá! 

E algunha cousiña máis, pero iso xa é unha sorpresa. 

Xa sabedes que terá lugar a sesión do Lectura e familias con Vero Rilo & Sonsoles Penadique, na que estas dúas artistazas farán un percorrido musical polos cantos de colo, os contos encadeados e outros recursos da narración oral. Para non perdelo!!!

E agora vai a proposta deste mes de abril! Enchamos o blog de recomendacións lectoras feitas co corazón. Xa levamos dous cursos facéndoo e gústanos tanto, que non queremos parar de recomendar os libros que máis nos gustan. Así que...

Faite booktuber do cole de Pazos!


martes, 21 de decembro de 2021

E chegou a maleta de Chispa polo Nadal

E chegou o Nadal e como sempre, Chispa deixounos unha maleta chea de libros en cada unha das clases. Viña cargada de sorpresas e un montón de libros sobre inclusión e a redución das desigualdades. É que xa sabedes que, como ben din as portas da nosa biblio...

" Na diferenza está a igualdade"

"Non se trata de ter dereito a ser iguais,

senón de ter igual dereito a ser diferentes"


Lembrounos as recomendacións lectoras que nos fixo por se aínda estivéramos a tempo de incluir algún libro nas cartas ao Apalpador, Papa Noel ou Reis Magos e tróuxonos uns pequenos agasallos: uns lapis moi molóns para encher de cores este Nadal e unhas tarxetas de activista para ir completando a medida que avancemos coas misións dos ODS...


Unha maleta chea de ilusión e libros dos que dar boa conta á volta das vacacións de Nadal.

venres, 17 de decembro de 2021

Recomendacións lectoras para o Nadal

Este Nadal Chispa déixanos unha chea de recomendacións lectoras por se aínda estades a tempo de incluir un libro nas vosas cartas ao Apalpador, PapaNoel ou os Reis Magos. Unhas recomendacións que teñen moi en conta o valor da diferencia e cheas de valores para acadar un mundo mellor, en prol dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030.

E xa sabedes, que se non les non pasa nada,

pero se les, pasan moitas cousas.

venres, 7 de maio de 2021

E aquí van as derradeiras...

O ano pasado durante o confinamento iniciábamos esta sección coas recomendacións lectoras do alumnado feitas desde a casa. Este curso, ainda que xa non estábamos confinados, parece que lle collimos o gusto a isto do formato audiovisual e incorporamos ás nosas habilidades a creación de contido, superando en cantidade e calidade ás do curso pasado.

Ao alumnado, ofrecémoslle así a posibilidade de expresarse de forma natural sobre os seus gustos e intereses, poñendo en xogo as súas habilidades lingüísticas e as de tratamento da información. Descubrimos así talentos e rasgos da personalidade que poden pasar desapercibidos se non teñen ocasión a seren manifestados.

É marabilloso ter o blog da biblioteca cheíño de recomendacións lectoras feitas co corazón.

domingo, 2 de maio de 2021

E non paran de chegar máis e máis recomendacións lectoras

Seguimos sumando libros para crear a nosa xeografía lectora. Todos os libros que lemos deixan en nós unha pegada única e inesquecible. Por iso é tan importante escoller ben o que lemos.









venres, 30 de abril de 2021

E máis recomendacións lectoras con corazón 💓

Rematamos o mes de abril cunha chea de fermosas recomendacións lectoras feitas polos lectores máis molóns do cole e que sumamos á nosa sección de Booktubers. 

Que aínda non participaches??? Non pode ser!!!

Anímate a enviar o teu vídeo recomendando un libro co que gozaras moito a 

chispadepazos@gmail.com



 

 

luns, 26 de abril de 2021

Recomendacións lectoras feitas co corazón 💓

E xa comezan a chegar as primeiras recomendacións lectoras feitas co corazón, para continuar coa serie de Booktubers do cole de Pazos, iniciada no curso pasado durante o confinamento por mor da COVID-19.

Anímaste? Pois lembra o que nos dicía Chispa na súa última carta:





venres, 23 de abril de 2021

23 de abril: Día do Libro con libros... e máis 🍎


Este curso quixemos adicarlle o Día do Libro, novamente, a Xoán Farias, pois os seus libros son obras de referencia para nós: Cando Arturo escapou da casa, O can sen rabo, O mapa e os paxaros, As cousas de Pablo, Un tarro cheo de lapis, Algúns nenos, tres cans e máis cousas, Galego á beira do mar, A pousada do séptimo día, ... pero sobre todo Desde o corazón da mazá 🍎, pois a nosa Biblioteca é para o cole como ese corazón da mazá no que está agochado o xerme da vida. Todos eles forman parte das nosas "xeografías lectoras" e ao longo dos cursos van tecendo unha rede emocional que nos conecta co autor e coa nosa Biblioteca.

E falando de corazóns... Lembrades como estábamos fai un ano? Levábamos pouco máis dunhas semanas confinados cando Chispa lanzou a proposta das recomendacións lectoras en formato audiovisual e comezaron a chegar vídeos e máis vídeos provocando unha pandemia de recomendación lectoras.
Seríamos capaces de repetilo? Animámosvos a participar para encher a parede da entrada do cole cunha morea de recomendacións feitas co corazón. E cómo? Pois Chispa danos as claves na carta que chegou hoxe a primeirísima hora.



Pero que que está a falar Chispa na súa carta? Vídeo-contos? Se estades subscritos á canle do cole, de seguro que xa almorzastes con eles hoxe pola mañá. Pero, se non os vistes aínda, deixámolos por aquí: Catro adaptacións de catro obras de Xoán Farias: 
O mapa e os paxaros
Las cosas de Pablo
Un tarro cheo de lapis
e Galego. Á beira do mar.





Parabéns polo traballo realizado desde os máis peques do cole ata os maiores. Ben se ve que lle estades collendo práctica a isto do formato audiovisual. De momento, esta é a forma que temos de "atoparnos" e compartir.

Feliz Día do Libro e felices lecturas.

martes, 22 de decembro de 2020

E polo Nadal tamén chegan as maletas de Chispa

E como sempre, chega o Nadal e chega Chispa coas maletas ben cargadas de novidades para a nosa Biblioteca. Lembrades cando aparecía a Biblio repleta de libros, libros e máis libros e soaba ese inconfundible Chis, chis, plof, plof! polos corredores que facía que saísemos correndo a encontarnos todos xuntos alí? Que lindos recordos! 

Mais a nosa meiga está segura de que xa queda menos para que toda esa maxia regrese e mentras tanto, non se esquece de nós. De novo, deixounos as catro maletas nas portas de cada unha das aulas, rápida e intrépida como é ela sempre... pois... sempre escapa! Nin @s rebuldeir@s, que son os que están máis preto da porta, foron quen de vela! 

Preme na foto das maletas para ver todas as fotos de ese día.

Como sempre tamén, unha carta en cada maleta, lembrándonos que aínda estamos a tempo de incluir algunha das súas recomendacións lectoras nas nosas cartas ao Apalpador, Papa Noel ou os Reis Magos.

 Porque xa sabedes que se non les, non pasa nada... 

pero que se les, pasan moitas cousas!


mércores, 16 de decembro de 2020

Escribiches xa a túa carta? Non esquezas incluir un libro!

Chega o Nadal e os arelos de compartir coa familia estas datas tan sinaladas. Panxoliñas, luces de cores, turróns e mazapáns... e de seguro que todas e todos estades ás voltas coas cartas ao Apalpador, a Papá Noel e aos Reis Magos, non vaia a ser que olvidemos algún!

Pois lembrádevos de incluir algún libro nas vosas cartas para soñar con mil e unha aventuras e mundos imaxinarios. Porque xa sabedes que se non les, non pasa nada, pero que se les poden pasar moitas cousas! 

FELICES LECTURAS NO NADAL!!!

venres, 12 de xuño de 2020

Felices lecturas no verán


E este curso xa está a piques de rematar. Foi un curso atípico, no que levamos case tres meses alonxados das aulas, e no que non teremos apertas de despedida... Pero foi un curso que sen dúbida estivo repleto de emocións. Este 2020 non o esqueceremos facilmente. 

Un ano máis, Chispa déixavos as súas recomendacións lectoras para o verán, e quen sabe se, en setembro, moitas delas virán na súa maleta.  
Voltaremos a vernos, a encontrarnos nos corredores, no patio, nas aulas... pero tamén na Biblioteca. E ese Chis, chis, plof, plof! máxico resoará con forza por todo o cole de Pazos.





Felices lecturas no verán!!!
E xa sabes: 

Se non les, 
non pasa nada...
Pero se les, 
pasan moitas cousas!!!