Amosando publicacións coa etiqueta Gadis. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gadis. Amosar todas as publicacións

xoves, 19 de maio de 2022

Un obradoiro de nutrición no Mercado de Chispa

Hoxe tivemos a sorte de contar con Silvia Méndez Alonso, de V de vegetal, unha experta en nutrición que veu ata o cole para facer un obradoiro con cada un dos grupos, grazas aos Contratos Programa Innova, edu-saúde no que participamos.


E porqué insistimos tanto en isto de "comer ben"? Pois porque alimentación é un acto que repetimos entre 3 e 5 veces, todos os días das nosas vidas. Pero o certo é que non sempre que enchemos o estómago o noso corpo agradéceo, porque non sempre o facemos ben.
Parello a un incremento de productos procesados, ao tratamento artificial e indiscriminado de plantas e animais, á perda dos sabores que lles son característicos, e ao emprego de materiais e técnicas culinarias inadecuadas, estase producindo un incremento de 
enfermidades dexenerativas.

Sabías que a Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que Europa afrontará unha crise de obesidade de “enormes proporcións” cara a 2030, e sitúa a España entre os países nos que se agarda un incremento significativo dos problemas de sobrepeso? 

Por sorte, a alimentación é a mellor ferramenta que temos para combatilo e está nas nosas mans facelo dun xeito consciente e saudable.

E para iso realizamos estes obradoiros. En Educación Primaria aprenderon a observar e "destripar" as etiquetaxes de produtos alimentarios para entender cómo se presenta a lista de ingredientes e que reclamos empregan as empresas para vendelos. 



Así, calcularon a cantidade de azucres simples presentes nun alimento salgado, nun doce e en refrescos azucarados. Falaron dos efectos do consumo do azucre e cales son os seus substitutos saudables. 

Tamén traballaron sobre a cesta da compra saudable para a creación do "My Plate (Harvard)" Ademais, ao final do día cada quen levouse un plato de Harvard para casa, grazas á campaña do Gadis "alimentes", na que participamos ano tras ano.


E se os obradoiros dos maiores estiveron fenomenal, agardade a saber todo o que aprenderon os peques do cole. Elaboraron dúas receitas, unha salgada -"Guacamole de sardiñas"- e outra doce -"Nocilla guai"- con alimentos saudables e ecolóxicos.




Uns cociñeiros e cociñeiras de primeira!!!

E claro, algo tan saboroso e saudable e a esas horas... había que probalo! Un aperitivo que nos amosa que cociñar cos peques non só e divertido senon tamén fundamental se lles queremos transmitir a importancia de alimentarnos ben.


Porque comer ben, fainos medrar máis fortes!

venres, 6 de marzo de 2020

I Mini-maratón Kathrine Switzer no CEIP de Pazos

Todo comezou haberá cousa dun mes coa aparición duns misteriosos carteis co número 261 polos corredores do centro... Ningúen sabía de que se trataba, pero a profe Paula estaba tramando algo moi grande. Ningunha das profes daba pistas sobre o asunto así que tras varios días de incertidume, os maiores do cole descubriron o segredo, para o que tiveron que empregar as estratexias aprendidas na búsqueda de información.

O número 261 era o que levou Kathrine Switzer na Maratón de Boston, convertíndose así na primeira muller que correu unha maratón con dorsal. Todo isto aconteceu no ano 1967, ano no que esta proba deportiva era exclusiva para homes. 
Non foi doado: Kathrine tivo que inscribirse na carreira empregando só as súas iniciais (KV. Switzer) para conseguir o dorsal. E durante a carreira, tentaron apartala da competición, pero non o conseguiron.
Cinco anos máis tarde, e grazas á súa valentía, as mulleres de todo o mundo poden correr oficialmente a maratón, considerada a proba máis dura do atletismo.

Se queres saber máis sobre este feito, podes ver este video.


E así, co impulso da nosa profe Paula, foi como xurdiu a idea de celebrar o #8M no noso cole coa "I Mini-maratón Kathrine Switzer", recoñecendo a valentía desta pioneira e para valorar como, con entrenamento, todos e todas podemos lograr o mellor de nós mesmos.




- preme nesta imaxe para acceder ao album das fotos do cole -

Foi unha xornada divertidísima na que houbo entrega de dorsais, desfile dos participantes, carreiras por idades nas que participaron tamén as nosas familias, entrega de medallas e baile final.
Unha gran festa do deporte, a amizade e o compañerismo, o feminismo e a alegría.

E se queredes máis fotos, premendo na seguinte foto poderás acceder ao álbum coas incribles fotos de Rebeca del Río, que sempre nos saca increíblemente ben... 


Temos que dar as grazas tamén ao Gadis, polo avituallamento; ao Concello de Ferrol polo empréstito do material de sinalización e por supostísimo a todas as familias que puideron vir compartir con nós este día. 


Saiu todo tan ben e disfrutamos tanto que isto ten tooooda a pinta de converterse nun clásico, verdade? 
A que xa estades pensando na próxima edición da "Mini-maratón Kathrine Switzer"? Nós si!!!




mércores, 15 de xaneiro de 2020

Saída ao Gadis de Portanova


Como apoio ao noso proxecto de alimentación e vida saudable que estamos levando a cabo no noso cole, hoxe fixemos unha visita ao Gadis de Portanova, un dos centros desta cadea de supermercados nos que se está a desenvolver o programa ALIMENTES: Unha aposta educativa para fomentar os hábitos de consumo responsable e unha alimentación saudable dos máis novos das casa. Ademais, desde a propia web da campaña, tedes acceso a un montón de materiais didácticos moi atractivos que podedes facer desde a casa entorno a estes catro eixos: alimentación saudable, vida activa, consumo responsable e desperdicio alimentario.

Nesta visita ademais de ensinarnos as diferentes seccións do supermercado faláronnos da importancia da alimentación sobre a nosa saúde. Aprendemos como se clasifican os alimentos na pirámide de nutrición e que esta indícanos a frecuencia coa que debemos consumilos. A base dunha alimentación saudable reside en comer todos os grupos de alimentos, pero priorizando os productos frescos e incluíndo unha importante cantidade de froitas e verduras.

Ao final da visita obsequiáronnos cunha mochila cunha pequena merendiña saudable da que gozamos no parque de Portanova. Como nos gustan estas visitas nas que temos oportunidade de espallarnos un pouco pola nosa cidade!