xoves, 19 de maio de 2022

Un obradoiro de nutrición no Mercado de Chispa

Hoxe tivemos a sorte de contar con Silvia Méndez Alonso, de V de vegetal, unha experta en nutrición que veu ata o cole para facer un obradoiro con cada un dos grupos, grazas aos Contratos Programa Innova, edu-saúde no que participamos.


E porqué insistimos tanto en isto de "comer ben"? Pois porque alimentación é un acto que repetimos entre 3 e 5 veces, todos os días das nosas vidas. Pero o certo é que non sempre que enchemos o estómago o noso corpo agradéceo, porque non sempre o facemos ben.
Parello a un incremento de productos procesados, ao tratamento artificial e indiscriminado de plantas e animais, á perda dos sabores que lles son característicos, e ao emprego de materiais e técnicas culinarias inadecuadas, estase producindo un incremento de 
enfermidades dexenerativas.

Sabías que a Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que Europa afrontará unha crise de obesidade de “enormes proporcións” cara a 2030, e sitúa a España entre os países nos que se agarda un incremento significativo dos problemas de sobrepeso? 

Por sorte, a alimentación é a mellor ferramenta que temos para combatilo e está nas nosas mans facelo dun xeito consciente e saudable.

E para iso realizamos estes obradoiros. En Educación Primaria aprenderon a observar e "destripar" as etiquetaxes de produtos alimentarios para entender cómo se presenta a lista de ingredientes e que reclamos empregan as empresas para vendelos. 



Así, calcularon a cantidade de azucres simples presentes nun alimento salgado, nun doce e en refrescos azucarados. Falaron dos efectos do consumo do azucre e cales son os seus substitutos saudables. 

Tamén traballaron sobre a cesta da compra saudable para a creación do "My Plate (Harvard)" Ademais, ao final do día cada quen levouse un plato de Harvard para casa, grazas á campaña do Gadis "alimentes", na que participamos ano tras ano.


E se os obradoiros dos maiores estiveron fenomenal, agardade a saber todo o que aprenderon os peques do cole. Elaboraron dúas receitas, unha salgada -"Guacamole de sardiñas"- e outra doce -"Nocilla guai"- con alimentos saudables e ecolóxicos.




Uns cociñeiros e cociñeiras de primeira!!!

E claro, algo tan saboroso e saudable e a esas horas... había que probalo! Un aperitivo que nos amosa que cociñar cos peques non só e divertido senon tamén fundamental se lles queremos transmitir a importancia de alimentarnos ben.


Porque comer ben, fainos medrar máis fortes!

Ningún comentario: