Na proposta de hoxe do Proxecto Digicraft no teu cole, xogamos a construír instrumentos musicais con material de refugallo e as placas makey-makey dos kits "Instant Digital Skills". Pero como pode ser que uns vasos de iogur soen a batería ou que poidamos tocar o piano cunha caixa de cartón? Pois todo é grazas ás placas makey-makey, que tivemos que aprender a conectar e a un pequeno programiña de scratch que permite reproducir sons dos instrumentos musicais escollidos cando se pechan os circuítos eléctricos. Cantas posibilidades poden darnos estas ferramentas tecnolóxicas, verdade? Poderías construír un piano usando froitas? E quen di un piano, di calquera outro instrumento musical.
Mirade este vídeo porque á volta temos que argallar para facelo, eh? Estades avisados!
Nesta sesión de Digicraft no teu cole convertémonos en cazatesouros. Para acceder aos materiais que estaban gardados nun cofre pechado cun candeado, o grupo dos tritóns de 3º e 4º de Primaria tivo que resolver unha xincana de catro probas nas que entraba en xogo o enxeño de cada equipo. Resolvéndoas correctamente todas obterían cada unha das cifras do candeado que abre o cofre.
A primeira delas estaba oculta nun mapa... tiveron que darlle un montón de voltas para dar co número agochado.
A segunda cifra conseguírona a través dunha app, mirando debaixo dun barco... Como??? Iso que volo conten eles!
A terceira estaba nun acertixo que para descubrilo tiñan que introducir unhas coordenadas GPS na aplicación de Google Maps.
E a cuarta... ai, a cuarta!!! Tivérona sempre nas mans e non se daban conta.
E así foi como conseguiron abrir o candeado do cofre. Diego Bra, o máis pequeno do grupo, foi o encargado de abrilo e... voilá! Dentro do cofre había unha pirámide holográfica que nos permitiu visualizar vídeos en 3D e catro cubos Merge cos que experimentar coa realidade aumentada.
Foi unha auténtica pasada e fixérono todos fenomenal!
Como sei que quedastes encantados cos hologramas, déixovos por aquí un vídeo para construír a vosa propia pirámide holográfica caseira, pero lembra pedir axuda a algún adulto para facelo. E unha vez que a teñas feita, nesta ligazón poderás ver un montón de exemplos de vídeos holográficos para probala.
Na sesión de hoxe de Digicraft no teu cole coñecemos un material novo dos kits tecnolóxicos "Instant Digital Skills": as placas makey-makey. Son unhas placas similares ao mando dunha vídeoconsola, coa que se poden enviar ordes ao ordenador ou tableta ao que se atope conectado. En vez de pulsar os botóns o que facemos é pechar un circuíto mediante contactos ou pinzas de crocodilo. Así, podemos converter calquera obxecto da vida diaria nun teclado, un mando ou un rato. Creamos un labirinto en papel empregando uns lapis con mina superconductora (4B), un pouco de papel de aluminio, uns imáns potentes e uns cables crocodilo como elementos dos circuítos, de xeito que cando uns dos imáns toque as paredes do labirinto, pecharase o circuíto e a tableta reproducirá un son, grazas a un sinxelo programiña de scratch. Unha primeira aproximación ao funcionamento das placas makey-makey que nos serviu para refrescar na memoria esas primeiras pinceladas de circuítos electrónicos que tivemos no trimestre pasado nos obradoiros STEAM da biblioteca. Lembras?
E na sesións desta semana de Digicraft no teu cole pasámolo xenial, ademais de aprender un montón. Fomos quen de crear o noso propio videoxogo empregando só unha folla de papel e rotuladores. Increíble pero certo!!!
Seguindo unhas pequenas instruccións creamos os nosos escenarios (rotulador NEGRO), colocamos algunhas plataformas de salto (rotulador VERDE), os elementos a manipular (rotulador AZUL) e por suposto aos nosos viláns (rotulador VERMELLO). Escaneamos e listos... A xogar no noso debuxo!!! Despois dos primeiros intentos, démonos conta de cómo poderíamos mellorar o deseño tanto do escenario como dos elementos de xogo, e así, redeseñamos o noso propio videoxogo. Queres probalo en casa? Colle a túa tableta ou teléfono e escanea este código QR para descargarte a aplicación gratuitamente e a xogar!
Sen dúbida esta fin de semana temos moito que celebrar, xa que a nosa Biblioteca entrará a formar parte no presente curso 2019 / 2020 nos proxectos de"Bibliotecas Creativas" e "Digicraft no teu cole", que buscan achegar ao alumnado a robótica e a linguaxe de programación a través de retos STEAM, introducíndoos na cultura "maker" e facendo da Biblioteca Escolar un verdadeiro espazo de creación e laboratorio de ideas.
O primeiro dos programas - Bibliotecas Creativas - conta cunha dotación de escornabots e materiais para a impresión 3D, e desenvolverase durante 3 cursos consecutivos, nos que irase ampliando os materiais.
O segundo - Digicraft no teu cole - ten unha dotación de 12 tabletas e 2 kits tecnolóxicos, conta cunha metodoloxía específica e desenvolverase durante dous cursos escolares. Ambos programas están concebidos para o alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria, aínda que queremos facer accesibles os materiais a toda a Comunidade Educativa a través de obradoiros nos recreos ou en sesións de tarde abertas ás familias.
Sen dúbida que imos sacar moi bo proveito de todos estes materiais! Empezamos en 3... 2... 1...
EXPOSICIÓN ORAL (Apoio en IMPRESS) "MULLERES"
-
[image: https://photos.app.goo.gl/Y2evvftTfB4yVw4D3]
Estas semanas pasadas estivemos preparando uns traballos sobre mulleres que
destacaron ou destacan na ...