Amosando publicacións coa etiqueta Novidades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novidades. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de abril de 2023

E así recibimos as maletas de Chispa.

E despois de xuntarnos na biblio para ler a carta de Chispa do mes de abril na que nos pediu que fixéramos unha nova rolada de vídeo recomendacións lectoras, levámonos as maletas para cada clase para dar boa conta de todo o que había nelas. 

En primeiro lugar, a MISIÓN 11, na que nos fala do novo ODS a traballar neste último trimestre de curso: 

ODS 11: CIDADES E COMUNIDADES SOSTIBLES.

Preme nesta foto para acceder ao álbum completo.

Mentres os peques de Pazos quedaron na biblio para descubrir o contido da súa maleta, Rebuldeir@s, Tritóns e Q.S.U. gozaron examinando polo miudo todas as novidades lectoras que trouxo Chispa desta volta que, ademais, incluía un kit de robótica en cada unha delas.





Que sorte a nosa, verdade?

mércores, 28 de setembro de 2022

Chis, chis, plof, plof! Chegou a maleta!

Hoxe volveu soar esa máxica música que fai que todo sexa posible e puidemos recontrarnos na nosa Biblioteca de novo. Como non podía ser doutra forma alí estaban agardando por nós catro maletas repletas de novidades lectoras e por supostísimo, a imprescindible carta de Chispa.


Unha carta coa que recordamos un ano máis a Historia dunha Meiga e as normas de uso da Biblioteca grazas á Guía de usuarios do caracol Roi.
Pero coa que tamén recordamos o proxecto iniciado o curso pasado e que continuaremos desenvolvendo neste e nos vindeiros cursos. O PDI #esPazODS_para_a_concienciACCIÓN

Lembrades aos profes cómo nos explicaban os ODS ao inicio do curso pasado? Algúns deles agora están noutros coles, agardamos que espallando as sementes que levaron no corazón. 


A nosa folla de ruta da Axenda 2030 está todavía incompleta, así que temos camiño por percorrer.
Comeza a MISIÓN 9


Queres saber máis?



Comeza a aventura. Conciénciate, toma parte, pásate á acción!

#esPazODS_para_a_concienciACCIÓN

E se queredes ver cómo foi a reencontro na Biblioteca, premede na foto a continuación.






martes, 21 de decembro de 2021

E chegou a maleta de Chispa polo Nadal

E chegou o Nadal e como sempre, Chispa deixounos unha maleta chea de libros en cada unha das clases. Viña cargada de sorpresas e un montón de libros sobre inclusión e a redución das desigualdades. É que xa sabedes que, como ben din as portas da nosa biblio...

" Na diferenza está a igualdade"

"Non se trata de ter dereito a ser iguais,

senón de ter igual dereito a ser diferentes"


Lembrounos as recomendacións lectoras que nos fixo por se aínda estivéramos a tempo de incluir algún libro nas cartas ao Apalpador, Papa Noel ou Reis Magos e tróuxonos uns pequenos agasallos: uns lapis moi molóns para encher de cores este Nadal e unhas tarxetas de activista para ir completando a medida que avancemos coas misións dos ODS...


Unha maleta chea de ilusión e libros dos que dar boa conta á volta das vacacións de Nadal.

mércores, 9 de marzo de 2016

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

Coreografía de "Hai mulleres". (Há mulheres, de Rita Ribeiro)
Como vos anunciabamos  este luns, onte celebramos o Día Internacional da Muller Traballadora. Ademais da exposición de libros que podedes ver nas fotos, a profe Guadi preparou con todos os nenos e nenas de Primaria dúas cantigas: Matriarcas, que xa aprenderamos o curso pasado e Hai mulleres, unha tradución da cantiga de Rita Ribeiro -Há Mulheres. -.
Nas clases limos  libros interesantes; algúns descubriron biografías  de mulleres marabillosas como a de Marie Curie ou Amelia Earhart, Coco Chanel, Audrey Hepburn, Violeta Parra ou Frida Kahlo. Falamos e visitamos a exposición. Iniciamos dúas novas coleccións: A colección Miranda, de Edelvives, e Pequeña & Grande, de Alba Editorial.
Ademais, invitamos ás mamás e ás avoas a que nos axudasen a construír un mural coas súas fotos; con todas as fotos das mulleres da nosa contorna. Ao longo desta semana seguiremos traballando nel.

domingo, 12 de abril de 2015

ABRIL, MES DOS LIBROS I

Despois da celebración do Día do Pobo Xitano, atopamos unha nova exposición na entrada do colexio. Desta vez foi Chispa quen se encargou de deixarnos as últimas novidades, máis a súa carta. Ao longo deste mes tamén contaremos coa exposición de "PERSONAXES DE CONTOS CLÁSICOS", na que algúns de vós, xunto coas vosas familias, participastes.

mércores, 3 de decembro de 2014

NACE CRIATURAS


http://montsedopico.com/review/nace-revista-dixital-especialidada-en-literatura-infantil-e-xuvenil-criaturas/
Imaxe promocional: Magazine Cultural Galego

O día 6 de decembro, no Culturgal, a revista dixital especializada en literatura infantil e xuvenil "CRIATURAS" será presentada.
"Un dos obxectivos de Criaturas é crear un espazo de referencia para o libro infantil e xuvenil galego e vinculalo a outras literaturas. Pero non só: trátase tamén de ter un lugar común onde poidan ter cabida todos os axentes que interveñen na lix, desde ilustradores e ilustradoras ata traduto- ras/es, escritoras e escritores, profesionais do mundo da edición, etc”.
Tedes toda a información nestas páxinas: 
¡ESTAMOS DE NORABOA! 

mércores, 23 de abril de 2014

PITUSA SEMIFUSA

https://www.facebook.com/pages/Leandro-Lamas-Pintura/225200760964422
Ilustración de Leandro Lamas, tirada da súa páxina de Facebook



 
Ilustración do Cd


Para celebrar o Día Mundial do Libro, a Editorial Galaxia saca o Libro con Cd "Pitusa Semifusa".
"Pitusa Semifusa é un mollo de cancións de Olga Brañas protagonizadas por unha nena dese mesmo nome, neta dunha famosa directora de orquestra e que, logo de herdar dela un gramófono, sinte curiosidade por coñecer todas as familias de instrumentos. Ao longo das distintas cancións, nas que participan as voces e os músicos máis importantes de Galicia, Pitusa Semifusa irá avanzando polos pentagramas de todos os instrumentos, de tal xeito que a medida que van avanzando os temas, se van incorporando máis e máis ata rematar nunha completa Festa Musical." (Fonte: Galaxia)
¡Noraboa a Olga polas fermosas cancións; a Leandro, porque as túas ilustracións son sempre un agasallo de cor; e a todos e todas os que participastes e fixestes posible este proxecto ...
; )
¡Xa nos ten conquistado o corazón! 

domingo, 15 de decembro de 2013

´¡CHEGOU UNHA MALETA DE CHIIIISPAAAA!!

¡A BIBLIO XOÁN FARIAS DESÉXAVOS FELICES FESTAS!
Aquí estamos todos. O venres a primeira hora da mañá escoitamos a Chispa chegar co seu Chis-chis, plof-plof. Cando escoitamos esa música e a súa vooooz..., estamos seguros de que polo cole anda. Algún día verémola, e cando así sexa ímoslle facer taaantas preguntas que se vai arrepentir de non esperarnos nunca. Pero así é, ¿que lle imos facer? Ela quérenos, PERO ESCÁPASENOS SEEEMPREEEEEE!!!!!
¡CHIIIISPAAAAA!
Sonia, de 5º, leu a carta que nos enviou. Nela recórdanos que temos en marcha dous concursos nos que participar; as postais de Nadal da ANPA e as cartas ao Apalpador. E como non, deséxanos unhas moi felices festas. En fin, desta vez tróuxonos un montón de libros, pero un montón moi grande, eh? Fixádevos nas fotos e veredes. Ata detrás da maleta, que case non se ve, hai libros; debaixo das mesas, libros; enriba, libros; enriba de dous sofás verdes novos, libros; enriba dos cubos de madeira, libros; no chan, libros; dentro da maleta, máis. ¡Aiiiii! ¡Cantos, cantos! Ademais, agasallounos cun recordo moi bonito para desexarnos ¡FELICES LECTURAS NO NADAL! ¿Védelas por aí, no medio dos libros, colocadas en tacos de plastilina? Estaban repartidas en varios grupiños e son taaaan bonitas...


Despois quedamos algúns vendo os libros que máis nos interesaban. Hai libros moi, moi interesantes. Levamos varios para a clase e despois devolvímolos na hora do recreo. Mañá repartirémolos polas aulas por niveis, para que todos e todas os poidamos ver con calma.
¿Queredes ler con tempo a CARTA DE CHISPA? 
Pois aí queda tamén.

xoves, 12 de decembro de 2013

mércores, 6 de novembro de 2013

A XACIA LUVIÑAS, conto de ANXO MOURE

Ola a todos e todas, hoxe queremos falarvos deste conto que nos acaba de chegar ao cole da man de Consorcio Editorial Galego. Como vedes, é de Anxo Moure, cunhas fermosas ilustracións de Cristina Ouro.
Pois ben, preparádevos porque mañá xoves ou, todo o máis tardar, o venres, Aitana, de 5º vainos amosar este conto na Biblioteca. Seguro que a xacia Luviñas conseguirá que reflexionemos sobre o noso comportamento co medio ambiente e tamén cos amigos que nos arrodean e nos queren.
¿Estades preparados e preparadas? 
¿Haberá sorpresa? 
¿Haberá preguntas máis tarde? 
Mmmmm, todo é un misterio. 
Prestade atención estes días...

mércores, 22 de maio de 2013

DESDE UNHA ESTRELA DISTANTE

"Desde unha estrela distante" é o último libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por David Pintor e editado por Xerais.
A familia de Daniela está a facer un gran cambio nas súas vidas, mudarse a vivir  a Vigo. Toda a vida de Daniela, os seus completos nove anos, pasounos en Lugo, e non comprende moi ben o feito de deixar a casa que coñece, o parque onde xoga e as amizades de sempre. Mentres dura esa mudanza, pasará uns días na casa da súa avoa. Buscando algo co que entreterse, decide subir ao faiado, sempre pechado, para remexer un pouco por alí... Do vello baúl cheíño de libros sae un inesperado personaxe que lle dá un susto de morte. Un rato que ten a capacidade de transformarse e comunicarse con ela para investigar como son os humanos. Un rato que é algo máis.
E se queredes saber o que vén a continuación, teredes que lelo. Nestes momentos está na clase de 5º e 6º, pero dentro duns días xa poderá circular polo resto do cole. De momento, é noso!
Ficha técnica e sinopse de "Desde unha estrela distante"
Blog de Agustín Fernández Paz
Agustín Fernández Paz en imaxes
"A construción do lector", intervención de Agustín Fernández Paz, nos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares -PLAMBE-.
Imaxe: Axenda Cultura AELG
Blog de David Pintor
Galería de David Pintor na AGPI ( Asociación Galega de Profesionais da Ilustración)

Imaxe: David Pintor




xoves, 20 de decembro de 2012

CHEGOU A MALETA DE CHISPA

Biblio Xoán Farias o 20 de decembro de 2012
Esta noite Chispa pasou pola nosa Biblioteca. Iso é o que supoñemos porque, a verdade é que todos estes libros non se colocan sós. E tal e como vedes, así, na foto, parecen bastantes, non si? Pois se chegades a estar alí, alucinariades!! Dígovolo eu.
Carteliño proxectado...
Coma sempre que vén Chispa, escoitamos a música, a súa música; pero non sabemos como fai, o caso é que, salvo un ou dous nenos que aseguraron vela, os demais, nada de nada. Non  lle vimos nin un pelo. ¡Xa está ben, Chispa! ¡Temos ganas de verte!
Primeiro escoitamos a carta que nos deixou, e logo fomos achegándonos a esta impresionante exposición, e puidemos coller os que máis chamaron a nosa atención. Á volta das vacacións terémolos nas aulas para velos, tocalos, lelos, ulilos, abrazalos...
Esta é a carta de Chispa e así foi como pasamos este tempiño hoxe pola mañá:

Carta de Chispa

sábado, 24 de abril de 2010

JUAN FARIAS NO DÍA DO LIBRO

Como cada ano chegou a celebración do Día do Libro. Este ano o noso Concello adicoullo a Juan Farias. Nós, tamén.
Levamos moitas semanas lendo de forma especial a este escritor: "Cando Arturo escapou da casa", "Algunos niños, tres perros y más cosas", "Bandido", "Galego á beira do mar", "El estanque de las libélulas", "Los apuros de un dibujante de historietas" e "Desde o corazón da mazá", "Á sombra do mestre". Aínda nos queda "O tolo da ría", que xa o temos na biblioteca, e moitos outros que seguirán chegando na maleta de Chispa. En cada libro seu descubrimos un inmenso amor por Galicia, polo seu mar, pola súa paisaxe, polas súas xentes.
Se queredes máis información sobre el podedes acceder ás seguintes páxinas. Aínda que o listado é inmenso, pode que estas sexan do voso interese:
Fundación Germán Sánchez Ruipérez
Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
EsLiteratura.com
Juan Farias habla sobre Juan Farias
Este é o boletín que co gallo desta celebración enviamos ás familias.



E estas, as fotos da celebración na nosa biblioteca.

Chispa enviounos moitos libros, pero como non lle cabían na súa maleta, fixo tres ( 1, 2 e 3
) paquetes: un ENORME e dous máis pequenos. E na maleta meteu... AGASALLOS PARA TODOS!! HURRAAAA POR CHISPAAAA!



luns, 8 de marzo de 2010

CHISPAAAAAA!


Por certo, acabo de recibir unha carta de Chispa, chis-chis, plof-plof! Anda!, creo que mañá temos novidades pola Biblioteca. Fixádevos na carta e veredes... Claro que ao mellor non lle fai graza chis-chis, plof-plof! que vos ensine a carta antes de tempo porque, claro, coma sempre, virá dentro da súa maleta acompañando a tooooodos os libros novos que nos foi mercando de vila en vila. chis-chis, plof-plof!

NOVIDADESSSS!