Amosando publicacións coa etiqueta Enerxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Enerxía. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de febreiro de 2023

Cociñar co sol. Isto é posible?

E tanto que si! A semana pasada achegouse polo cole Xavier Picos, a quen xa coñecemos de vello porque é o terapeuta ocupacional que traballa cos rapaces de ASPANEPS e fai con eles eses obradoiros de sensibilización cara a discapacidade de "Ponte no meu lugar". 

Pero desta volta non viña acompañado deles, senón que viña cargado cun forno e unha cociña solar. En primeiro lugar fixo unha demostración do funcionamento ao profesorado e animounos a experimentar co noso alumnado durante os próximos 15 días, xa que se prometían días soleados.

Preme nesta imaxe para acceder ao álbum completo.

E dito e feito! Os primeiros en probar tanto a cociña como o forno foron os peques de infantil. 

No forno asaron mazás. Estiveron ao redor dunha hora e corenta minutos e chegou a alcanzar unha temperatura de 180º. As mazás sairon moi ben asadiñas e demos boa conta delas. Hummm!




Na cociña solar, a antena dos extraterrestres que dicían os peques, fixemos pipocas nunha tixola e ata animámonos a facer unha tortilla... francesa, eh? Que máis dun preguntaba polas patacas!!!





Os rebuldeiros de Pazos tamén decidiron probar a cociña solar, pero como xa lles cheiraba a entroido, animáronse a preparar nada máis e nada menos que freixós! 
Primeiro traballaron coa receita: os ingredientes, a preparación... Traballaron coas unidades de medida, calculando e pesando os ingredientes. Finalmente, cociñaron eses doces típicos destas datas e por supostísmo, paparon! Aquí os vedes en acción.






Temos que dicir que estaban espectaculares e que había cola para probalos! E o mellor de todo foi que aprendimos que podemos cociñar sen gasto enerxético e aproveitando a luz do sol como fonte de enerxía renovable. 
E que aprender así si que mola, verdade?

luns, 30 de xaneiro de 2023

Enerxía asequible e non contaminante para traballar o Día da Paz.

 

O acceso á enerxía condiciona enormemente as posibilidades de desenvolvemento humano, social e económico. A poboación mundial está medrando e con ela tamén medra a demanda de enerxía, polo que é fundamental facerlla chegar a toda a poboación para mellorar a escala global o acceso a sistemas de cocción, calefacción, iluminación de escolas e hospitais, comunicación e acceso a internet, máquinas e ferramentas de traballo... 

Ademais, é preciso que a enerxía sexa sostible para que permita o desenvolvemento sen comprometer a capacidade das xeracións futuras, polo que hai que impulsar unha transición enerxética, que non só sexa sostible, senon que tamén sexa xusta e que inclúa instrumentos de redución da desigualdade e apoie aos consumidores máis vulnerables.
Unha transición enerxética sostible e xusta é unha oportunidade que permitirá sentar as bases sobre as que construir unha nova economía sostible e competitiva que creará novos empregos e aumentará a inversión, posibilitando un pilo á innovación e o desenvolvemento empresarial.

O ODS 7 pretende a curto prazo, garantizar o acceso universal a unha enerxía asequible, sostible, segura e moderna, para mellorar as condicións de vida de millóns de persoas. 

A longo prazo, o ODS 7 tamén persegue aumentar o uso de enerxías renovables en detrimento dos combustibles fósiles, que actualmente sosteñen en gran medida a economía global, e fomentar a eficiencia enerxética, creando unha economía completamente sostible con baixas emisións de gases de efecto invernadoiro.


Se conseguimos mudar os nosos hábitos de consumo enerxético estaremos contribuíndo a mellorar o noso planeta. A PAZ comeza en nós: somos o motor do cambio, e isto no cole de Pazos, sabémolo moi ben e quixémolo contar no noso libro colectivo da paz, este ano tamén en formato audiovisual.

martes, 3 de marzo de 2020

Visita á Fundación Rede Eléctrica: "Unha autoestrada detrás dun enchufe"

Hoxe visitamos a Fundación Rede Eléctrica Española e gozamos coa mostra interactiva no recinto de Palexco na Coruña: "Unha autoestrada detrás dun enchufe". Aprendemos o que sucede desde que se xenera a electricidade ata que chega aos nosos fogares. 


A mostra dividíase en tres seccións: Na primeira sección experimentamos coas propiedades da electricidade como fenómeno físico, por exemplo descubrimos que o cobre é un bo transmisor da electricidade ou que podemos transmitila entre nós colléndonos das mans!

Na segunda sección explicáronnos, a través dunha gran maqueta, o proceso da subministración eléctrica.Vimos como as diferentes centrais eléctricas (eólicas, térmicas, solares, hidroeléctricas) xeran electricidade empregando diferentes fontes de enerxía (o vento, a luz solar, ...) e como se transporta ata as cidades e as industrias polos tendidos eléctricos.
Sabedes que ten que haber un equilibrio entre a xeración e o consumo, e que non se pode almacenar nin acumular? 
Despois puxémonos unhas gafas 3D para ver como se fai unha interconexión submariña de fibra e para facer unha visita virtual a un centro de control eléctrico. Molou moitísimo!!!

Por último, na terceira sección, tivemos a oportunidade de converternos en consumidores; con xogos interactivos descubrimos como usamos a electricidade e que efecto teñen os nosos hábitos de consumo. Sabedes que é que o que máis electricidade consume nos nosos fogares son os pequenos electrodomésticos?
Por iso temos que utilizar a enerxía dunha forma eficiente e responsable!!!

Ao final da visita levamos unha sorpresa: Xa case marchabamos cando nos viñeron a avisar de que Jandro acababa de restaurar unha máquina que ao principio da visita non puidemos observar porque estaba avariada. Parécenos a nós que Jandro ten madeira de científico, mmmmm, mmmm,...Tratábase da “Esfera de plasma”, un deseño orixinal de Nikola Tesla a quen el coñece ben. A guía felicitouno e agradeceullo, como non??? Pois iso, que nos sentimos moi orgullosos do noso compañeiro. Todo un crack! Felicidades!!

Se queredes aprender máis sobre a electricidade e divertirvos, déixovos este XOGO e esta WEBQUEST.


Collícheslle o gusto a esto dos experimentos coa electricidade? Pois por aquí vos deixo estes vídeos, para saber máis e máis.