venres, 6 de marzo de 2020

I Mini-maratón Kathrine Switzer no CEIP de Pazos

Todo comezou haberá cousa dun mes coa aparición duns misteriosos carteis co número 261 polos corredores do centro... Ningúen sabía de que se trataba, pero a profe Paula estaba tramando algo moi grande. Ningunha das profes daba pistas sobre o asunto así que tras varios días de incertidume, os maiores do cole descubriron o segredo, para o que tiveron que empregar as estratexias aprendidas na búsqueda de información.

O número 261 era o que levou Kathrine Switzer na Maratón de Boston, convertíndose así na primeira muller que correu unha maratón con dorsal. Todo isto aconteceu no ano 1967, ano no que esta proba deportiva era exclusiva para homes. 
Non foi doado: Kathrine tivo que inscribirse na carreira empregando só as súas iniciais (KV. Switzer) para conseguir o dorsal. E durante a carreira, tentaron apartala da competición, pero non o conseguiron.
Cinco anos máis tarde, e grazas á súa valentía, as mulleres de todo o mundo poden correr oficialmente a maratón, considerada a proba máis dura do atletismo.

Se queres saber máis sobre este feito, podes ver este video.


E así, co impulso da nosa profe Paula, foi como xurdiu a idea de celebrar o #8M no noso cole coa "I Mini-maratón Kathrine Switzer", recoñecendo a valentía desta pioneira e para valorar como, con entrenamento, todos e todas podemos lograr o mellor de nós mesmos.




- preme nesta imaxe para acceder ao album das fotos do cole -

Foi unha xornada divertidísima na que houbo entrega de dorsais, desfile dos participantes, carreiras por idades nas que participaron tamén as nosas familias, entrega de medallas e baile final.
Unha gran festa do deporte, a amizade e o compañerismo, o feminismo e a alegría.

E se queredes máis fotos, premendo na seguinte foto poderás acceder ao álbum coas incribles fotos de Rebeca del Río, que sempre nos saca increíblemente ben... 


Temos que dar as grazas tamén ao Gadis, polo avituallamento; ao Concello de Ferrol polo empréstito do material de sinalización e por supostísimo a todas as familias que puideron vir compartir con nós este día. 


Saiu todo tan ben e disfrutamos tanto que isto ten tooooda a pinta de converterse nun clásico, verdade? 
A que xa estades pensando na próxima edición da "Mini-maratón Kathrine Switzer"? Nós si!!!




1 comentario:

Chispa dixo...

Un día especial. Unha organización impecable e uns participantes inmellorables.
Grazas, Paula, por ser quen de organizar esta carreira no centro, por ilusionar a todas e todos; e grazas, familias, pola vosa colaboración, coma sempre.