xoves, 5 de marzo de 2020

Charla sobre a recollida de tapóns para Alba



Hoxe tivemos a sorte de contar con Montse Fraga e Lela de Madalena, que é a propia avoa de Alba, e son dúas mulleres que traballan dentro da Asociación ASPANEMI, e que son parte moi activa da campaña de recollida de tapóns para Alba, que busca axudar á investigación de certos fármacos para o tratamento de enfermidades raras. 

Contaron que levan moitos anos recollendo tapóns de plástico e que necesitan xuntar toneladas. Cada tonelada componse dunha media de cincocentos mil (500.000) tapóns!
Si, si, acabades de ler ben este dato, unha tonelada son máis ou menos medio millón de tapóns. Por esa tonelada conseguen douscentos euros. E así, con este traballo de formiguiñas van conseguindo que a saúde de Alba siga mellorando.

E quen e Alba? Pois Alba é unha nena que agora mesmo ten sete anos e medio e que padece unha enfermidade rara chamada miopatía nemalínica que non ten cura pero que precisa de custosos tratamentos para facerse máis levadeira e poder ter mellor calidade de vida.  


Recordáronnos cales son os tapóns que serven (tapóns de botellas de leite, refrescos, de botes de cacaos, de produtos de hixiene e cosméticos...) e contáronnos o proceso desta recollida. Empeza nos colexios ou centros que se queiran sumar, elas recollen esas bolsas e é a avoa de Alba quen os garda no seu soto. Alí fai unha selección e limpeza de cada un deles. Ten que lles quitar outros materiais que poidan levar adheridos, quitar suciedade e deixalos listos para seren aproveitados. Un proceso laborioso e duro, verdade?


Pois como elas ben dixeron, este labor de formiguiñas sería imposible sen a axuda de todos e todas nós. Así que, recordade que no noso centro seguimos na recolla deles. Ánimo!, é tempo de amosar a nosa solidariedade cunha causa ben xusta, ao tempo que respectamos o noso medio ambiente.



Como sempre, preme nesta última imaxe se queres ver as fotos da charla na biblioteca do cole.


Ningún comentario: