E chegamos aos 100 días de cole deste curso 2019/2020, que está resultando moi emocionante, pois embarcámonos de cheo na marabillosa aventura do aprendizaxe cooperativo e do traballo por proxectos tanto en Infantil como en Primaria, e claro... había que celebralo!
E que mellor forma que cun gran xogo en forma de Caza do Tesouro no que, organizados por equipos, fomos conseguindo diferentes pezas para conformar un quebracabezas co que achar os códigos dos candeados que abrirían un cofre que agardaba por nós na nosa Biblioteca.
A primeira hora da mañá xuntámonos todos na Biblioteca para ver un pequeno video que nos daría algunha pista sobre o xogo. Alí repartíusenos o material que íamos precisar para a realización do xogo, explicáronnos o noso cometido dentro do grupo.
Cos nosos rueiros da cidade na man, deu comezo o xogo, no que repartidos en 5 lugares do cole, con nome das localizacións da nosa cidade, as nosas profes agardaban por nós con diferentes propostas, do máis variadas.
- No PEIRAO DE CURUXEIRAS (patio cuberto) agardaba por nós a profe Paula e alí tiñamos que facer de mariñeiros e pescadores, nun xogo motriz no que había que despregar as nosas artes "de pesca" para recoller tan valioso produto.
- No TEATRO JOFRE (audiovisuais) agardaba a profe Rosa quen nos contou que un ilustre ferrolán - Ricardo Carvalho Calero - ao que este ano adícanselle as Letras Galegas escribiu unha divertida historia baseada nunha anécdota da súa nenez e tocounos representar "As pitas baixo a choiva".
- Na PRAZA DE ARMAS, (corredor de entrada) estaba o profe Luis cun xogo de parellas de ilustres ferroláns. Era ben complicado e tivemos que consultar algún libro para lograr identificalos a todos.
- No CANTÓN DE MOLÍNS, (salón de actos) agardaba por nós a profe Kelly que fíxonos cantar unha versión da canción de "Los Limones" que leva por título o nome da nosa cidade desde o noso particular Palco da Música.
- Na PORTA DO DIQUE (recanto argalleiro) estaba a profe Bibiana que tiña unha proposta empregando o robot DOC sobre un plano desta parte da cidade.
- No ARSENAL MILITAR (zona de consulta da biblioteca) estaban as profes Cris e Isabel que nos ensinaron a facer barcos de papel, recreando a nosa principal industria pero en papiroflexia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario