Xa van
uns cantos cursos que gozamos dunha importante cita con estes
compañeiros. Cada ano aprendemos deles e con eles. A súa visita
sempre é unha experiencia gratificadora, moi motivadora e exemplar.
Fannos reflexionar, algo que nestes tempos é tan necesario. O mundo
vese moi distinto dende onde esteas, a través do cristal que o
mires. Ás veces necesitamos doutros ollos que nos ensinen a mirar,
que nos ensinen a ver. Non si? Pois iso é ao que os amigos de
ASPANEPS nos axudan.
Sabedes
que sempre envían material previo para que traballemos na aula cos
maiores de 5º e 6º: a exposición e uns vídeos para ver, comentar,
reflexionar… Así aconteceu tamén desta vez. Logo, na visita,
convértennos nos protagonistas dun espazo pouco accesible como é o
noso centro. Custa recoñecelo, pero é algo que se está a converter
en teima.
Cada decembro as cadeiras de rodas tópanse con distintos
niveis que salvar para acceder ás aulas, ao patio, á Biblioteca, ao
comedor…, e sempre un montón de chanzos. Se queres saír do centro
e cruzar a rúa, un paso de peóns que remata nunha beirarrúa cunha
altura considerable, pero cando dicimos considerable é,
considerable. Imaxinades salvar unha altura duns 20cm cunha cadeira
de rodas? Xa son problemáticos un ou dous centímetros; 20,
imposible, claro!
Rematamos
coa reflexión na aula, onde todos falamos, compartimos e analizamos
os problemas que atopamos nas cidades e pensamos en como lles dar
solución. É, en definitiva, unha boa forma de concienciarnos de que
o mundo que nos arrodea é de todos e para todos e é a nosa obriga
facelo accesible. Nós temos ese compromiso adquirido dende hai moito
tempo e estamos desexando podelo cumprir no noso centro. Quedamos
agardando unha vez máis.
PONTE NO MEU LUGAR!
Que escribiremos o
vindeiro curso?
Ningún comentario:
Publicar un comentario