venres, 16 de decembro de 2022

"MAKE IT OPEN": Un escenario de aprendizaxe sobre alimentación saudable.

MAKE IT OPEN (MIO) é un proxecto de colaboración entre diversos axentes sociais co que construir a aprendizaxe de xeito globalizado dentro da filosofía "Open Schooling". Baseado na colaboración entre diferentes escolas que estean a traballar sobre o mesmo tema, familias, expertos, etc. coa finalidade de abordar diversos escenarios de aprendizaxe que resultan relevantes para o alumnado e a comunidade na que se desenvolven. Promóvese así unha actitude de cidadanía global activa.

Open Schooling é unha oportunidade de aprender xuntos no mundo real, ampliando os horizontes da escola para aprender doutras persoas de forma colaborativa. E nós c
omezamos a nosa andaina dentro deste formato de escola aberta da man dos Museos Científicos de A Coruña. 


Así que comezamos a nosa andaina dentro do Make it Open coa adaptación á nosa realidade dun escenario de aprendizaxe sobre alimentación saudable, aproveitando os recursos que tiñamos máis próximos, e para iniciar ao noso alumnado na busca de respostas por si mesmos e a elaboración de produtos finais concretos, dentro desta cultura "maker" que define o proxecto "MIO". 

Ao longo da semana fomos aprendendo sobre o tema cunha serie de propostas do máis variadas:
  • Comezamos cun "pecha-kucha" dunha selección de imaxes de Gregg Segal que serviríanos para reflexionar sobre os nosos propios hábitos alimentarios. Ademais, cada quen tomouse unha fotografía sobre o croma para sobrepoñela sobre as imaxes dos alimentos cos que nos identificamos.
  • Ao día seguinte falamos sobre o nivel de procesamento dos alimentos baseándonos nun vídeo que grabaran fai uns cursos os rebuldeir@s sobre "Realfooders vs Fakefooders

  • Traballamos coa aplicación YUKA e analizamos diferentes alimentos "con etiqueta" presentes no Mercado de Chispa e descubrimos que hai envases de produtos que parecen saudables e non o son. Polo que a nosa escolla ten que ser consciente xa desde o momento da compra. Analizamos, por tanto, o etiquetado e creamos os nosos envases de forma honesta.
  • O mércores, os maiores estiveron analizando a pegada ecolóxica dos produtos que consumimos, empregando un montón de recursos en liña que podedes consultar premendo na seguinte imaxe, se sodes tan curiosas coma nós.
  • O xoves planificamos a nosa receita: calculamos cantidades dos ingredientes, estimamos os tempos de preparación, "fixemos a compra" no Mercado de Chispa e traballamos cos tickets, comprobamos as incompatibilidades coas intolerancias alimentarias, investigamos sobre as propiedades dos alimentos que leva cada prato... e tamén recollimos por escrito todo isto  para deixar constancia do proceso de elaboración da receita paso a paso.
  • E o venres... tivo lugar unha feira de degustación dos petiscos saudables que cociñaron cada unha das aulas:
    • Os peques de 3 e 4 anos fixeron "Brochetas de cores"
    • Os peques de 5 anos elaboraron "Guacamole con sardiñas"
    • @s rebuldeir@s cociñaron "Trufas de cacao e laranxa"
    • Os tritóns de 3º de E.P. sorprendéronnos con "Mel-mazá"
    • Os tritóns de 4º elaboraron unha laboriosa receita de "Trufas de Nadal"
    • E os maiores, Q.S.U, deleitáronnos cunha "crema de avelás saudable"


Foi unha semana xenial na que aprendimos un montón! E non só de alimentación saudable, senón tamén de lingua, mates, e moitas cousas máis xa que tivemos que por en funcionamento as nosas habilidades e un sen fin de estratexias para resolver todas estas tarefas. Pensamos que isto dos "escenarios de aprendizaxe" veu para quedar... Xa estamos argallando o próximo...

Ningún comentario: