Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta retos steam. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta retos steam. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

domingo, 20 de outubro de 2019

Primeira semana de retos STEAM na biblio: Retos Lego

Despois do recreo apareceu unha cortiza nova colocada no corredor da Biblioteca cuns coloridos carteis que invitaban a pararse a ler...


Que se nos gustan os LEGO? Claro que si! Pero, isto do reto de que vai? Unha cousa estaba clara: se é un reto e é con LEGO's, de seguro que imos pasar un rato do máis divertido poñendo as cabezas en acción.

O dito: na cortiza había moitos máis carteis nos que explicaban as normas destes retos, e a verdade é que tiñan moi boa pinta todo este asunto do reto.

Apuntámonos nunhas listaxes para subir á biblioteca por quendas: 12 nenos/as máximo para os retos LEGO e 6 neno/as máximo para os retos DUPLO. E así, con certa incerteza, chegamos á primeira semana de Retos STEAM na biblio.


E alí estaban: un montón de tarxetas con diferentes propostas para crear usando pezas LEGO. Unhas máis abertas e outras máis concretas, pero nas que tiñamos que poñer a cabeza en funcionamento se queríamos resolver.

Unha das propostas estrela foi a de crear unha torre tan alta como a túa perna que se sostivera ela soa, e claro... chegaba unha altura nas que as cousas se poñían difíciles, polo que había que artellar solucións (unhas máis acertadas que outras, claro!).


E o ben que nos sentimos cando superamos os retos? Non hai nada mellor que a satisfacción do traballo ben feito. 


E ao rematar? Un diploma de participación e unha goma de borrar con forma de peza LEGO, para lembrarnos que os erros tamén son unha forma moi boa de aprender. 


Tes acceso a todas as fotos, premendo en calquera imaxe desta entrada.

mércores, 27 de novembro de 2019

Retos STEAM na Biblioteca: Circuitos eléctricos

Comezamos a terceira semana do mes de novembro cun cartel na cortiza de fora da biblioteca para anotarse nos novos retos! Este mes os retos STEAM na biblioteca foron sobre electricidade e circuitos eléctricos.


Como aperitivo tivemos unha charla para todo o alumnado de Primaria na que se lles dou uns coñecementos básicos en canto o funcionamento dos circuitos eléctricos, da man da profe Kelly, que nos preparou unha presentación interactiva e un Kahoot! para saber se estivemos atentos ás explicacións.


E comezamos os retos con dúas actividades diferentes para o alumnado de Primaria: 

- A montaxe dun circuito eléctrico con plastilina conductora (feita na casa e libre de gluten, por iso dos celíacos que temos no cole), tanto en serie como en paralelo, para ver as súas diferencias e na que apareceron termos como voltaxe, resistencia, intensidade...


Se queredes saber como facer a plastilina conductora, podedes ver este vídeo de OscarBotics, no que o explican de marabilla.

- E unha segunda proposta, que consistiu na realización dun circuito en papel na que se manipulan outros materiais conductores, neste caso a cinta de cobre adhesiva, para conseguir que alumee un diodo led sobre un deseño en papel.



E aínda que o vídeo non é moi bo, podedes ver o resultado do noso primeiro circuito de papel coa nosa Chispa como protagonista. 





E o alumnado de Educación Infantil tamén participou nos retos dos circuitos eléctricos, aínda que cunha proposta adaptada. 


Como actividade motivadora, a profe Rosa contoulles na biblioteca o conto de Eric Carle "O vagalume solitario".



Este conto foi o que dou pé á realización dun pequeno obradoiro no que puideron manipular elementos eléctricos (pilas e diodos) para conseguir iluminar os seus propios vagalumes.

Por outra banda, e ao igual que o alumnado de Primaria, os peques do cole tamén realizaron sinxelos circuitos eléctricos con plastilina conductora. 
Todo un descubrimento para algún, cheo de maxia... ou mellor dito, de electricidade.

Agardamos que esta proposta resultase motivadora para o alumnado e que esperte en máis dun e dunha o interese para continuar avanzando. 


venres, 26 de xaneiro de 2024

Retos STEAM na biblio: PAPIROFLEXIA

Semana de retos STEAM no recreo!
Preme nesta imaxe para acceder ás fotos destes días.

Esta semana estivemos moi afanadas na biblioteca durante os recreos entre follas de mil cores, dobrando que te dobrarás para crear... de todo un pouco! Unha paxariña, un avión boomerang, un corazón, un coelliño...  Grazas a unha infografía cuns códigos QR que daban acceso a diferentes titoriais , aprendimos a crear coas nosas propias mans todas estas figuras.
 







Todo un reto co que superarse cada día! 
Parabéns a todos os que viñestes durante toda a semana á biblioteca. Convertístevos en todos uns expertos en papiroflexia! 
Bravo por todos e todas vós!

venres, 20 de outubro de 2023

Retos STEAM: LEGO

Neste cartel tes o acceso ao álbum coas fotos da semana

Comezamos cos retos STEAM con desafíos LEGO para todos e todas. Unha semana enteira de actividade frenética na biblioteca durante os recreos para completar un montón de tarefas e desafíos con bloques LEGO. 
Pero xa sabes que isto non é unha competición, salvo contigo mesmo, porque retándonos a facer cousas cada vez máis complexas mellorarmos as nosas capacidades para resolver problemas. O importante é disfrutar xogando! 


Queredes ver que tal resultou a semana? Pois xenial! Pero por aquí deixamos algunhas fotos.








Como gozamos creando cos LEGO! Imaxinación ao poder!

xoves, 23 de xaneiro de 2020

Retos STEAM: Escornabots na biblioteca

Como xa todos saberedes, neste curso pasamos a formar parte do proxecto de Bibliotecas Creativas, que busca apoiar a cultura da experimentación e a investigación a través da incorporación dos robots e a linguaxe de programación nas bibliotecas escolares. Esta iniciativa encádrase dentro do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares da Consellería.

Así pois este curso recibimos unha dotación de catro escornabots para incorporar ao noso "Recanto Argalleiro" da biblioteca. E non podería ser doutra forma, tiñamos que incluilos na programación dos retos STEAM dos recreos.




Deseñáronse taboleiros para que os máis pequenos aprenderan a manexalos e unhas tarxetas con desafíos para os máis intrépidos, como a elaboración dun laberinto, coreografías en parella, deseñar unha rampla que permitise a subida e a baixada controlada, buscar estratexias para sortear obstáculos...

Como podedes ver, foron uns recreos moi entretidos! E o mellor, que o que aprendimos vainos servir para despois poder facer moitas máis actividades nas aulas. Isto non fixo máis que empezar.

venres, 24 de novembro de 2023

Novembro: mes da ciencia en galego

 

Nesta imaxe tes a ligazón ao álbum de fotografías.


Como cada ano, no mes de novembro, a nosa Biblioteca, énchese de ciencia, xa que ademais de visibilizar os fondos das áreas científicas, preparamos unha pequena exposición con materiais e instrumentos científicos que podemos explorar para achegarnos doutro xeito ao coñecemento.



Pero sobre todo, o que marca a diferencia neste "Novembro, mes da ciencia en galego", é a semana dos retos STEAM, que como non pode ser doutro modo, vai sobre ciencias. Organizamos unha sesión longa para cada un dos grupos nas que poden realizar, en compañía dos seus profes, unha serie de experiencias científicas coas que comprobar diferentes principios científicos.

Este ano artellamos as seguintes experiencias:




E por aquí vos deixamos algunhas fotos dos peques e dos maiores para que vexades todo o que traballaron! 







Que viva a ciencia en galego!