luns, 16 de novembro de 2020

Follas de outono

Os peques do cole agasállannos con estas folliñas de outono apañadas no patio da escola acompañadas por esta escolma de poemas de outono. Gozade con eles!


As árbores espidiñas, sen follas, sen folliñas.

Os esqueletos de xeo amosan

Os seus outonos, os seus laios, os seus soños.

Unha alfombra cobre o chan, 

tapiz de follas caídas, folliñas que veñen e van. 

Folliñas lixeiras e secas 

fatigadas de troular. 

Folliñas que bailan co vento

todos collidos da man.

                 Antonio García Teijeiro

 


Ven onda nós o outono
dacabalo do aire;
Nos camiños da fraga
Os ourizos xa abren.
Síntoo chegar contento
da eterna viaxe
enredando entre as follas,
estreando friaxe.

            Ana María Fernández. "Ondas de verde e azul"


Don carballo chora landras

na amencida.

E don Outono baballa

néboa fría.
Don Labrego, de sombreiro,

aplaude a don Castiñeiro

con variña de abelaira.

E don Ourizo da chaira,

como non se ten coa risa,

cáenlle dentes de castaña.

 

            Helena Villar e Xesús Rábade. "Dona e Don"

 

Unha mañá, Pitiño Pispín 
saiu pasear.
Díxolle a nube: 
"PIN-PIRIN-PÍN, 
Pitiño Pispín  
coas miñas pingas 
heite mollar".
Díxolle o pito:
"Teño paraugas, 
para as túas pingas
¡PAN-PARAN -PÁN!"

            Gloria Sánchez. "Rimas con letra" 

 



Outono

ten sono,
non pode durmir.

Ponlle unha mantiña
que se queda axiña
sereno e feliz.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO. "As catro estacións"


 



Polos altos 
do pousadoiro
anda unha nena cun zoscadoiro
para zoscarlle ó vento Nordés,
porque lle puxo o paraugas do revés
e mollouna todiña da cabeza ós pes.

            Xoán Babarro "Ten, ten a miña casa ten"

 
 


Os ananos do outono
pintan as uvas.
Os rapaces asexan
as máis maduras.
Tamén os gorrións
revoan entre as cepas
de dous en dous.

            Pura Vázquez. "O libro dos cen poemas"





 
¿Queres ver coser?
Escoita chover.
Crávanse as agullas
enfiadas de auga
no pano da terra
que é saba mollada.
Baixa dona Chuvia,
cabaleira branca
mendar prados verdes
con fíos de prata.
¿Queres ver coser?
Escoita chover.

            Helena Villar e Xesús Rábade. "Don e Dona"
 
 

¡Levántate, nebra,
do bico da serra!
Aí ven San Martiño
no seu cabaliño,
que te vai levar,
que te vai pousar
na tona do mar!

            Antonio Noriega Varela.

Chegou Don Outono
coa cara amarela
de noite as estrelas
non se ven brillar.

Dona Néboa escura
pilla novo alento
para lucimento 
baixa cara ao val.

As chuvias espertan,
redidas, do sono
e a capa de ozono
parecen curar.

Xa zoa Don Vento no medio das fragas
abrea grandes chagas
na tona do mar.

¡Velaí, rapaciñas!
¡Neniños, velaí!
Que tras daquel monte
Don Inverno vai.

            Xosé Lastra Muruais

Veleiquí, Outono, grande e puro,
vestindo ao mundo de dourado,
con saibo a mosto fermentado,
a mazá, a sal, a grao maduro.

Veleiquí, Outono, nel procuro
o rumor do vento namorado,
o laio do mar ben concertado
e o misterio máis escuro.

Veleiquí, Outono, fosco e ledo,
con brasas secretas, soedosas,
acenas nas brétemas do medo.

Veleiquí, Outono, xa sen rosas,
sementando mágoas misteriosas
no meu corazón ceibe e acedo.


            Manuel María




Ningún comentario: