Por fin, e aínda que xa no final do trimestre, conseguimos arrancar co Proxecto Digicraft no teu cole no que xa nos iniciáramos o curso pasado, e que alá por marzo fixo que freáramos en seco co segundo dos itinerarios sen comezar.
Moitos dos recursos do programa xa os estamos a empregar nos tempos de lecer na Biblioteca desde o inicio de curso. Mais o proxecto "Digicraft no teu cole" ten unha metodoloxía concreta que ten como obxectivo formar ás nenas e nenos de entre 6 e 12 anos nas competencias dixitais que lles permitan desenvolver o seu potencial, a través de diferentes entornos.
Nesta sesión, @s Rebuldeir@s empregaron a aplicación Quiver, de realidade aumentada, en concreto Quiver Mask. Desde esta ligazón podedes acceder a un montón de materiais para imprimir, colorear, escanear e xogar a lucir as máscaras tan fantásticas que creastes.
Convidamos ademáis a todas as familias a que curioseedes na páxina web do proxecto "Digicraft no teu cole", xa que nela hai unha grande cantidade de materiais e recursos de libre acceso para empregar a tecnoloxía de forma lúdica e educativa nas vosas casas.
Se algunha das propostas abertas vos parecen atractivas para compartilas cos vosos fillos e fillas, e non dispoñedes dos materiais necesarios para levalas a cabo, lembrámosvos que a nosa Biblioteca permanece aberta os martes pola tarde, de 16 a 18 horas, e previa reserva, poderíades empregar os materiais dos kits tecnolóxicos do programa que se atopan no Centro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario