O 2 de febreiro celébrase o Día da Candeloria, ou Festa da Luz. É unha das festas do ciclo da invernía, que ten lugar xusto na metade do inverno e que prepara a inminente chegada da primavera e, con ela, o renacer da natureza.
Como sucedeu en moitas ocasións, esta festa pagana foi cristianizada e convertiuse na Candeloria , traducíndose no costume de acender candeas.
Este día sinala o retorno das aves migratorias e os cortexos que preludian o renacer primavera. “É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica”, segundo sinala o antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega.
Mesmo deféndese que o día 2 de febreiro debería ser a data do amor romántico na nosa cultura, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!
O noso refraneiro popular tamén lembra que:
“a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”.
A Candeloria tamén serve para anunciar a chegada máis ou menos próxima da primavera:
“Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra;
cando a Candeloria ri, o inverno está por vir”.
En Galiza é unha tradición que aínda segue viva na memoria sobre todo do rural, pero que se non se actualiza corre o perigo de desaparecer ao igual que outras moitos costumes e lendas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario