Este ano temos un importante cometido: mellorar en canto ao noso compromiso coa Axenda 2030. Por iso, plantexámonos un obxectivo mensualmente sobre o que reflexionar, tomar conciencia e pasar a acción a través do traballo cooperativo co impulso do noso PDI "espazODS para a concienciACCIÓN"
Durante o pasado mes de outubro o ODS sobre o que traballamos foi o ODS 3: SAÚDE E BENESTAR.
E ademáis de aprender un montón de cousas sobre alimentación e nutrición, primeiros auxilios, e a importancia do exercicio físico regular, pasámonos á acción.
Ao longo do mes fomos mellorando en canto á calidade nutricional das nosas merendas, identificando produtos ultraprocesados disfrazados de "bos procesados" e mudando as nosas escollas á hora da parva.
Os peques do cole o teñen moi claro. E pouco a pouco foron desaparecendo eses lácteos tipo "petit" que teñen graxas e azucre enmascarados e aparecendo outras merendas moito máis saudables, como a froita, os froitos secos, leite, queixos...
Traballamos sobre 2 infografías de "Teachers for Future" e tomamos conciencia do contido deses atractivos envases, que ademáis de pouco saudable, xera lixo.
Así, día a día, se a nosa merenda era saudable pegábamos un adhesivo na folla de rexistro, e cando chegábamos a 10, podíamos colorear unha franxa dunha batería.
E claro, tanto esforzo ao final tivo recompensa! Un xogo novo para un dos recantos da aula e un pequeno agasallo para cada un polo traballo en equipo ben feito. Como isto das parvas saudables xa é unha rutina, de seguido pediron unha nova batería para continuar co seu particular reconto.
Toda esta información valeralles aos maiores para traballar porcentaxes e crear gráficas, xa que están recollendo os datos de todo o cole para facer un rexistro global dos nosos hábitos de alimentación saudables.
____________
@s Rebuldeir@s andan a voltas loitando cuns viláns moi especiais, que probablemente recordaredes: SORBITOL, SEQUÍA, PEREZÓN e PANTALLO. Lembrádesvos?
Pois esta nova xeración de rebuldeir@s está a traballar sobre eles para mellorar os seus hábitos de vida saudable.
Sorbitol, para aprender a mellorar as nosas escollas coa comida;
Sequía, para lembrarnos da importancia de beber auga:
Perezón, para acordarse de mover o corpo;
e Pantallo, para ter presente o uso moderado dos dispositivos electrónicos e outras pantallas.
Pero ademáis fixeron un pequeno vídeo no que nos dan consellos á hora de escoller os alimentos para a parva. Non o perdades porque explican moi ben que é unha merenda saudable, por se a alguén lle quedaba algunha dúbida.
En canto aos medianos, os nosos Tritóns favoritos, traballaron un montón en torno aos hábitos de alimentación saudable. Elaboraron unhas pirámides alimentarias e algunhas propostas de menús saudables a medida que avanzaban na área de ciencias naturais, relacionando así os sistemas do corpo humano cos hábitos de vida saudable.
Aprenderon que para medrar sans e sentirnos ben non só é preciso alimentarse axeitadamente, senón que debemos manter uns hábitos de sono correctos e practicar algún deporte ou facer algunha actividade física.
E é que queremos coidarnos e manternos en forma para gozar de todo o que nos rodea.
____________________
E para rematar, os maiores do cole elaboraron un audiovisual no que nos fan un resumo completísimo do que aprenderon sobre primeiros auxilios grazas a esta misión sobre o ODS 3 e ademáis dannos uns consellos boísimos para manter a nosa saúde e benestar ao longo da vida. Non vos perdades detalle de todo o que nos contan!
Ningún comentario:
Publicar un comentario