mércores, 3 de maio de 2023

Atención, atención! Chega a I Edición do Concurso de Portadas

Este ano, polo mes de maio, mes das Letras Galegas, lanzamos unha nova proposta do máis creativa. Comeza a I Edición do Concurso de Portadas, con dúas modalidades de participación abertas a toda a comunidade educativa: nenas e nenos, nais e pais, avoas e avós, curmás e curmáns, familias enteiras, ... Aquí pode participar quen queira; ata o gato, se se deixa, claro!


Podes escoller calquera das categorías. Ou se queres, as dúas!!!

Para participar na modalidade de "PORTADAS RECREADAS" o primeiro que terás que facer e escoller un título en galego, iso si. Pode ser algún dos que teñas na casa pero a nosa biblio pode ser moooi inspiradora. E despois tocarache deixar voar a túa imaxinación para recrear a portada do libro que escolliches. Vas precisar algúen que colabore contigo para tirar a foto, pero de seguro que o ides pasar xenial argallándoo todo. Estas imaxes son exemplos atopados na rede, en diversos blogs, dos que non atopamos autoría.

Por outra banda, para participar na modalidade de "MERGÚLLATE NA PORTADA" ademais de escoller un título en galego, dos que teñas na casa ou dalgún que atopes na biblio, terás que mimetizarte coa portada. Seredes quen de logralo? A Pakolas, dáselle xenial, xa que cada venres publica unha imaxe deste tipo nas súas redes sociais baixo a netiqueta #bookface. De feito, todos estes exemplos son seus. Xa vedes que hai moita diversidade nesta categoría... Podedes mergullar unha man, medio corpo, a cabeza, a vaca da veciña ou as árbores do parque. Só hai que entrenar a mirada un pouco. Seguramente precisedes axuda para buscar o ángulo perfecto, pero estas actividades en compañía sempre funcionan mellor.

Ah! E logo tedes que enviarlle a foto a Chispa por correo electrónico antes do 30 de maio, indicando o nome d@ participante e o título que está a recrear, a: 
chispadepazos@gmail.com 

Tamén podes facerlla chegar a través dalgún dos teléfonos cos que te comunicas habitualmente.

E por último dicir que haberá premio para cada unha das categorías, e que anunciaremos @s premiad@s o xoves 1 de xuño. 
Estades preparados? Esta nova argallada comeza xa!

Ningún comentario: