mércores, 29 de novembro de 2023

O labor da Cociña Económica de Ferrol

O alumnado de Pazos segue traballando na misión deste trimestre, orientada ao ODS 1: FIN DA POBREZA, dentro do PDI "esPazODS_para_a_concienciACCIÓN"Os folgos seguen intactos e o maxín non deixa de funcionar: investigación, análise, busca de solucións… todo en prol deste obxectivo.

Se premes nesta imaxe, poderás ver algunha fotografía máis deste encontro.

Hoxe tivemos unha visita moi especial: Federico Formoso, membro da directiva da Cociña Económica ferrolá que se achegou ata a nosa Biblioteca para darnos a coñecer o labor tan importante que realizan na nosa comarca.

Uns días antes, o alumnado de Q.S.U. chamou por teléfono á Cociña Económica de Ferrol co fin de tentar colaborar con esta entidade e tamén tratar a posibilidade de que algunha das persoas que colaboran nela viñera ata o cole para contarnos de primeira man que é a Cociña Económica, como se organiza, que servizo ofrece e todas cantas dúbidas xurdiron durante o tempo que Federico nos acompañou.

Comedor e voluntarias na Cociña Económica de Ferrol

Exemplo de menú do almorzo, con primeiro e segundo prato, pan e froita.

Falounos tamén da importancia de facerse socio da Cociña Económica, facer doazóns puntuais (económica ou de alimentos, como os excedentes das nosas hortas) ou colaborar como voluntarios, para que poidan manter o seu labor social por moitos anos máis, e xa van 132!!!

Grazas Federico, por visitarnos e atendernos tan cordialmente, mais sobre todo, grazas pola solidariedade e compromiso social que desprenden todas as voluntarias da Cociña Económica de Ferrol.
Agardamos aportar o noso gran de area para facer un pouco máis doada a vida de moitas persoas que o necesitan.

Únete ao cambio! Pequenos xestos contribúen a un mundo mellor!

Ningún comentario: