Este venres a comunidade educativa do cole de Pazos - alumnado, profesorado e familias - desprazouse ate o areal de Doniños para facer unha recollida de lixo mariño, motivados polo vertido de micropellés o pasado mes de decembro, cando o cargueiro Toconao perdeu 23,6 toneladas deste material.
Por alí tamén estaba Rebeca, de Mirada de Madrina, coa súa cámara na man e agasallounos con estes disparos. Grazas! 💖
E aínda que non recollimos unha gran cantidade de micropellés, si que retiramos bastantes plásticos da praia. Tomemos consciencia de que calquera peza de plástico, por pequena que sexa, sobra na area. Na praia só ten que estar o que lle pertence. Nada máis nin nada menos. Nós sabémolo moi ben e como bos activistas puxémonos mans á obra.
Contactamos con ADEGA, quen nos facilitou o protocolo de actuación para a recollida destes resíduos e algúns materiais para a recollida, como coadores, peneiras, capazos...
Queda pendente aínda o pesado e a estimación da cantidade de resíduos recollidos previo á clasificación e tratamento dos mesmos.
Agardamos que esta acción sexa o detonante dun hábito sostido no tempo para o noso alumnado, porque xa sabedes sodes os motores do cambio e que pequenos xestos poden facer do mundo un lugar mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario