mércores, 18 de decembro de 2019

Visita do Apalpador


E un ano máis, xusto antes das vacacións de Nadal, pasou polo noso cole, nin máis nin menos que o mesmiño Apalpador, que veu cargado de presentes: unha cesta cheíña de sacas con froitos que el mesmo recolle polas devesas do Caurel: mazás, laranxas, noces e, como non! algunha castaña.

Falounos de  moitas cousas: do respecto á natureza, do coidado do medio, do valor das pequenas cousas, das cousas feitas con mimo e con agarimo... pero tamén bromeou connosco a costa dun zapato, menudas risas que botamos.
Apalpounos a barriga e adicou uns minutiños a falar con cada un de nós. Que nervios pasamos ao telo entre nós!

Ano tras ano, os pequenos vanlle perdendo o medo e para os maiores, o Apalpador xa é case como da familia. E así llo quixeron demostrar, pois os nenos e nenas tíñanlle uns debuxos preparados para lle agasallar. 

Moi agradecidas á Fundaçom Artábria por non esquecerse nunca do cole de Pazos no roteiro do Apalpador pola comarca e por facer posible que ano tras ano, a maxia do Apalpador medre nos corazóns de centos e centos de nenos e nenas galegos. Obrigadas!

Ningún comentario: