luns, 12 de outubro de 2020

Primeiros recreos na Biblio... Ao fin!!!

E ao fin os nosos arelos fixéronse realidade!!! 
Case sete meses despois a nosa Biblioteca voltaba a cobrar vida, abrindo as súas portas para encherse de soños.
Este curso está cheo de novas normas e protocolos por todas partes, polo que non podía ser doutro xeito, na nosa Biblioteca tamén temos novos xeitos de estar.

Organizamos quendas para empregar este espazo tan importante do Centro, de forma que cada día da semana correspóndelle empregalo no recreo a un grupo de convivencia estable diferente.
Malia que así vemos un pouco limitado o acceso libre, asegurámonos que todos os grupos teñen a oportunidade de empregar a Biblioteca e os recursos que temos nela.

A Biblioteca está organizada en diferentes recantos, con un ou varios postos, e estableceuse quendas rotatorias para o emprego dos mesmos. Así temos:
  • Diferentes postos de lectura: ciencias, revistas, poesía, cómic, etc.
  • Mesa LEGO e LEGO Duplo.
  • Zona de robótica: DOC, escornabots, MIND, etc.
  • Mesas DIGICRAFT: con 3 propostas de actividade diferentes.
  • Materiais de construcción: geomag e outras pezas de contrucción magnéticas, labirintos e circuítos, etc.
  • Ordenadores: para consulta e xogos para os máis pequenos.
  • Audio-posto: música e audio-libros.
  • Zona de debuxo.
E claro, para acceder á Biblioteca é fundamental respectar o protocolo, como en calquera outro lugar do colexio. Normas, normas, normas... Pero bon, as normas nos axudan a facer que o cole sexa un lugar o máis seguro posible.

Podedes imaxinar como foi o regreso? Pois sen dúbida, moi emocionante. Olliños chispeiros con ansias de descubrir o mundo enchendo cada recuncho da nosa Biblioteca. Queredes velo? Pois pincha na imaxe a continuación para ver máis fotos.



Ningún comentario: