venres, 26 de marzo de 2021

Xeografías Lectoras en feminino

Despois dun intenso segundo trimestre, e dun mes de marzo adicado a visibilizar o papel das mulleres na historia, preparamos un gran xogo vinculándoo ao lema elixido para este curso pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, "Xeografías lectoras na Biblioteca Escolar".

Unha mañá apareceu o chan da entrada da escola cheo de pegadas moradas que convidaba a seguilas... en cada unha delas había un código QR. Que información habería agochada alí? Para que serviría aquilo? 

Días máis tarde apareceu un gran mapa de Galicia cunha morea de puntos sinalados... E un panel cheo de fotografías de mulleres. Pero, quenes son estas mulleres? Algunha tíñamola fichada, que ata había caras amigas e incluso familiares, pero moitas outras non. Tíñamos traballo por diante se queríamos desentrañar tanto misterio. 

Dito e feito. Adicamos os últimos días do mes de marzo para "seguir as pegadas" destas 64 mulleres, todas galegas (dalgunha ou outra forma) cun xogo no que tivemos que emparellalas co seu lugar de nacemento (ou adopción). Será o primeiro paso para comezar as nosas pesquisas e afondar un chisco na vida de cada unha delas.




E así foi: lector de códigos QR en man, pasando polo bingo de conserxaría previamente, a cada quen se lle asignou un número que se correspondía cunha pegada. Primera tarefa: buscar e atopar a pegada co noso número e escanear o código QR. 

Grazas a isto, accedíamos a unha información que nos permitiría non só identificar ás mulleres das fotografías e poñerlles nome propio, senón que tamén, poderíamos relacionalas con algún punto do mapa de Galicia dos que estaban sinalados. Feito isto, moito máis por diante: afondar nos logros destas mulleres, para visibilizar o papel das mulleres ao longo da historia e para recoñecer a súa valía.




Esta historia está comezando. Sigamos as pegadas destas mulleres galegas e sumémolas ás nosas "xeografías lectoras".

Como sempre, para ver o álbum de fotografías completo, 
preme en calquera das imaxes desta entrada. 

Ningún comentario: