Todas e todos coñecémola ben porque temos a sorte de compartir con ela este curso, pero o que ao mellor moitos de vós descoñecedes é que a profe Claudia foi futbolista profesional co CS Burela Pescados Rubén durante unha década. Capitana do equipo durante moitos anos e con 210 partidos xogados na élite do deporte, ten un palmarés impresionante:
A súa paixón pola bóla levou a Claudia Rodríguez Teijeiro (Foz, 1984) a facer grandes sacrificios durante unha década na que xogou co Burela Pescados Rubén, a excepción dun ano que o fixo no Valladolid.
Tras estudar TAFAD e Maxisterio por Educación física, compatibilizou o seu traballo de mestra co deporte de primeiro nivel: «A primeira vez que traballei como mestra, chamáronme de Fisterra, e tiña que aceptar para non quedar fóra das listas. Algunha tarde tiña clase e adestraba en Burela, facía catro ou cinco viaxes á semana. Despois tocoume en Ourense, e aí polo menos adestraba co Envialia».
Xusto despois de gañar a Supercopa e a Liga co Burela, unha rotura nos ligamentos do nocello esvaeceu as súas arelas. Tras loitar para voltar meses despois, retirouse no 2017: «Estaba fatigada mentalmente, tamén polo traballo. Foise sumando un pouco todo: compromisos laborais, a grande esixencia física e psicolóxica do CD Burela FS, a miña lesión na Copa de España...»
É unha mágoa que deportistas de primeiro nivel, por seren mulleres, teñan que compatibilizar a súa carreira deportiva con outra carreira profesional para sosterse economicamente, o que fai que non podan dar o mellor de si mesmas na faceta das súas vidas nas que destacan.
Querédela ver en acción? Aínda que este partido non o gañou o equipo de Claudia - o CS Burela FS - e no minuto 42 lesiónase, aquí vos deixamos este vídeo co que poderedes gozar co seu xogo. Non perdades detalle, porque paga a pena vela. Toda unha campioa!
Ningún comentario:
Publicar un comentario