xoves, 20 de maio de 2021

Obradoiro de Impresión 3D para tritóns

Xa sabedes que desde o curso pasado aos de 3º e 4º de Primaria chamámolos os TRITÓNS do cole de Pazos. Será porque son os "medianos" do cole e os tritóns tamén son anfibios de tamaño medio? Ou será porque son áxiles e divertidos como eles? Sexa cal sexa o motivo, os tritóns do cole levan traballando ao redor dun mes co programa de deseño 3D Thinkercad e por fin, comezan a materializar as súas creacións. 

Desde este ano temos unha impresora 3D na Biblio, grazas ao investimento do Programa de Bibliotecas Creativas ao que pertencemos. Non podemos deixar pasar a oportunidade de empregala como fonte de novas aprendizaxes!


Así, os tritóns do cole decidiron facer un chavieiro personalizado con forma de tritón. Comezaron buscando a base do tritón en Thingiverse, un repositorio de pezas 3D libre. 

Escollimos unha especie de gecko coa cola pechada que nos permitirá colocarlle unha argola para as chaves, enganchalo na mochila ou onde queiramos. Podes vela aquí.

Unha vez atopada aprenderon a descargar un arquivo, gardalo e descomprimilo. Falamos sobre a autoría e os dereitos de autor. A nosa é de VOKADEMI, e agradecémoslle desde aquí a súa contribución.

Unha vez feito isto, desde o programa de deseño Thinkercad, aprendimos a importar un arquivo e a modificalo empregando sinxelas ferramentas de deseño. Así, cada quen incorporoulle o seu nome ao tritón, de xeito que os chavieiros quedan personalizados.


E agora toca imprimilos! Para iso temos que exportalos e empregar un software de laminado no que colocar os apoios precisos para permitir a impresión. A profe Rosa bótanos unha man con esta tarefa para asegurarnos que vaia todo ben desde o ordenador do Recanto Argalleiro da biblio onde está a impresora 3D.


E xa están saíndo!!!


 
Molan, verdade?

Cos arelos postos en que remate de imprimirse todos para lucilos!

Ningún comentario: