venres, 21 de xaneiro de 2022

Doar é doado: Charla informativa da man de ALCER.


No día de hoxe recibimos a visita da asociación de ámbito galego ALCER - Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril - en concreto ás traballadoras sociais da súa delegación de A Coruña, xunto cunha persoa voluntaria que recibiu unha doazón de ril.

Na aula de audiovisuais do noso cole ofreceron ás rapazas e rapaces de 5° e 6º de Primaria unha charla para sensibilizarnos sobre a importancia da doazón de órganos e como ésta é unha ferramenta fundamental da sanidade pública xa que contribúe cada día a salvar vidas. A través da historia da pequena Iria fumos descubrindo o proceso que hai detrás dunha doazón de ril.

A charla desenvolveuse cunha participación constante do alumnado, que estivo moi interesado no tema e amosou unha grande curiosidade polo proceso que leva a alguén que o precisa a recibir un órgano doutra persoa.

Tanto ALCER como a rapazada do cole quedaron moi contentas con esta actividade, polo que esperamos repetir e volver a recibir a súa visita en próximos cursos.

Ningún comentario: