martes, 15 de novembro de 2022

Encontro con Miguel Anxo Romero

Grazas á iniciativa do Concello de Ferrol en colaboración coa Editorial Embora, tivemos a sorte de contar coa presenza de Miguel Anxo Romero, autor dos textos do libro "Unha ollada a Viladoce", e que Leandro Lamas ilustrou tan fermosamente.

E contounos unha particularidade que fai deste libro unha peza singular, xa que foi xurdindo a través dos debuxos de Leandro e non ao revés, como adoita pasar normalmente. "Unha ollada a Viladoce" é un libro que vai fiando a historia a partir das súas ilustracións e non ao revés. Curioso, verdade?

Despois, fixemos unha actividade que consistía en crear unha especie de “libriño de cromos”, na que cada quen recibiu un folio con diversas ilustracións que servían como cromos. O obxectivo da
actividade era intercambiarse os cromos para conseguir todos e pegalos nas páxinas correspondentes. E unha vez completado o álbum de cromos, éste danos pe a facer un obradoiro de escritura creativa, fiando a través da nosa propia historia, as diferentes imaxes, como fixo o propio Miguel Anxo Romero. A verdade é que gozamos moito deste proceso creativo. 


E para rematar a visita, agasallou a todo o alumnado de 3º e 4º de Primaria cun exemplar, asinou no libro de visitas e adicounos o seu libro "Unha ollada a Viladoce" que pasará a formar parte dos nosos fondos e que de seguida poderá ser emprestado. A que tedes moita curiosidade por saber máis?


Grazas pola sesión creativa tan agradable na nosa Biblioteca!

Ningún comentario: