luns, 14 de novembro de 2022

Charla sobre o Sector Primario: Nerea Álvarez, nai de Sofía

(preme nesta imaxe para acceder ao álbum completo)

Hoxe achegouse ata o cole Nerea Álvarez, a nai de Sofía, dun xeito diferente ao que é habitual para ela, xa que foi a experta encargada de achegarnos a importancia da gandaría para a vida e para o mantemento ecosostible do noso contorno. 

Xa sabedes todos que estamos inmersos na fase de investigación do noso PDI e por iso, esta charla - xunto a outras que  terán lugar nos próximos días - veunos como anel ao dedo para afondar sobre os sectores de produción.

Nerea, con axuda de Miguel - o pai de Sofía -, manexan unha explotación gandeira de vacas de carne a pastoreo e teñen nada máis e nada menos que 25 vacas!!! Falounos da súa alimentación, dos coidados que precisan tanto as vacas como os puchos e contounos un montón de anécdotas e curiosidades sobre elas.

Ensinounos as chocas que levan as vacas para poder escoitalas polo monte, o penso que comen os puchos, e ata o silo das vacas!!! Cómo ulía aquilo! Pero sobre todo ensinounos algo moito máis importante: o amor polo seu traballo e o valor do que se fai por un  mesmo e cómo a gandaría responsable e non intensiva contribúe ao mantemento do medio no que vivimos.



E logo houbo rolda de preguntas; e houbo moitas e ben interesantes, ás que Nerea contestou pacientemente e coas que puidemos aprender un montón. Rematamos a sesión cun pequeno agasallo e unha aperta doce e agarimosa de Sofía. Que máis se pode pedir???

 Foi unha mañá xenial. Moitísimas grazas, Nerea.




#espazODS_para_a_concienciACCIÓN

Ningún comentario: