mércores, 22 de marzo de 2023

Paseando entre xigantes. Visita a Navantia Fene.

E chegou o día no que por fin puidemos visitar as instalacións de Navantia Fene, a nosa antiga ASTANO coa que despois de "Historia dunha reconversión" quedamos tan conectados emocionalmente.

Puidemos dar un paseo entre xigantes, os "jackets" das plataformas eólicas offshore das que viñeron falarnos as investigadoras do CITENI e que forman parte do noso imaxinario colectivo.

Preme nesta imaxe para acceder ao ábum completo.

A emoción da primeira saída desde fai moito tempo, os nervos dos que para quen era a primeira excursión, os arelos postos nesta visita desde hai tantos meses... convertiron esta saída nunha experiencia inesquecible.



E chegamos a Navantia Fene, baixamos dos buses e o primeiro que fixemos foi colocarnos cascos e chaleques. Xa se sabe, que na construción a seguridade é o primeiro.



 


Xa estamos todos e todas preparados!

Paseamos baixo os "jackets", esas estructuras medio amarelas e medio enferruxadas de tres pés sobre as que se colocan os aeroxeneradores no mar, e puidemos comprobar en primeira persoa o seu tamaño. Son verdadeiros xigantes plantados na nosa ría!


Tamén pasamos moi preto da grúa pórtico, que mide 75 metros ata a súa viga superior e coa que se poden alcanzar os case 90 metros, e que traballa a diario para mover as grandes pezas que conformarán os "jackets". E por suposto, aproveitamos para sacarnos alí unha foto!



Seguimos camiñando, camiñando e camiñando... e chegamos ata o molle no que teñen almacenados un montón de "jackets" preparados para seren cargados nos trasbordadores que os levarán ata o seu destino final, fronte as costas de Francia. E alí aproveitamos para sacarnos outras fotos, desta volta, en grupos máis pequenos.






E xusto antes de facer unha pausa para tomar a parva, cruzamos polo almacén xeral e pareceunos tan increíble que moitas de nós tivemos a sensación de que era un esceario dunha película.


E rematamos a camiñata dando boa conta da parva. Algún non puido evitar traerse parte do uniforme de folguista. É que esta "Historia dunha reconversión" quedará marcada na nosa memoria para toda a vida.

Ningún comentario: