mércores, 25 de outubro de 2023

Celebramos o Día das Bibliotecas Escolares tecendo comunidade

 Coma onte houbo unha xornada de folga, adiamos para hoxe a celebración do Día das Bibliotecas baixo o lema "Tecendo comunidade" cunha xornada participativa en torno á lectura na que tanto familias como persoas próximas á nosa comunidade educativa compartiron connosco momentos fantásticos que fixeron deste día unha festa.

Preme nesta imaxe do programa para acceder ás fotos deste día.



Comezamos de boa mañá con Verónica, nai de Teo que veu contar "Tan lixeiro, tan pesado", de Susanne Straber. Unha historia sobre a amizade e a cooperación da que non perdimos detalle!

Despois Manuel, pai de Cibrán leunos a divertidísima historia de "Blas Romero, o bandoleiro", de Celia Sacido: un bandoleiro sen chisco de vergoña e que está disposto a facer o que sexa por facerse con ela. 

Tamén veu Verónica, a nai de Tristán, a lernos unha versión moi emocionante dos 3 porquiños: "Emociónate cos tres porquiños", escrita por Laura Delgado, na que os nosos queridos protagonistas pasan por todas as emocións para axudarnos a identificalas!

Xusto antes do recreo, achegouse a nosa benquerida Ánxela Loureiro, quen aprendeunos unha chea de cantarelas coas que brincar. Que sorte a nosa contar con ela para tecer comunidade en torno á palabra!



E seguimos con máis contos e máis familias! Isto non se acaba! 
Sara, a nai de Maya contounos "A máquina das apertas" de Scott Campell, na que o noso protagonista da unhas apertas ás que ninguén pode resistirse... Caerás ti tamén nos brazos da máquina das apertas?

Óscar Fojo, pai da Loaira e o Artai, trouxo a súa guitarra e a súa inconfundible voz e cantounos o "Arrolo para Loaira" e outras cancións do seu disco "De ventos e lúas" coas que quedamos abraiados. 

E rematamos con Rosalía Cortizas, nai da Loaira e do Artai, quen nos contou un contiño cunha pequena arte de papiroflexia e aprendeunos a facer un helicóptero de papel. 


Pola súa parte, os maiores de 3º a 6º de Primaria tamén puideron gozar da Ánxela Loureiro, cun obradoiro de ditos e cantigas  populares do máis participativo.



Que sorte a nosa que fiando cun pouco de alí e un pouco de acolá conseguimos tecer unha comunidade en torno á palabra ben fermosa. A  que si?

Feliz Día das Bibliotecas, 
de todas as bibliotecas, 
tamén das escolares.

Ningún comentario: