luns, 8 de xaneiro de 2024

Primeira reunión do Club de Lectura: A Señorita Bubble, de Ledicia Costas

E este trimestre a actividade da Biblioteca comeza con moita forza, xa que hoxe celebrouse a primeira reunión do Club de Lectura para falar sobre o libro "A Señorita Bubble", escrito por Ledicia Costas,  ilustrado por Andrés Meixide e publicado por XERAIS.

Xuntámonos e falamos sobre o libro, sobre se gozamos ou non coa súa lectura, e por que... falamos da autora e doutros libros escritos por ela... falamos de todas as inferencias que podíamos facer co noso imaxinario e sorprendímonos de cántas cousas sabiamos... falamos das temáticas ocultas dentro da historia: da diversidade, do respecto á diferenza, do valor da autenticidade, dos tipos de familia, e máis.


E para rematar o encontro, comezamos a dar os nosos primeiros pasos na mediación sobre ficción dixital, falando dos vídeoxogos aos que xogan, analizando as súas temáticas e as técnicas de xogo que se empregan, para rematar a sesión xogando a BeeCarbonize, de Charles Games, un xogo de estratexia de cartas medioambiental no que o cambio climático é o oponente. 

A través do xogo, e a medida que se van desenvolvendo as partidas, establéceuse un diálogo entre o alumnado co que tentaban buscar solucións aos problemas que ían xurdindo, compensando as emisións de carbono da industria con reformas sociais, políticas ecolóxicas e esforzos científicos. Unha forma diferente de xogar, máis reflexiva ca que están acostumados e coa que tomar conciencia do cambio climático.




O próximo libro??? 
FORMIG4S: Misión Rosalía, escrito por Pere Tobaruela e tamén ilustrado por Andrés Meixende, de novo publicado por XERAIS.

Ningún comentario: