O venres 30 de novembro foi un día
moi intenso para os Rebuldeiros. A de cousas que aprenderon!! Ampliaron os seus
coñecementos sobre o proxecto de arqueoloxía no que están inmersos, e todo
grazas a Óscar Picos, que estivo toda a xornada do venres cos Rebuldeiros. Queredes
saber exactamente que aprenderon? Pois continuade lendo, merece a pena ;)
Comezou a mañá, e Óscar explicoulles
de onde procede o ouro e a diferenza deste mineral coa pirita. Este último é tamén un mineral que se asemella ao ouro. Hoxe
en día coñécese co nome de “o ouro dos
tontos”. Tamén nos falou da calcopirita,
outro mineral co que se pode confundir o ouro.
Se queredes afondar máis sobre a
orixe do ouro, aquí vos deixamos o enlace a un artigo (preme na cabeceira), e un vídeo que vos poden interesar:
Posteriormente, Óscar mostroulles
distintos fósiles dalgunhas eras xeolóxicas. Dentro da Era Paleozoica, puideron
ver e tocar fósiles do período Cámbrico, Devónico ou Carbonífero: fósiles de
trilobites, belemnites ou amonite, fósiles de felgos... entre outros. Dentro da
Era Mesozoica, viron fósiles do período Xurásico e Cretácico.
Tamén puideron ver e observar a
través dun microscopio binocular formigas e escaravellos prehistóricos e
térmites fosilizados. Estaban en ámbar, que é unha resina fosilizada.
Logo dos fósiles Óscar explicoulles
aos Rebuldeiros a evolución das ferramentas. Comezaron na Idade de Pedra, que é
o período da prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a
elaborar ferramentas de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. A
continuación mergulláronse na Idade dos Metais, onde Óscar ensinoulles algunhas
ferramentas ou utensilios da época romana: sondas médicas, agullas, tesoiras,
anzois, decoración de roupa (como fíbulas e botóns)... ata moedas!! (Todo de
bronce). Aparte de ferramentas, puideron ver cerámicas da época castrense.
E por se fose pouco, por último os
Rebuldeiros foron... "BATEADORES" DE OURO!!
"Batear" é empregar un recipiente
plano, en forma de prato fondo, para lavar as areas separando a grava e area e
quedándonos cos materiais máis pesados, como é o caso do ouro.
Óscar facilitoulles moito a tarefa e
xa tiña para cada Rebuldeiro a súa bolsiña de grava con ouro. Eles tiveron que baleirar
cada bolsa na batea, somerxer a batea na auga para, a continuación, eliminar coa
man aquelas rochas de maior tamaño. Ao somerxer a batea lógrase que os
materiais máis pesados (coma o ouro) descendan ata o fondo da mesma.
O seguinte paso foi coller a batea
con ambas mans e realizar un movemento. Pode ser circular ou dun lado cara o outro... A finalidade é que con este movemento os materiais máis pesados
se queden no fondo da batea e o resto de materiais, que son máis lixeiros, estén
en suspensión e poder baleiralos da batea. Para iso temos que inclinar
lixeiramente a batea e deixalos saír por riba do seu bordo. Este é un proceso
que hai que repetir ata que no fondo da batea quede unha area negra, que é un
conxunto de óxidos metálicos. Nesta fase xa é posible ver entre a area negra, o
ouro.
Os Rebuldeiros déronse conta de que
non é tan doado isto de batear. Para outra próxima vez esperamos poder ter a
oportunidade de practicar o bateo nun recuncho tranquilo dun río, sería
fantástico! Pero mentres tanto... conformarémonos co realizado no cole!
Agradecer, de novo, a Óscar por todo
o esforzo de traer o material ao cole, pola paciencia que tivo cos nosos
Rebuldeiros, e poder deixarlles manipular tan valiosísimos fósiles, ferramentas
e minerais. Por último, mencionar ao grupo ao que pertence Óscar chamado Gold Diggers, polo seu marabilloso
traballo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario