martes, 22 de decembro de 2020

Lotaría de premios para un 2021 no que compartir ilusións

Este ano non tivemos "Festival de Inverno" no que os últimos cursos representabamos entre todos os cursos un emocionante musical e que compartíamos coas nosas familias. Ai, que bonito e canta ilusión posta neses días: O Rei León, Grease, Mary Poppins... musicais feitos con moito mimo e coa colaboración das familias.

Mais a pandemia tamén roubounos estes fermosos momentos que partillar. 😭😭😭

Así que decidimos que isto no podía quedar así e, coincidindo co tradicional sorteo da Lotaría Nacional, organizamos o noso particular sorteo cunha "Lotaría das ilusións".


Cada quen, segundo a orde que marcaba o bombo escolleu - previa desinfección de mans, por supostísimo! - unha bola dentro dunha saca na que había un premio.

Eses premios servirannos para compartir momentos cos nosos compañeiros e compañeiras no 2021 para facelo un pouquiño máis amable: unha peli con flocos de millo, unha sesión de manualidades extra, un día de música de baile no recreo, ter as aulas baixo as árbores da escola, unha sesión de pompas xigantes, grabar un vídeoconto, montar unha coreografía cos compañeiros, poder vir disfrazados sen ser entroido...

Tamén é certo que houbo algún premio individual, como unha pista nun exame ou levar algo especial da biblio para casa, mais estes premios foron os menos.

Pero "o gordo", ese que todos arelamos que nos toque algún día, desta volta caeulle a Elías, e polo tanto, a todos os seus compañeiros de clase. Así que poñede voz de "nenos de San Ildefonso" e cantade:

 Unha noite na Biblioteca

 - cando o protocolo COVID o permita -

Que sorte! A alegría do momentazo non vola podedes imaxinar! 

Por aquí vos deixamos a listaxe de premios cos agasallos que foron saíndo. Para que quede constancia deles e que non haxa nin trampa nin cartón.





Por un 2021 no que gozar xuntos!!!


Ningún comentario: