"Quen nos cativou algunha vez cun deses contos que nos abrazou, nos
sorprendeu e nos sacudiu as emocións todas multiplicando as nosas
endomorfinas gozosas? Quizais foi esa mestra que deu coa fórmula
máxica para que fósemos á escola felices? O pai que deitou palabras
doces no noso oído para borrarnos un pesadelo? Foi acaso a avoa
que manexa os rudimentos do narrador de maneira natural para nos
desvelar historias do noso rico folclore, as mesmas que ela recibira
noutrora da súa avoa onda o lume morno dunha lareira? Tal vez foi
un narrador ou unha narradora profesional, capaz de sucar os mares
e derrubar fronteiras coa autoridade de quen domina os segredos da
oralidade? Ben seguro que se trata de alguén que nos ama, pois,
como diría o gran contador galego Xabier P. Docampo, “contar é o
acto de amor máis sublime que un ser humano pode realizar”.
Hoxe, 20M de 2021, imaxino un despregue apoteótico de afectos, de
historias marabillosas, vellas e novas, coñecidas e inéditas, de risa,
de medo, de amor, de intriga... voando alto, cal aves migratorias, por
riba de todos os tellados e de todas as pandemias do planeta — dende
Suecia a Australia, dende Galicia ao resto de España, a Canadá,
México... —, pousando nos teatros, nas escolas, nos hospitais, nas
rúas, nas casas... o seu poder de sedución para entraren polos cinco
sentidos de milleiros e milleiros de nenas e nenos, vacinándoos
contra todo o feo, sementando no seu espírito as máis ricas e variadas
sensacións, esas que fan soñar grande.
Neste xusto instante, nun punto minúsculo do mapa de Galicia, unha
nena de ollos preguntóns chamada Sofía abre fascinada as portas ao
mundo da narración oral. A piques de cumprir catro meses de vida
— e despois de escoitar na voz que a aleita os primeiros contos de lobos
e raposos, mouras de longos cabelos que se peitean con peites de ouro,
serpes encantadas e carapuchiñas, parrulos feos... —, Sofía experimenta
o pracer de ser ela quen balbuce o máis fermoso dos relatos como
agasallo á súa nai. Ambas as dúas, felizmente sorprendidas, míranse
aos ollos nunha danza única. A nai déixase levar polo entusiasmo da
pequena contadora e comproba que o mundo enteiro cabe nas pupilas
excitadas de Sofía, a nena que cos seus balbucidos emprende os
primeiros voos na arte de narrar. Ese privilexio!
Contar e escoitar, crear mundos... é unha necesidade perenne do ser
humano dende o comezo dos tempos e das idades."
Ningún comentario:
Publicar un comentario