Recordades o que pasou xusto hai un ano? Estábamos a piques de comezar este ano tolo que levamos a voltas coa pandemia pero aínda vivíamos confiados. Organizamos a I Maratón Kathrine Switzer e convidamos ás familias a compartir con nós este día. Foi tan especial que quedará no recordo de moitos durante moitos, moitos anos.
Así que neste curso, novamente apareceu o 261 polo cole e o cartel anunciando a carreira, mais desta volta todos e todas sabiamos de que se trataba, e o que non o sabía enterouse en seguida, porque ese número quedou grabado na nosa memoria para sempre polo especial da celebración vivida.
O número 261 era o que levou Kathrine SwitzernaMaratón de Boston, convertíndose así na primeira muller que correu unha maratón con dorsal. Todo isto aconteceu no ano 1967, ano no que esta proba deportiva era exclusiva para homes.
Non foi doado, xa que Kathrine tivo que inscribirse na carreira empregando só as súas iniciais (KV. Switzer) para conseguir o dorsal. E durante a carreira, tentaron apartala da competición, pero non o conseguiron.
Cinco anos máis tarde, e grazas á súa valentía, as mulleres de todo o mundo poden correr oficialmente a maratón, considerada a proba máis dura do atletismo.
Rendéndolle homenaxe neste 8M a esta ousada muller pioneira celebramos hoxe o II Maratón Kathrine Switzer no CEIP de Pazos, amosándolle ao mundo que, con esforzo e entrenamento, calquera pode lograr ser a mellor versión de si mesmo.
Queremos un mundo igualitario e máis xusto onde nenos e nenas, homes e mulleres teñamos as mesmas oportunidades e non sexamos xulgados polas nosas diferencias, pois precisamente son o que nos fai persoas valiosas, diversas e únicas.
Foi unha xornada alegre na que houbo entrega de dorsais, desfile dos participantes, carreiras por idades, entrega de medallas e foto final. O que, sen dúbida botamos de menos foron ás familias, así que o ano que vén, toca repetilo e agardamos que sexa con vós.
Unha gran festa do deporte, a amizade e o compañerismo, o feminismo e a alegría.
Preme en calquera das fotos para acceder ao álbum completo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario