Hoxe, 24 de outubro, é un día de celebración en toda a rede de Bibliotecas Escolares. A edición deste ano, baixo o lema "BiblioTEcuida", céntrase en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus servizos e recursos, son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen.
Son moitas vías a través das que as bibliotecas coidan e atenden aos cidadáns. A promoción da lectura é a primeira delas. Pero tamén desde as bibliotecas prográmanse actividades especiais de creación colectiva, acción cultural, atención a diversidade e moitas outras, facendo súa a idea da Axenda 2030 de non deixar a ninguén atrás.
E nós, desde a Biblioteca Xoán Farias quixémolo celebrar cunha sesión especial na biblio para cada grupo. Como somos cada vez máis no cole, tivemos que ir por quendas.
Comezaron os #pequesde5 o pasado venres, cunha chea de contos de medo, algunha actividade de creación, xogos mostruosos e máis! Podedes ver un pequeno resumo do que sucedeu no vídeo a continuación.
E logo foi a quenda dos #rebuldeir@s, que tamén aproveitaron a mañá na biblioteca para ler contos de medo, traballaron a comprensión lectora a través de varias propostas creativas e xogaron a un montón de xogos de atención, lóxica e razoamento. Unha sesión na que o pasaron de medo!
E tamén pasaron pola Biblio os #maiores do cole, que aproveitaron para buscar algunha nova lectura e levar para casa algún libro emprestado. Que sorte de Biblioteca a nosa!
Os #pequesde3e4 anos fixeron unha actividade entorno á lectura do conto "A casa encantadas", enchendo a nosa Biblioteca de coloridas pantasmas. Tamén aproveitaron para preparar o seu conto de medo.
E se premedes na imaxe do marcapáxinas que levamos hoxe a casa, podedes acceder ao álbum completo das fotos.
Porque as Bibliotecas son moito máis que contedores de libros, nos que ler en silencio. Son verdadeiros fervedoiros de actividade, laboratorios de aprendizaxe, espazos de encontro... nos que construímos de forma colaborativa o coñecemento. E iso, sabémolo moi ben na Biblio Xoán Farias, a biblioteca do CEIP de Pazos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario