Amosando publicacións coa etiqueta ODS1. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ODS1. Amosar todas as publicacións

martes, 30 de xaneiro de 2024

Día da Paz 2024

Celebramos o Día Escolar para a Non Violencia e a Paz coa lectura do noso tradicional libro colectivo da paz xuntándonos todos na Biblioteca. Desta volta o libro xira sobre o ODS 1: FIN DA POBREZA e o ODS 16: PAZ, XUSTIZA e INSTITUCIÓNS SÓLIDAS dentro do PDI "esPazODS_para_a_concienciACCIÓN", como peche das misións do 1º trimestre. E como non podía ser doutra forma, tocaba darlle formato de banda deseñada.

Preme nesta imaxe para acceder ao álbum completo coas fotos deste día.

Ademais, os peques de Pazos grabaron un vídeo explicando moi ben todo o que traballaron sobre estes ODS e que vos deixamos aquí. Escoitade atentos, que contan moitísimas cousas!



De igual forma o alumnado de Primaria explicou os seus traballos para aprender un pouco máis sobre a paz, o fin da pobreza e as institucións sólidas que fan que o mundo sexa mellor.



Ao longo da semana estivemos preparando xogos con avións de papel e rematamos esta xornada con xogos durante o recreo e voos de avións de papel con mensaxes de paz ao ritmo do "Quérote máis" do Sonoro Maxín. 
Velaiquí tedes un vídeo-resumo.

"esPazODS_para_a_concienciACCIÓN"





mércores, 29 de novembro de 2023

O labor da Cociña Económica de Ferrol

O alumnado de Pazos segue traballando na misión deste trimestre, orientada ao ODS 1: FIN DA POBREZA, dentro do PDI "esPazODS_para_a_concienciACCIÓN"Os folgos seguen intactos e o maxín non deixa de funcionar: investigación, análise, busca de solucións… todo en prol deste obxectivo.

Se premes nesta imaxe, poderás ver algunha fotografía máis deste encontro.

Hoxe tivemos unha visita moi especial: Federico Formoso, membro da directiva da Cociña Económica ferrolá que se achegou ata a nosa Biblioteca para darnos a coñecer o labor tan importante que realizan na nosa comarca.

Uns días antes, o alumnado de Q.S.U. chamou por teléfono á Cociña Económica de Ferrol co fin de tentar colaborar con esta entidade e tamén tratar a posibilidade de que algunha das persoas que colaboran nela viñera ata o cole para contarnos de primeira man que é a Cociña Económica, como se organiza, que servizo ofrece e todas cantas dúbidas xurdiron durante o tempo que Federico nos acompañou.

Comedor e voluntarias na Cociña Económica de Ferrol

Exemplo de menú do almorzo, con primeiro e segundo prato, pan e froita.

Falounos tamén da importancia de facerse socio da Cociña Económica, facer doazóns puntuais (económica ou de alimentos, como os excedentes das nosas hortas) ou colaborar como voluntarios, para que poidan manter o seu labor social por moitos anos máis, e xa van 132!!!

Grazas Federico, por visitarnos e atendernos tan cordialmente, mais sobre todo, grazas pola solidariedade e compromiso social que desprenden todas as voluntarias da Cociña Económica de Ferrol.
Agardamos aportar o noso gran de area para facer un pouco máis doada a vida de moitas persoas que o necesitan.

Únete ao cambio! Pequenos xestos contribúen a un mundo mellor!

martes, 21 de novembro de 2023

Colabora na gran recollida de alimentos 2023

Facémonos eco tamén da Gran Recollida de Alimentos 2023 que terá lugar os próximos 24 e 25 de novembro en todos os supermercados do país, a campaña solidaria máis importante do ano a nivel nacional baixo lema "Alimenta unha vida mellor".

Na cosa comarca, BALRIAL será a encargada de organizar a campaña, na que estarán implicados numerosos supermercados e miles de voluntarios. Todo o recaudado abastecerá de alimentos os almacéns dos 54 bancos de alimentos, incluído o de Ferrol, para a súa posterior distribución á poboación máis vulnerable.

Desde o cole de Pazos, queremos contribuír a esta gran campaña, ofrecéndonos como punto de recollida dentro da nosa Comunidade. Pero tamén podedes facer as vosas aportacións a través dos vosos supermercados habituais.


De novo, o cartel foi elaborado polo alumnado de Educación Infantil, como produto social relevante para o ODS 1: Fin da pobreza dentro do PDI "esPazODS_para_a_concienciACCIÓN".

COLABORA! Pequenos xestos poden facer un mundo mellor!

mércores, 8 de novembro de 2023

Campaña de recollida de roupa.

Este ano, dentro do noso PDI "esPazODS_para_a_concienciACCIÓN" e o ODS1: Fin da pobreza, querémonos sumar á VI campaña de recollida de roupa de abrigo en bo estado da asociación "Movilidad humana", que quere axudar a todas as persoas, especialmente migrantes ou en situación de vulnerabilidade da nosa comarca a afrontar mellor o inverno.


Para isto, os peques de Pazos, tras un proceso de investigación sobre a iniciativa que se estaba a desenvolver na nosa comarca, elaboraron un cartel para dar a coñecela e tal e como nel indican, podedes achegar as vosas doazóns de roupas no colexio ou directamente no Centro Cívico de Canido, de luns a venres en horario de 11 a 13 horas polas mañás ou de 17 a 20 horas polas tardes.
A campaña remata o vindeiro venres 17 de novembro.



A entidade encargarase de clasificalas e ordealas para unha distribución eficiente e insisten en que debe ser roupa nun estado de limpeza e consevación digno e que non só se precisan abrigos, senon tamén roupa de cama, gorras, bufandas ou zapatos de case todas as tallas.

Verdade que podemos colaborar?
Xuntas construímos un mundo mellor.
Pequenos xestos poden lograr o cambio.

venres, 27 de outubro de 2023

Soberanía alimentaria como estratexia para o fin da pobreza

Desde o CEIDA - Centro de Extensión universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- dentro do programa “Para unha Transición ecolóxica”, deféndese unha agricultura e gandearía social, sostible e de proximidade, que garanta unha alimentación segura, nutritiva, sá, e de calidade; baseada en métodos responsables de produción que promovan a protección ambiental e o benestar animal e que ademáis, fomenten a conservación dos recursos naturais. 

Un proceso que garante a calidade de vida dos pequenos e medianos produtores para preservar un medio rural social, ambiental e económicamente viable. 

alumnado de último ciclo de Educación Primaria (5o e 6o de EP) participou neste programa en dúas sesións: 

Na primeira sesión, no noso centro, expuxéronnos de forma sinxela e amena o concepto de soberanía alimentaria e cales son os principais problemas ambientais derivados dos nosos hábitos de alimentación e consumo actuais, a importancia dunha agricultura e gandaría ecolóxicas e sostibles, e a forma que temos entre todos de mudar on nosos hábitos diarios de consumo para axudar a mitigar este problema.

Na segunda sesión, o alumnado de 5º e 6º de Primaria, visitou a Asociación Raíña Paraíso en Vilasantar. Trátase dunha visita guiada por un produtor asociado á Marca de Calidade da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo ou dos Grupos de Desenvolvemento Rural da provincia da Coruña.

Na Asociación Raíña Paraído, o alumnado puido recoñecer o labor dos produtores asociados a esta marca de calidade e outros que traballan por unha produción ecolóxica e local para unha alimentación saudable e sostible.

Tamén obtiveron ferramentas e recursos que lles permitan actuar como cidadáns críticos e tomar decisións que marcan os hábitos alimentarios e de vida.





Preme nesta última foto se queres ver máis desta saída.

Foi unha experiencia moi positiva para a reflexión e a innovación educativa relacionadas co estudo do medio ambiente e da contorna natural e moi útil para desenvolver o noso proxecto sobre o ODS1: Fin da pobreza e que vainos dar moooito que pensar.

venres, 29 de setembro de 2023

Chis, chis, plof, plof! 3, 2, 1... Empezamos!

E de novo soou o inconfundible Chis, chis, plof, plof... Chis, chis, plof, plof... e a nosa biblioteca encheuse de maxia unha vez máis. Toca xuntarse para dar a benvida aos novos compañeiros e compañeiras e lembrar, unha vez máis, a "Historia dunha meiga" e a guía de usuarios da nosa biblioteca na compaña do caracol Roi.






A partir deste momento queda oficialmente innaugurado o novo curso 2023 / 2024 na nosa Biblioteca! Hurra!!!

Feitas as presentacións, coas maletas chegan as novas MISIÓNS ODS para este curso dentro do noso Proxecto Documental Integrado "espazODS_para_a_concienciACCIÓN".
Este primeiro trimestre traballaremos sobre o ODS 1: FIN DA POBREZA e o ODS 16: PAZ, XUSTIZA E INSTITUCIÓNS SÓLIDAS.





Deixo por aquí estes vídeos para darvos algunhas pistas sobre estes novos ODS cos que seguir avanzando no noso gran proxecto sobre a Axenda 2030.




Este curso convertirémonos en verdadeiros axentes do cambio grazas á AXENCIA ECOSOCIAL de Chispa, para a que teremos que elaborar os nosos propios informes clasificados de alto segredo nos que recolleremos o noso modo de actuación, os recursos empregados, os logros acadados e calquera outra información que consideremos importante en torno a estes novos ODS.


E lembra: 
Pequenos xestos poden contribuír a lograr un mundo mellor. E ti, súmaste ao cambio?

esPazODS_para_a_concienciACCIÓN

martes, 20 de decembro de 2022

Recollida de xoguetes, grazas á nosa ANPA molona

De novo, a nosa ANPA molona organizou unha campaña de recollida de xoguetes en bo estado en favor do Centro de Recursos Solidarios de Narón. E hoxe, achegouse polo cole a súa súperfurgo para recoller todos eses xoguetes que achegastes ao cole ao longo destes días.

Jana, Darío e Saínza, rebuldeir@s de primeiro, foron os encargados de axudar a cargar tan valiosa mercancía que de seguro alegrará moitos fogares da nosa comarca este Nadal.



Grazas familias, pola vosa solidariedade!

martes, 7 de xuño de 2022

Comeza MatesPaz-ODS: #DÍA1: ODS 3, SAÚDE E BENESTAR

Comeza a nosa olimpíada matemática relacionada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Hoxe o reto vai sobre o ODS 3: SAÚDE E BENESTAR


Lembra poñer o nome na túa papeleta antes de botala!

#esPazODSparaaconcienciACCIÓN

venres, 17 de decembro de 2021

Campaña de recollida de xoguetes solidarios

Este ano a nosa ANPA organizou unha campaña de recollida de xoguetes usados para facerllos chegar ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, desde onde se repartirán ás familias que os soliciten.


Mentres que algúns nenos reciben decenas de xoguetes que apenas usan, outros non teñen apenas xoguetes cos que xogar. Así, ao longo da semana foron chegando os xoguetes en bo estado aos que quixestes darlles unha segunda vida. Grazas ás familias pola vosa solidariedade cos máis desfavorecidos.

E hoxe venres, Derek, Elisa e Mateo, tres dos peques do cole, axudaron a cargar a furgo do CRS de Narón cando viñeron a cargalos. Vaia axudantes máis forzudos, pero sobre todo voluntariosos. Non descansaron ata que todos os xoguetes estiveron dentro do vehículo!





(preme nas imaxes se queres ver máis fotos)

Porque xuntos podemos facer un mundo mellor e pequenas accións poden cambiar o mundo.

#esPazODSparaaconcienciACCIÓN