Amosando publicacións coa etiqueta Experimentos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Experimentos. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de novembro de 2020

Novembro: mes da ciencia en galego na biblioteca

Desde hai varios cursos a través das Bibliotecas Escolares e en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega, promóvense múltiples iniciativas en prol da cultura científica en galego como motor do coñecemento, sempre desde unha perspectiva lúdica e da experimentación.

Como nos dí Xurxo Mariño Alfonso, profesor e investigador científico no seu manifesto "O feitizo da ciencia": "A ciencia está en todas partes. ( ... ) Non é unha cousa escura que só se fai en complexos laboratorios, senón que, por riba de todo, é unha maneira de pensar, unha actitude para chegar ao coñecemento. Consiste en observar a natureza con paciencia e curiosidade, dun xeito rigoroso e meticuloso, co obxectivo de, descubrir os mecanismos que se agochan detrás".


Pola nosa parte, o curso pasado iniciábamonos nos Retos STEAM na biblio e este ano, protocolo COVID mediante, non renunciamos a unha biblioteca activa, que sexa un lugar para medrar e experimentar e, quen sabe se, descubrir algunha vocación científica entre o alumnado.

E así foi como plantexamos unha semana repleta de actividade científica na Biblioteca, e por suposto, en galego.


Sempre sen romper os grupos de convivencia estable, organizamos unha sesión longa para cada un deles na Biblioteca, de xeito que en pequenos grupos puideran realizar unha serie de experimentos para achegarse á cultura científica: circuítos eléctricos con plastilina conductora, barcos en movemento por tensión superficial, propiedades da luz co disco de Newton, mistura de cores por capilaridade e creación dunha batería con limóns. 







Ademáis, cada quen tiña que completar unha folla de traballo na que debían analizar brevemente os resultados dos seus achádegos tras a experimentación. 


E vos estaredes preguntando onde están as fotos de todo isto... Pois se premedes na imaxe á continuación, poderedes ver cántas cousas poden chegar a acontecer nunha biblioteca.

Que viva a ciencia! E que viva a ciencia en galego!

martes, 3 de marzo de 2020

Visita á Fundación Rede Eléctrica: "Unha autoestrada detrás dun enchufe"

Hoxe visitamos a Fundación Rede Eléctrica Española e gozamos coa mostra interactiva no recinto de Palexco na Coruña: "Unha autoestrada detrás dun enchufe". Aprendemos o que sucede desde que se xenera a electricidade ata que chega aos nosos fogares. 


A mostra dividíase en tres secciónsNa primeira sección experimentamos coas propiedades da electricidade como fenómeno físico, por exemplo descubrimos que o cobre é un bo transmisor da electricidade ou que podemos transmitila entre nós colléndonos das mans!

Na segunda sección explicáronnos, a través dunha gran maqueta, o proceso da subministración eléctrica.Vimos como as diferentes centrais eléctricas (eólicas, térmicas, solares, hidroeléctricas) xeran electricidade empregando diferentes fontes de enerxía (o vento, a luz solar, ...) e como se transporta ata as cidades e as industrias polos tendidos eléctricos.
Sabedes que ten que haber un equilibrio entre a xeración e o consumo, e que non se pode almacenar nin acumular? 
Despois puxémonos unhas gafas 3D para ver como se fai unha interconexión submariña de fibra e para facer unha visita virtual a un centro de control eléctrico. Molou moitísimo!!!

Por último, na terceira sección, tivemos a oportunidade de converternos en consumidores; con xogos interactivos descubrimos como usamos a electricidade e que efecto teñen os nosos hábitos de consumo. Sabedes que é que o que máis electricidade consume nos nosos fogares son os pequenos electrodomésticos?
Por iso temos que utilizar a enerxía dunha forma eficiente e responsable!!!

Ao final da visita levamos unha sorpresa: Xa case marchabamos cando nos viñeron a avisar de que Jandro acababa de restaurar unha máquina que ao principio da visita non puidemos observar porque estaba avariada. Parécenos a nós que Jandro ten madeira de científico, mmmmm, mmmm,...Tratábase da “Esfera de plasma”, un deseño orixinal de Nikola Tesla a quen el coñece ben. A guía felicitouno e agradeceullo, como non??? Pois iso, que nos sentimos moi orgullosos do noso compañeiro. Todo un crack! Felicidades!!

Se queredes aprender máis sobre a electricidade e divertirvos, déixovos este XOGO e esta WEBQUEST.


Collícheslle o gusto a esto dos experimentos coa electricidade? Pois por aquí vos deixo estes vídeos, para saber máis e máis.