Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres nas Letras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres nas Letras. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de maio de 2024

Luisa Villalta, a nena do violino

E un ano máis, Trémola Teatro achegouse ata a nosa biblioteca para enchela de maxia e trasportarnos ao mundo das letras e da música da man de Luísa Villalta, sexta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas e outra galega máis das letras, entre moitas.

Luisa e Susana Villalta, fotografía do arquivo familiar que pode verse na exposición "Luísa Villalta, a memoria dos sons", na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.

Con "Luisa Villalta, a nena do violino", puidemos facer un percorrido desde a súa infancia - na que estaba inseparablemente unida ao seu "violino" - ata que descubriu o seu primeiro libro de poesía. A medida que crecía, Luisa Villalta enfrontouse a novas realidades que non lle gustaron moito e por iso decidiu que tentaría cambiar o mundo. Un percorrido pola vida e a obra da nosa homenaxeada, pola música, a literatura, a poesía, as aulas e o activismo social.

Preme nesta imaxe para ver máis fotos. 



Que vivan as Letras Galegas e que viva Luísa Villalta!

Por mil primaveras máis para a nosa língua!

venres, 21 de maio de 2021

E así celebramos as nosas Letras!

Hoxe venres foi un día de festa para nós de principio a fin, xa que celebramos o Día das Letras Galegas por todo o alto. A semana pasada traballamos arreo sobre a vida e a obra de Xela Arias, ilustrando a súa biografía entre todos e todas e elaborando un mural para incluílo na colección de "Mulleres nas Letras".

E claro, quixemos pechar todo este traballo cun contacontos especial, polo que hoxe contamos coa presenza de Pedro Brandariz e o seu espectáculo "Senlleiras: As mulleres nas Letras" que nos viña ao pelo. Nel, un tal Castelao, detective "privao", encargounos unha dobre misión coa axuda destas mulleres senlleiras:

Rosalía de Castro, 

Francisca Herrera, 

María Mariño, 

María Victoria Moreno e 

Xela Arias.

(Se premes nesta foto accedes ao album completo)

Por unha banda, encargounos "salvar ao galego" de tanto criminal que hai polo mundo solto que que di "Sanjenjo", ou o que é máis grave aínda, que non lle fala en galego ás crianzas. Para iso con falalo abonda, polo que esta tarefa parece que será doada.

E por outra, "loitar por un mundo máis igualitario" no que nenas e nenos, mulleres e homes teñamos os mesmos dereitos, de xeito que cada quen poida chegar a ser quen queira ser.

Estivo xenial. Gozamos moitísimo con este contacontos. Se mirades as fotos poderedes comprobalo.

E despois... continuamos coa nosa celebración facendo o que fan os galegos... que non é outra cousa que pasalo ben a ritmo de gaita! (entre outras moitas cousas, claro!) 

Primeiro bailamos a "global muiñeira", ese baile a ritmo de muiñeira e que puxo tan de moda aquel anuncio dun supermercado. Lembras? Para iso estivemos practicando moito coa profe Kelly quen nos ensinou os puntos deste baile. A verdade é que para grabar o anuncio aínda non nos sae, pero non o fixemos nada mal e pasámolo xenial.

Neste vídeo podedes vernos en acción!

E como broche dourado, viñeron desde Ares algúns membros de Trouleada para agasallarnos cunha pequena repichoca á que se uniron as profes Rosa, co bombo, e Araceli, coa pandeireta.

Grazas por acompañarnos nesta celebración un ano máis.




Se queres ver máis fotos, preme en calquera das imaxes a continuación.


E para despedir esta intensa xornada cantamos o Himno Galego ao son das gaitas. Foi un día completo e moi divertido no que gozamos das nosas tradicións e da nosa lingua. 

Que vivan as Letras Galegas!

luns, 17 de maio de 2021

Letras Galegas 2021: Xela Arias

Xela Arias Castaño, foi escritora, editora, tradutora e profesora de Lingua e Literatura. De nena estudou na granxa Barreiros, un proxecto pedagóxico innovador e no Colexio Fingoi. Máis tarde mudouse a Vigo por mor do traballo do seu pai, que era mestre. Alí desenvolvería a súa vida persoal e profesional.

Aos 18 anos comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, pasando de oficinista a editora e correctora. Compaxina este traballo con diversas colaboracións en publicacións como A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia ou Faro de Vigo.

Xela foi unha muller comprometida, ecoloxista e feminista. Participou en movementos culturais como a Festa da Palabra Silenciada, revista cultural producida por Feministas Independentes Galegas, ou en Burla Negra, contra o desastre do Prestige.

Entre as súas obras destacan Tigres coma cabalos e Darío a diario. Publica Intempériome no ano 2003, ano do seu inesperado falecemento. Este ano, vense de publicar como obra póstuma Non te amola!, única obra narrativa escrita a principios dos 90 na que se retrotrae á súa nenez.

Durante toda a semana pasada estivemos traballando sobre a biografía da homenaxeada. Como cada ano, escollemos oito momentos destacados da súa vida e ilustrámonos. Entre todos e todas compoñemos o mural que está na entrada do colexio.


Ademáis este ano fixemos colaborativamente a representación da súa imaxe, pois formará parte da colección de "Mulleres nas Letras", pois son xa 5 mulleres as homenaxeadas no Día das Letras Galegas:
Rosalía de Castro
Francisca Herrera
María Mariño
María Victoria Moreno
e agora, Xela Arias.

Pero queredes saber máis cousas sobre ela, verdade? Pois por aquí quedan unha chea de recursos cos que traballar ao longo desta semana nas aulas xa que, como moitos saberedes, ímolo celebrar o vindeiro venres 21 por todo o alto. 

- Biografías -


 


- Recursos na rede -

Genially para todos os niveis da man de Burbullas de PT

Genially de Noemí García e Belén Martín Franco

Genially de Alba Carril e Ana Sánchez Sanmartín


- E máis e máis materiais para traballar a vida e a obra de Xela Arias -

"A palabra esgazada", na RAG

UD na web de "Mulleres Galegas"

Exposición "Aquela nena de Sarria"

No portal "Primavera das Letras"

Na web do "Seminario Galán"

No "Portal da Lingua Galega"


E para rematar, un pouco de música da man de A Banda da Loba.


A gozar no Día das Letras Galegas e que veñan mil primaveras máis para a nosa lingua.