Hoxe venres foi un día de festa para nós de principio a fin, xa que celebramos o Día das Letras Galegas por todo o alto. A semana pasada traballamos arreo sobre a vida e a obra de Xela Arias, ilustrando a súa biografía entre todos e todas e elaborando un mural para incluílo na colección de "Mulleres nas Letras".
E claro, quixemos pechar todo este traballo cun contacontos especial, polo que hoxe contamos coa presenza de Pedro Brandariz e o seu espectáculo "Senlleiras: As mulleres nas Letras" que nos viña ao pelo. Nel, un tal Castelao, detective "privao", encargounos unha dobre misión coa axuda destas mulleres senlleiras:
Rosalía de Castro,
Francisca Herrera,
María Mariño,
María Victoria Moreno e
Xela Arias.
Por unha banda, encargounos "salvar ao galego" de tanto criminal que hai polo mundo solto que que di "Sanjenjo", ou o que é máis grave aínda, que non lle fala en galego ás crianzas. Para iso con falalo abonda, polo que esta tarefa parece que será doada.
E por outra, "loitar por un mundo máis igualitario" no que nenas e nenos, mulleres e homes teñamos os mesmos dereitos, de xeito que cada quen poida chegar a ser quen queira ser.
Que vivan as Letras Galegas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario