Amosando publicacións coa etiqueta Outono. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Outono. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de novembro de 2020

Follas de outono

Os peques do cole agasállannos con estas folliñas de outono apañadas no patio da escola acompañadas por esta escolma de poemas de outono. Gozade con eles!


As árbores espidiñas, sen follas, sen folliñas.

Os esqueletos de xeo amosan

Os seus outonos, os seus laios, os seus soños.

Unha alfombra cobre o chan, 

tapiz de follas caídas, folliñas que veñen e van. 

Folliñas lixeiras e secas 

fatigadas de troular. 

Folliñas que bailan co vento

todos collidos da man.

                 Antonio García Teijeiro

 


Ven onda nós o outono
dacabalo do aire;
Nos camiños da fraga
Os ourizos xa abren.
Síntoo chegar contento
da eterna viaxe
enredando entre as follas,
estreando friaxe.

            Ana María Fernández. "Ondas de verde e azul"


Don carballo chora landras

na amencida.

E don Outono baballa

néboa fría.
Don Labrego, de sombreiro,

aplaude a don Castiñeiro

con variña de abelaira.

E don Ourizo da chaira,

como non se ten coa risa,

cáenlle dentes de castaña.

 

            Helena Villar e Xesús Rábade. "Dona e Don"

 

Unha mañá, Pitiño Pispín 
saiu pasear.
Díxolle a nube: 
"PIN-PIRIN-PÍN, 
Pitiño Pispín  
coas miñas pingas 
heite mollar".
Díxolle o pito:
"Teño paraugas, 
para as túas pingas
¡PAN-PARAN -PÁN!"

            Gloria Sánchez. "Rimas con letra" 

 



Outono

ten sono,
non pode durmir.

Ponlle unha mantiña
que se queda axiña
sereno e feliz.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO. "As catro estacións"


 



Polos altos 
do pousadoiro
anda unha nena cun zoscadoiro
para zoscarlle ó vento Nordés,
porque lle puxo o paraugas do revés
e mollouna todiña da cabeza ós pes.

            Xoán Babarro "Ten, ten a miña casa ten"

 
 


Os ananos do outono
pintan as uvas.
Os rapaces asexan
as máis maduras.
Tamén os gorrións
revoan entre as cepas
de dous en dous.

            Pura Vázquez. "O libro dos cen poemas"





 
¿Queres ver coser?
Escoita chover.
Crávanse as agullas
enfiadas de auga
no pano da terra
que é saba mollada.
Baixa dona Chuvia,
cabaleira branca
mendar prados verdes
con fíos de prata.
¿Queres ver coser?
Escoita chover.

            Helena Villar e Xesús Rábade. "Don e Dona"
 
 

¡Levántate, nebra,
do bico da serra!
Aí ven San Martiño
no seu cabaliño,
que te vai levar,
que te vai pousar
na tona do mar!

            Antonio Noriega Varela.

Chegou Don Outono
coa cara amarela
de noite as estrelas
non se ven brillar.

Dona Néboa escura
pilla novo alento
para lucimento 
baixa cara ao val.

As chuvias espertan,
redidas, do sono
e a capa de ozono
parecen curar.

Xa zoa Don Vento no medio das fragas
abrea grandes chagas
na tona do mar.

¡Velaí, rapaciñas!
¡Neniños, velaí!
Que tras daquel monte
Don Inverno vai.

            Xosé Lastra Muruais

Veleiquí, Outono, grande e puro,
vestindo ao mundo de dourado,
con saibo a mosto fermentado,
a mazá, a sal, a grao maduro.

Veleiquí, Outono, nel procuro
o rumor do vento namorado,
o laio do mar ben concertado
e o misterio máis escuro.

Veleiquí, Outono, fosco e ledo,
con brasas secretas, soedosas,
acenas nas brétemas do medo.

Veleiquí, Outono, xa sen rosas,
sementando mágoas misteriosas
no meu corazón ceibe e acedo.


            Manuel María




domingo, 4 de novembro de 2018

CONTOS DE MEDO NA BIBLIOTECA. SAMAÍN 2018

https://photos.app.goo.gl/vLbQ5Zx1vKi3WhgA8
Prepárate para ver moitísimas fotos. Moitísimas, aviso!!
Este mércores celebramos a tradicional festa do SAMAÍN no colexio. Convén recordar, aínda que a estas alturas xa o sabe case todo o mundo mundial, que o noso SAMAÍN  é unha das celebracións máis antigas da nosa cultura, unha festa de orixe celta anterior á chegada do cristianismo ás nosas terras, que logo se convertiría na celebración de Todos os Santos. Chega ás nosas vilas e cidades recuperada, tras longos anos de esquecemento. Algúns quérena disfrazar de HALLOWEEN, converténdoa nunha celebración importada doutros países de fala anglosaxona, sen darse conta de que a raíz da mesma, o inicio é o SAMAÍN. 
https://photos.app.goo.gl/vLbQ5Zx1vKi3WhgA8

No cole é tradición elaborar un LIBRO DE CONTOS DE MEDO.  E aquí tedes as imaxes da celebración e da lectura dos contos de cada clase. Ademais este curso tivemos a colaboración do "CHEPUDO DE NOTRE DAME",  que accedeu a contarnos a súa historia* para dar comezo á nosa especial celebración.
*Se cadra vos interese saber que este conto sae da obra literaria de Víctor Hugo, un poeta, dramaturgo e novelista do século XIX, "A nosa Señora de París" (Publicada no ano 1831)
NORABOA A TODAS E TODOS! COMA SEMPRE, UNS CONTOS MOI ELABORADOS! 

domingo, 21 de outubro de 2018

venres, 12 de outubro de 2018

luns, 8 de outubro de 2018

A VENDIMA DE INFANTIL

https://photos.app.goo.gl/QWj3fxGEmn1dXqp1A

E para acompañar as fotos da vendima que fixeron en INFANTIL,  aquí vos deixamos:
A FÁBULA DE ESOPO "A RAPOSA E AS UVAS"

Unha raposa, morta de fame, viu ao pasar, penduradas da vide, alguns acios de fermosas uvas negras e maduras.
Ela  usou  todas as súas argucias e artimañas para collelas, mais como estaban fóra do seu alcance, acabou cansa e sen folgos, e nada conseguiu.
Despois dun tempo deu media volta  consolándose a si mesma, e medio desanimada dixo:
A verdade é que, se miro con máis atención, vexo que as uvas aínda están moi verdes, e non maduras coma eu pensei ao principio.

Sentenza: A miúdo os homes e as mulleres finximos desprezar aquilo que arelamos e non podemos conseguir.

xoves, 2 de novembro de 2017

SAMAÍN E MAGOSTO, TODO PREPARADO!

APROVEITADE E FACEDE UNHA FOTO COA SAAAANTA COMPAAAÑAAAA...!
MAÑÁ UN MONTÓN DE ACTIVIDADES ESTARÁN ESPERÁNDOVOS NO COLEXIO DE PAZOS! 
ATENCIÓN!!

* A primeira hora: CONTACONTOS da profe Azahara na Biblioteca. Conta "O noso Samaín", un libro editado por Galaxia, escrito por Loretta Birott Bermejo e ilustrado por Nuria Valdeón Balsas. 
* A continuación tres OBRADOIROS para elaborar cucuruchos, facer colares de zonchos e xogar coas castañas.
* Despois disto, DESFILE DE CABAZAS, con coreografía preparada pola profe Kelly incluída.
* LECTURA DOS CONTOS DE MEDO, contos cos que elaboraremos o xa tradicional CONTO COLECTIVO DE MEDO!
* Celebración do MAGOSTO!
ESPERAMOS QUE PASEDES UNHA MOI BOA MAÑÁ...
E NON ESQUEZADES FACERVOS UNHA FOTO COS VOSOS COMPAS E A ... SAAAANTA COMPAAAÑA...

xoves, 19 de outubro de 2017

SÓPRALLE AO OUTONO











FERMOSOS TRABALLOS 
DOS PEQUES DE INFANTIL, 
NON SI?



luns, 2 de outubro de 2017

INICIO DO CURSO NA BIBLIOTECA

Esta mañá reunímonos na BIBLIOTECA para dar a benvida ao novo curso, e de paso, presentarlles a Chispa aos novos alumnos e alumnas. Contamos a súa historia, vimos un pequeno vídeo dunha fantasma solitaria amiga dela e, SORPRESA!!!, APARECEU XAIME CUNHA MALETA DE LIBROS, pero de Chispa, nin a sombra! Ten con nós unha conta pendente, e un díaaaaaa... verémonos as caras!!
O profe Luis leunos a carta que CHISPA enviou na súa maleta!!
https://photos.app.goo.gl/G0SRYXDpOw0n5qjE3
Aquí recordámosvos a Historia dunha Meiga, a nosa CHISPA!!
Leva con nós 13 anos, como non a imos querer!
Un martes 18 de outubro, aló polo ano 2005 Chispa apareceu nas nosas vidas...
https://photos.app.goo.gl/G0SRYXDpOw0n5qjE3
Despois de ler o conto de Chispa "Historia dunha meiga", vimos o audivisual "A Fantasma solitaria" Queredes vela de novo?

domingo, 30 de outubro de 2016

CELEBRAMOS O MAGOSTO E O SAMAÍN

Días de traballo, contos, cabazas, decoración, libros, exposicións... e por fin, todo preparado. Chegou o día da celebración do MAGOSTO e o SAMAÍN coa tradicional lectura dos CONTOS DE MEDO.



xoves, 27 de outubro de 2016

SAMAÍN!!

Mañá celebramos o SAMAÍN E O MAGOSTO NO COLE!! Espérannos un montón de terroríficos contos e unhas saborosas castañas.

luns, 2 de novembro de 2015

CONTOS DE MEDO, 2015

Este xoves, como vén sendo tradicional, fixemos a lectura dos CONTOS DE MEDO. Aínda non os podemos publicar pero, esperade uns diíñas e poderedes lelos con calma. Desta vez saíron moi boas historias.
De momento podedes ver as imaxes das cabazas e da sesión na que celebramos o MAGOSTO e o SAMÁIN.

En 5º.

venres, 31 de outubro de 2014

OUTONO SAMAÍN


Levamos un tempo preparando as actividades que como cada ano facemos en torno ao outono e as celebracións do MAGOSTO e SAMAÍN: Exposicións de libros, lecturas en HORA DE LER de contos de medo, obradoiro e exposicións de cabazas, Conto colectivo dos contos de medo, celebración do magosto e do samaín coa lectura dos contos de medo, cantigas... Todo isto, a continuación en imaxes.

mércores, 29 de outubro de 2014

SAMAÍN

Create your free online surveys with SurveyMonkey , the world's leading questionnaire tool.

luns, 27 de outubro de 2014

OS FROITOS DO OUTONO

(Traballo realizado no CEIP Francisco López Estrada, de Mañón, no curso 2001 - 2002)

mércores, 23 de outubro de 2013

ALGUNHAS EXPOSICIÓNS

Nestes tempos que corren andamos a traballar con algunhas exposicións. Contámosvos: temos dúas cos libros do outono, contos de medo..., unha na Biblioteca e outra na entrada. Pero tamén imos renovando a exposición dos últimos libros etiquetados, desta forma son máis visibles; algúns agóchanse e dá moita pena, porque ao mellor están perdendo de ser lidos por ti. Imaxinas que non atopases o libro que te está esperando!!!
Uf! Seguimos. A última, na Biblio, fórmana os libros que chegaron o luns na maleta que nos trouxo Chispa.
Se aínda non o fixestes, creo que é o momento de que lle deades un repaso a todos eles. A TODOS!!!! A TODIIIIIÍSIMOSSSS! PORQUE NO OUTONO, TOCA... LER!!!

domingo, 11 de novembro de 2012

OUTONO: LEMOS NA BIBLIO

O pasado 9 de novembro asistimos na Biblioteca á lectura dos contos de medo gañadores do concurso  que o Equipo de Normalización Lingüística organizou este outono. Irene e Lucas foron os gañadores e por iso leron os seus contos aos compañeiros e compañeiras. Mmmmm... Estou pensando que teremos que falar con estes dous novos escritores para ver se nos deixan publicar a súa obra. Mmmmm... Haberá que resolver este pequeno problema mañá mesmo! 
Tamén vimos o audivisual "A castañeira", un conto popular catalán, montado coa voces do alumnado de 5º e 6º.
Despois tamén houbo lectura dos poemas, adiviñas e refráns que traballamos ao longo deste outono e que adornan a árbore do mural da entrada. En fin, que ese día, que celebramos tantas cousas xuntas: magosto, samaín, día do peón... decidimos que a mellor forma de comezar era facelo na biblio para gozar das nosas letras; das dos nosos pequenos.
Ademais tivemos moito traballo ao longo da mañá: baleiramos cabazas, desfilamos, bailamos, comemos castañas, fixemos xogos populares no patio. ¡Puff! ¡Vaia mañá!

mércores, 26 de outubro de 2011

O OUTONO - Degustamos


Como cada ano o outono é o protagonista das exposicións de libros, dos froitos e das festas a celebrar. A Biblio énchese de contos fantásticos, de medo; contacontos nos recreos; a Hora de Ler adícase a toda esta temática, etc. Pois hoxe, despois dun tempo xuntando froitos e froitas do outono entre todos e todas, decidimos que xa era hora de pasar á acción, e "meu dito, meu feito". Esta mañá, na hora do recreo, fixemos unha gran degustación de produtos típicos desta época: froitos, froitas e varios doces que algunhas "mamás cociñeiras" nos levaron. Moitas grazas a todos e a todas pola vosa colaboración.

Estas son as fotos. Primeiro veredes a preparación das mesas que fixo o alumnado do 3º ciclo -grazas tamén, claro- ; as fichas coas imaxes e os datos de cada froito ou froita, así como os seus nomes nos distintos idiomas, nunha esquiniña da gran mesa; e despois, como foron chegando o resto dos pequenos para picar un pouquiño de cada cousa: abelás, noces, castañas cocidas, mandarinas, granadas, uvas, mazás, doce de marmelo, doce de mazá, xalea de marmelo, doce de cabaza, doce de noces, ... Non sei se queda algo, pero, o que é nos pratos, non quedou moito, e senón, fixádesvos nas fotos.
Unha experiencia do máis saborosa.
Como para repetir!

xoves, 20 de outubro de 2011

OUTONO NA BIBLIOTECA



Os contos de medo, de seres fantásticos, de vampiros, de monstros e dragóns, os libros que fixemos nós noutros outonos; todos, todos eles están na Exposición da Biblio dende a semana pasada.
Imos collendo ritmo e xa empezan as primeiras cartas a Chispa, as lecturas de grandes a pequenos, xa empeza o movemento, e é tan agradable...

Uns sombreiros de bruxa están pendurados do noso teito xunto cunha vasoira voadora. Non sabemos se terá relación cos contos de medo e outros máis que estamos a elaborar nas clases.
Xa empezan a desfilar ideas, ilustracións, plantillas, portadas, libros e máis libros buscando lectores e escritores que nos fagan vibrar con máxicas historias.

Esperámosvos na BIBLIO. Esperamos os vosos contos, como cada ano. Ánimo e a ler e a escribir ata poñer os PELOS DE PUNTAAAAAAA!