Amosando publicacións coa etiqueta Patios Divertidos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Patios Divertidos. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de xuño de 2024

Un circuíto de Educación Viaria no noso patio!

Menuda sorpresa que tiñamos montada no patio ao chegar ao cole pola mañá!! 

Grazas a Eugenia, oficial de Policía Local do Concello de Ferrol, o noso patio convertérase nun circuíto de Educación viaria. 



Preme nesta foto para acceder ao álbum completo coas fotos da xornada.

Dividimos o tempo en pequenos grupos e así todas e todos puidemos aprender as normas máis básicas da educación viaria, dende os peques de infantil ata o grupo de maiores. Moitas grazas, Eugenia, pola túa paciencia.





Aprendemos e pasámolo xenial ao mesmo tempo!


Moitas grazas!

venres, 3 de xuño de 2022

Recre-retos de Chispa

Buscamos facer do noso patio un lugar no que ningúen quede atrás, un patio inclusivo pensando para todos e todas. Por iso, Chispa e o profe Pablo tiveron esta xenial idea de organizar uns "recre-retos" para os días que nos toca a pista cuberta. Pois dito e feito!

Xa levamos semanas xogando e a verdade é que xogamos a un montón de cousas: ao unihockey, a carreiras de relevos, ao futbolín humano, a atrapa a bandeira, a pedra-papel-tesoira e como non! aos xogos tradicionais que temos pintados no noso patio.





Que ben o pasamos no patio, xogando xuntos sen deixar a ninguén atrás. 

Grazas Chispa por unha idea tan xenial, e grazas ao profe Pablo por facela posible.

#espazODSparaaconcienciACCIÓN

martes, 15 de xuño de 2021

Aulas fóra!

E coa chegada do bo tempo e coa certeza do campo enxoito, aproveitamos calquera momento para sair ao marabilloso patio que temos. 

Os pequenos tiveron unha merenda con conto na zona de sombra do parque.

Os rebuldeiros sairon á pista deportiva para practicar coas medidas non convencionais a través dun xogo. Que divertido!!!

Pola súa parte, os tritóns e os maiores aproveitaron para sair á zona dos castiñeiros para a súa sesión de matemáticas. 


(podedes ver máis fotos, premendo en calquera das imaxes)

Como vedes, gozamos dun entorno privilexiado que non podemos deixar de aproveitar e moito máis neste ano, no que onde mellor podemos estar é ao aire libre. 

Pero que sortudos somos!

luns, 14 de xuño de 2021

Un patio cheo de vida 🐦

Xa sabedes que no noso cole gozamos moito de observar os paxaros xa que temos a grande sorte de escoitar rechouchíos a todas horas no noso patio. Estar rodeados de árbores é un luxazo que nos abre a porta a facer unha chea de actividades en torno ao medio natural dun xeito vivencial. 

Alá pola Candeloria, os peques do cole colocaron casiñas de madeira no patio cos arelos postos en que algún paxaro aniñara nelas. Colocaron algunhas na zona das árbores e outra, sen moita esperanza, nun piar da pista polideportiva xa que aínda que non era o mellor lugar para seren colocada, era visible desde a súa aula.

Tamén elaboraron comedeiros con sementes para lles ofrecer aos paxaros que espallaron por todas as árbores do patio.

E voilá! Sucedeu a maxia!!!


Que emoción velo entrar e sair do niño!!! 

Pero, que clase de paxaro será? Un carrizo? Un papamoscas? Un almixelo? 

Isto non podía quedar así. Había que conseguir fotografalo máis de preto. Así que aínda que costou uns días "cazalo", conseguimos un par de "fotos finish" nas que claramente puidemos comprobar de que paxaro se trataba.



Unha femia de ferreiriño común!
Anda moi atarefada carretando comida ao niño, polo que entendemos que ten as crías dentro, mais non nos atrevemos a mirar por medo a que o abandoe. Ainda que gañas non nos faltan!!!

Pero non só isto está a acontecer no noso patio. Está cheo de vida! Temos unha pomba aniñada nunha árbore da horta que leva xa catro días chocando os ovos.

E tamén atopamos unha casca dun ovo aberto debaixo doutra árbore, mais o niño non alcanzamos a velo. E o pito? Pois estará no niño ou saiu voando! Quedamos coa intriga...

Como vedes o noso patio está cheo de vida e non deixan de acontecer cousas novas cada día. Unha aventura por descubrir a diario na nosa escola que nós aproveitamos para documentar, xa que servirannos para afondar na construcción da nosas aprendizaxes.

venres, 4 de xuño de 2021

Un pé por aquí e unha man por alá: estreamos rocódromo!

Dentro das iniciativas para recuperar os espazos exteriores do centro e lograr así que o noso patio sexa cada vez máis inclusivo, decidimos instalar un pequeno rocódromo horizontal que ademáis de proporcionarnos outras posibilidades de xogo, ten a particularidade de que está formado por letras, números e algúnha que outra peza máis. Así poderemos empregalo tamén como elemento de xogo cun propósito educativo, orientado tanto á lectoescritura como ás habilidades de cálculo nos cursos máis  baixos. 

Cántos xogos estamos planeando xa!

E así foi a estrea!!!





(preme en calquera das fotos para acceder ao album completo)
Porque un patio divertido é un patio inclusivo e nel ten que haber xogos para todos e todas!

venres, 28 de maio de 2021

Pero quen anda por aquí de novo?

 Blanca Vila en acción!
(preme na foto e poderás ver máis)

Que está facendo agora? Onde van estar colocadas estas figuras tan bonitiñas que está pintando para nós Blanca Vila? A verdade é que non soltou prenda, pero polo que parece a sorpresa vai ser tamaño súper-mega-xigante.

mércores, 12 de maio de 2021

Un patio para emocion-arte. Pintando con Blanca Vila.

Este ano máis que nunca, no que o distanciamento social é norma, precisábamos crear algo na nosa escola que nos emocionara. Así que mans á obra. 

Tras un proceso de reflexión decidimos encher o noso patio con cores que falen das emocións, do que nos gusta e o que nos disgusta, o que nos fai felices e o que nos da medo... Visibilizando os nosos sentimentos somos capaces de xestionalos. Así, entre todos e todas, facemos que o noso patio sexa un espazo único para a convivencia e a inclusión.

Pensando e pensando, animámosnos a realizar unha intervención artística sobre o muro gris que tiñamos na zona das gradas, para o que pedímoslle colaboración a Blanca Vila. Coñecédela, verdade? Blanca é unha ilustradora ferrolá vinculada ao Movemento das Meninas de Canido e que xa deixou a súa pegada noutros lugares do cole. Podedes ver esas "pegadas" premendo aquí.

Cada grupo, tras falar sobre as emocións en sesións de titoría, do que nos fai sentir ben e o que nos desagrada, realizou un deseño que simbolizase as súas inquedanzas sobre o tema. Xuntámonos así con 64 deseños, un por cada neno ou nena da escola, para formar un mural colectivo para emocion-arte. Creamos entre todos e todas algo que nos fai sentir o patio como propio, un lugar de encontro e un espazo para a convivencia.

Blanca Vila foi a encargada de trasladar os nosos deseños á parede e acompañounos en todo o proceso creativo. Moitas grazas pola axuda.

Ai... si, si! Que faltan as fotos do proceso. É verdade!












Pero isto é só unha mostra. Preme en calquera das fotos se queres velas todas, todas, todas.

Aínda non está rematado, non vos vaiades pensar. Fáltanlle os pequenos detalles e... ata aquí podedes saber. 

Non vos perdades o resultado final, eh?