luns, 14 de xuño de 2021

Un patio cheo de vida 🐦

Xa sabedes que no noso cole gozamos moito de observar os paxaros xa que temos a grande sorte de escoitar rechouchíos a todas horas no noso patio. Estar rodeados de árbores é un luxazo que nos abre a porta a facer unha chea de actividades en torno ao medio natural dun xeito vivencial. 

Alá pola Candeloria, os peques do cole colocaron casiñas de madeira no patio cos arelos postos en que algún paxaro aniñara nelas. Colocaron algunhas na zona das árbores e outra, sen moita esperanza, nun piar da pista polideportiva xa que aínda que non era o mellor lugar para seren colocada, era visible desde a súa aula.

Tamén elaboraron comedeiros con sementes para lles ofrecer aos paxaros que espallaron por todas as árbores do patio.

E voilá! Sucedeu a maxia!!!


Que emoción velo entrar e sair do niño!!! 

Pero, que clase de paxaro será? Un carrizo? Un papamoscas? Un almixelo? 

Isto non podía quedar así. Había que conseguir fotografalo máis de preto. Así que aínda que costou uns días "cazalo", conseguimos un par de "fotos finish" nas que claramente puidemos comprobar de que paxaro se trataba.



Unha femia de ferreiriño común!
Anda moi atarefada carretando comida ao niño, polo que entendemos que ten as crías dentro, mais non nos atrevemos a mirar por medo a que o abandoe. Ainda que gañas non nos faltan!!!

Pero non só isto está a acontecer no noso patio. Está cheo de vida! Temos unha pomba aniñada nunha árbore da horta que leva xa catro días chocando os ovos.

E tamén atopamos unha casca dun ovo aberto debaixo doutra árbore, mais o niño non alcanzamos a velo. E o pito? Pois estará no niño ou saiu voando! Quedamos coa intriga...

Como vedes o noso patio está cheo de vida e non deixan de acontecer cousas novas cada día. Unha aventura por descubrir a diario na nosa escola que nós aproveitamos para documentar, xa que servirannos para afondar na construcción da nosas aprendizaxes.

Ningún comentario: